A depuración do censo do Craega xera malestar nalgúns produtores

A Fruga denuncia que, de cara ás próximas eleccións no Consello Regulador, se desen de baixa aos produtores sen actividade no Craega no último ano. O actual presidente ou Unións Agrarias defenden que se depure o censo e lembran que así o establece a normativa.

Publicidade
A depuración do censo do Craega xera malestar nalgúns produtores

A depuración do censo electoral de produtores con dereito a voto nas eleccións ao Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), está a xerar malestar nalgúns produtores e xa suscitou as protestas da Federación Rural Galega (Fruga).

O vindeiro 9 de xullo celebraranse eleccións ao Craega e dos algo máis de 1000 produtores inscritos terán dereito a voto e a ser elixidos arredor de 900, tras a decisión do último pleno de depurar máis de 100 produtores, a maioría de horta, que non rexistraron actividade no Craega no último ano.

Esta decisión provocou a protesta da Federación Rural Galega (Fruga), quen a través dun comunicado critica que “os censos non inclúen a todos e todas as produtoras certificadas na Galiza, aínda que cumpran escrupulosamente coa normativa ecolóxica, o pagamento das correspondentes cotas anuais e as inspección periódicas ás que someten o Craega aos e ás asociadas”. “Pola contra, só poderán votar ou ser elixidos os produtores e produtoras que emitiran “volantes” certificativos no último ano”.

É dicir, só poderán participar nas eleccións aqueles produtores que comercializan legalmente a través de venda a distribuidoras, industria transformadora ou tendas, emitindo un certificado do Craega que certifica o produto como ecolóxico e supón unha taxa do 2% sobre o prezo do produto. Esta tasa destínase a financiar a actividade de funcionamento e promoción da produción ecolóxica que fai o Consello Regulador.

“O caso é que os labregos e labregas que comercializan directamente as súas producións en feiras e mercados non emiten tais documentos, e por primeira vez vanse deixar fóra do censo electoral”, denuncian dende a Fruga.

Ademais, tacha de “escurantista” o proceso electoral xa que “a dirección do Craega en ningún momento informou aos seus asociados e asociadas do inicio do proceso electoral nin moito menos da publicación de censos a tal efecto”.

O feito de que a maior parte dos integrantes da lista que presentou a Fruga ás eleccións ao Craega non cumpran co requisito de ter actividade no consello fai prever que a súa candidatura será invalidada.

Sindicato Labrego: “Retirouse do censo a quen non utilizou contraetiquetas, non a quen non tiña actividade”

Unha postura que tamén comparte o Sindicato Labrego Galego, que presentou candidatura ao Craega en produción vexetal e en animal. “En realidade non se retirou do censo a quen non tiña actividade, senón a quen non utilizou contraetiquetas, que é moi distinto”, subliña Isabel Vilalba, secretaria xeral da organización agraria.

“Claro que vemos mal ese criterio pois desta forma non poden participar nas eleccións do Craega persoas inscritas e que están cumprindo todas as condicións”, engade.

Como motivos para non utilizar contraetiquetas do Craega no último ano, a representante do Sindicato Labrego lembra que “hai persoas que ao iniciarse na actividade durante o primeiro ano e incluso a veces durante o segundo non producen”. “Ademais -engade- hai persoas agricultoras orientadas á venda directa ás que utilizar contraetiquetas non lles é útil e suponlles un custo”.

“Ao Sindicato Labrego parécenos que esta orientación á venda directa no mercado local debería ser incluso un valor a potenciar dentro da produción ecolóxica galega”, conclúe.

O presidente do Craega e Unións Agrarias defenden se requira ter actividade no Craega para participa nas eleccións

Dende Unións Agrarias, o seu representante no Craega, José Ramón González, defende a decisión de depurar o censo electoral “pois en todos os Consellos Reguladores entendemos que debe ser requisito ineludible para votar ou ser elixido ter actividade económica legal e declarada ante Facenda de produción agraria ou gandeira”.

“¿Como pode ter poder de decisión no Craega unha persoa que non ten actividade ou que, a pesar de estar inscrito, fai competencia desleal aos outros produtores vendendo sen certificar e mesmo sen pagar impostos?”, pregúntase o representante de Unións Agrarias.

Na mesma liña se pronuncia José Antonio Fernández, o actual presidente en funcións do Craega. “O que decidimos no Pleno non foi máis que aplicar a orde da Consellería do Medio Rural”, subliña.

Unións Agrarias: “¿Como pode votar no Craega un produtor sen actividade que vende sen certificar e mesmo sen pagar impostos?”

Efectivamente, a orde de convocatoria de eleccións aos consellos reguladores publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 3 de abril establece que “No caso dos inscritos no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, (….) os inscritos con alta anterior ao 1 de xaneiro de 2017 deberán ter actividade durante o ano 2016, mentres que os inscritos con alta posterior a esa data poderán figurar nos censos aínda que non tivesen actividade. Con carácter xeral, entenderase que tiveron actividade os produtores e industrias que demostren facturación de produtos ecolóxicos ou, no caso de comercializadores ou de industrias que traballen á maquía ou exerzan de intermediarios, que demostren ter fluxo de produto ecolóxico”.

“Abonda que polo menos tivesen unha venda co volante certificativo do Craega. Isto sabíase dende hai tempo e houbo tempo para reclamar”, engade o presidente do Craega.

“O obxectivo é que os produtores ou operadores inscritos no Craega teñan realmente actividade e se comprometan coa certificación como mellor garantía para o consumidor, así como apostar pola profesionalización, evitando fraudes con certificación de palabra dos produtos ecolóxicos”, conclúe José Antonio Fernández.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información