Denuncian que os titulares e socios de explotacións con máis de dous empregados deberán facerse autónomos

O SLG pide ao Goberno a derrogación dos novos criterios establecidos no Real Decreto-Lei publicado este mércores e que impiden ter contratados a máis de dous traballadores por conta allea para poder formar parte do Sistema Especial de Traballadores Agrarios

Publicidade
Regueiro-Branco_sala_muxido

Ate agora cada socio dunha SAT podía ter contratados a dous empregados para traballar na explotación

O Sindicato Labrego Galego vén de rexistrar este venres un escrito diante da Delegación do Goberno en Galicia para solicitar a derrogación da modificación permanente dos novos criterios de inclusión no Sistema Especial de Traballadores Agrarios (SETA). Estas modificacións están vixentes desde este xoves 23 de abril, un día despois da súa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) a través do Real Decreto-lei 15/2020 de medidas urxentes complementarias para apoiar a economía e o emprego.

“Estes cambios producíronse sen que houbese un diálogo previo coas organizacións agrarias”, denuncia o SLG. A través do Real Decreto aprobado o Goberno do Estado introduce con carácter permanente unha modificación dos requisitos de inclusión no SETA que implica que moitas destas persoas traballadoras se verán obrigadas a pasar ao Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA), segundo alerta o sindicato.

Impónselles ás explotacións un tope máximo de dous traballadores por conta allea se queren seguir dentro do SETA, con independencia de que se trate dun só titular ou dunha sociedade con varias persoas socias

Isto é así porque non se ten en conta a posibilidade de que poida haber varias persoas compartindo a titularidade dunha explotación agraria aos efectos de computar o número máximo de traballadores por conta allea que poderían ter para seguir encadrados dentro do SETA. Isto aféctalle, sobre todo, ás explotacións que se fusionaron nos últimos anos, pois até agora permitíanlles ter máis de dous traballadores contratados por conta allea por cada unha das persoas titulares das explotacións fusionadas; con esta modificación, impónselles a estas granxas un tope máximo de dous traballadores por conta allea se queren seguir dentro do SETA, con independencia de que se trate dun só titular ou dunha sociedade con varias persoas socias.

O SLG considera que “estes cambios pretenden facerse con carácter permanente, non de maneira transitoria durante o tempo que dure o estado de alarma e non van favorecer o emprego ou afiliación no SETA”, denuncia a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba.

Estes cambios pretenden facerse con carácter permanente, non de maneira transitoria durante o tempo que dure o estado de alarma

“A explicación para a modificación que denunciamos figura na exposición de motivos do texto legal e é que se pretende prescindir dos requisitos vinculados a rendas do traballo para facilitar o acceso ás garantías sociais dos pequenos agricultores e mitigar o efecto da pandemia polo Covid-19 que, ante a posibilidade de reducir drasticamente a súa produción e, polo tanto, as súas rendas agrarias farían inviable a súa permanencia no sistema especial tal e como está actualmente configurado, xa que non cumpriría con ditos requisitos”, explica.

Persoas que compatibilizan o traballo agrario con outra actividade

En consonancia co sinalado na exposición de motivos, o Real Decreto elimina o requisito da obtención do 50% das rendas da actividade agraria e o 25% como resultado do traballo directo, adicándolle como mínimo a metade do tempo total de traballo.

Porén, ao introducir esta modificación con carácter permanente, a partir da súa entrada en vigor, “deixa nunha situación de inseguridade xurídica moitas persoas titulares dunha explotación que teñen de forma simultánea outra actividade, pois elimínase o requisito do 50% pero non se establece ningún outro criterio que determine os límites con outras actividades”, considera o Sindicato Labrego.

Elimínase o requisito da obtención do 50% das rendas da actividade agraria e o 25% como resultado do traballo directo

Tamén se elimina o límite máximo no beneficio da explotación (o 75% da base máxima de cotización) para considerar o encadramento en SETA ou RETA, co que se elimina un dos poucos criterios claros para determinar a inclusión nun sistema ou noutro e que, até agora, viña servindo para determinar o teito de beneficios que podía ter unha explotación con afiliación ao SETA.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información