A Deputación de Lugo recibe 3 ofertas de Galicia e 1 de Estados Unidos para xestionar o Centro de Recría

O organismo provincial deu a coñecer nun acto público as catro ofertas presentadas, correspondentes ás seguintes firmas: Dairy Experts Inc., de California; Recría Castro S.L.U, con sede en Cospeito; Ganados Deus, de Begonte; e CR Aleitar S.L, de Taboada

A Deputación de Lugo recibe 3 ofertas de Galicia e 1 de Estados Unidos para xestionar o Centro de Recría

Darío Campos visitando o Centro de Recía

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, deu a coñecer este xoves as catro ofertas presentadas para a concesión do servizo do 1º Centro de Recría de Gando Vacún público en España, construído en solitario polo Goberno Provincial con máis de 10 millóns de euros. Son 4 firmas, 3 galegas e 1 norteamericana: Dairy Experts Inc., de California; Recría Castro S.L.U., de Cospeito; Ganados Deus S.L, de Begonte; e CR Aleitar, de Taboada.

Para a adxudicación, tal e como recollen os pregos que elaborou o Goberno da Deputación coa colaboración de reputados expertos da Universidade de Santiago de Compostela, como Francisco Sineiro e Eduardo Yus, terase en conta, coa maior puntuación, principalmente, a rebaixa no prezo de recría; a base cooperativa para a participación directa dos gandeiros ou as melloras na xestión con respecto ás fixadas nos pregos (protocolos sanitarios, medios materiais, contratación de profesionais…).

Por exemplo, cumprindo coas recomendacións dos expertos, nos pregos fixouse un prezo máximo de recría de 2,83 por cabeza de gando ao día. As ofertas que impliquen unha redución desta tarifa acadarán 35 puntos. A participación dos gandeiros no proxecto e as melloras en canto á explotación, puntuaranse con 12,5 puntos respectivamente. Tamén se puntuará favorablemente o maior número de empregos creados, que terá que ser dun mínimo de 10.

Próximos pasos

Os nomes dos licitadores fixéronse públicos en San Marcos nun acto aberto, no que participaron técnicos provinciais e representantes das empresas e entidades interesadas. Durante o encontro, a Mesa de Contratación revisou as ofertas presentadas e procedeu á apertura da documentación requirida no proceso: o sobre A, coa documentación administrativa; e o sobre B, coa oferta técnica, na que se inclúe o proxecto de explotación e a participación dos gandeiros no proxecto.

A partir de agora, os técnicos provinciais avaliarán e puntuarán cada unha das catro ofertas técnicas recibidas, atendendo a unha serie de criterios establecidos, como o plan de calidade, a relación de obras a executar, as melloras nos medios materiais, a adhesión de organizacións de economía social e o compromiso de colaboración con explotacións gandeiras da provincia, entre outros.

Unha vez concluída esta fase, a Mesa de Contratación volverá convocar os posibles licitadores para comunicarlles a súa puntuación e proceder á apertura do sobre C, no que se inclúen as propostas do canon anual e as tarifas aos usuarios. Todos os detalles sobre os criterios de adxudicación poden consultarse no Prego de Cláusulas Administrativas Particulares, dispoñible no portal do perfil do contratante do Estado.

Control público

O Goberno da Deputación prevé que o Centro de Recría abra as súas portas nesta primavera, unha vez resolto o proceso de concesión de servizos que continúa aberto. A licitación concederase por un período de 15 anos prorrogables e a Deputación poñerá a disposición do licitador unhas instalacións valoradas en 15,9 millóns de euros, que inclúen 15 naves -13 delas de nova construción-, unha área de boxes para as crías e unha planta de biogás que subministrará enerxía ao Centro, ademais dos terreos, que suman en total 182 hectáreas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información