Denuncian un novo ataque de lobo en Cervantes a escasos 100 metros das vivendas

Denuncian un novo ataque de lobo en Cervantes a escasos 100 metros das vivendas

Foto do ataque

As explotacións do Lugar de Moreira, na parroquia de Donis, concello de Cervantes, veñen de sufrir o sétimo ataque do lobo ao longo deste ano, esta vez a escasos 100 metros das casas.

Segundo denuncia o sindicato Unións Agrarias, “neste pobo hai seis explotacións que aproveitan os pastos comunais durante a maior parte do ano co seu gando, cos rabaños sempre hai mastíns e aínda así no que vai de 2016 xa sufriron sete ataques do lobo coa perda de cinco xatos e 2 feridos”.

Este último ataque produciuse a escasos 100 metros das vivendas do pobo e acabou coa perda dun xato dunha das explotacións, “a pesar de que había un rabaño dunhas 30 nais e dous cas mastín no mesmo lugar”.

“A Consellería de Medio Ambiente debería actuar para controlar os censos de lobos”

Neste sentido, para Unións Agrarias “é obvio que existe nas inmediacións do lugar de Moreira unha manda de lobos moi habituada a alimentarse de gando doméstico e a actuar sen importarlle a presenza humana”.

Neste sentido, a organización agraria demanda “unha resposta axeitada” por parte da Consellería de Medio Ambiente, “quen debería de activar un protocolo de identificación da manda responsable, a súa ubicación, e articular medidas de control que supoñan a caza dos exemplares máis conflitivos”.

“Non deberían pasar máis de 3 meses entre o ataque e o cobro da axuda”

Ademais, lembran que “en toda a parroquia de Donis e en case todo o concello de Cervantes, así como no de Navia de Suarna se rexistran ataques identificados e incluso animais desaparecidos dos cales non se atopan restos”.

Por último, Unións lembra que “é indispensable a axilidade da Consellería do Medio Ambiente no pago das indemnizacións aos gandeiros afectados, que non deberían de pasar do prazo de tres meses entre o ataque e o cobro da axuda, así como dispor dun censo actualizado e verídico das mandas de lobo existentes na comarca de Ancares”. Igualmente, demándalle á Xunta que “poña en marcha medidas de control dos censos como se fan en outras Comunidades Autónomas”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información