A Deputación de Lugo proxecta un plan de desenvolvemento sostible na serra do Xistral

O organismo provincial aspira a lograr 1,4 millóns de euros de fondos europeos para impulsar actividades agrogandeiras e forestais en equilibrio coa conservación do espazo natural

A Deputación de Lugo proxecta un plan de desenvolvemento sostible na serra do Xistral

A Deputación de Lugo encara a segunda fase da solicitude dun programa Life europeo co que aspira a impulsar un plan de desenvolvemento sostible na serra do Xistral. O organismo provincial acordou adicar 200.000 euros ó proxecto no caso de que a Comisión Europea lle outorgue os 1,4 millóns de euros solicitados.

O proxecto está impulsado pola Deputación e conta coa participación de 12 Concellos da área do Xistral, así como das Universidades de Santiago e da Coruña. A idea de fondo consiste en impulsar actividades agrogandeiras e forestais que se poidan desenvolver en equilibrio coa conservación da natureza, pois a Serra do Xistral está enclavada na Reserva da Biosfera e é ademais zona de Rede Natura.

“Non se pode promover a conservación da natureza sen frear a despoboación e impulsar a actividade económica e humana” (Álvaro Santos)

Para a iniciativa, cóntase coa colaboración de 8 comunidades de montes veciñais enclavadas no Xistral e tamén se buscará a implicación de propietarios e explotacións particulares.

Conservación e rendas
“Este proxecto vai en consonancia co que sempre defendemos, pois non se pode promover a conservación medioambiental do territorio sen medidas que promovan a convivencia da actividade económica e humana, freando así o despoboamento”, valorou esta mañá o portavoz da Deputación, Álvaro Santos.

No Xistral hai arredor de 22.000 hectáreas incluídas en espazos protexidos que abarcan os concellos de Abadín, Alfoz, Mondoñedo, Muras, Ourol, O Valadouro, Vilalba, Xermade, Xove, Viveiro, Cervo e As Pontes. Esa protección medioambiental do espazo leva a que existan restriccións nos aproveitamentos produtivos.

Co proxecto que trata de impulsar a Deputación, búscase “acadar a máxima rendibilidade para o territorio”, sinalou Santos. “Queremos implicar ós veciños que viven na zona, tanto gandeiros como propietarios forestais. Unha das cuestións que queremos impulsar é a implantación de sistemas agrarios de alto valor natural”.

Prevese tamén a realización de actividades formativas, así como sistemas de participación veciñal no proxecto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información