Denuncian que o sector cunícola “está secuestrado pola distribución e os matadoiros”

Denuncian que o sector cunícola “está secuestrado pola distribución e os matadoiros”

Protesta dos cunicultores en Madrid

A Unión de Pequeños Agricultores y Ganaderos (UPA), fixo públicos os “lamentables” datos da crise que atravesa o sector cunícola español. En 2011, España tiña 3.087 explotacións cunícolas rexistradas, hoxe en día son apenas 1.500. “E o peor é que segue baixando”, advirten na organización agraria: “calculamos que a finais de 2016 só quedarán preto de 1.300”. Comunidades como Cataluña e Aragón perderon preto da metade das súas granxas e en Estremadura e Andalucía xa practicamente non queda ningunha.

A crise do sector vén determinada porque o prezo que veñen recibindo os produtores desde hai xa algúns anos non cobre os custos de produción. O prezo medio que se lle pagaba aos cunicultores no 2014 era de 1,71 €/kg, mentres que en 2015 foi de 1,56 €/kg (o que supón unha baixada do 10% respecto ao ano anterior) e en 2016 foi 1,46 €/kg. E, mentres, o custo de producir un quilo de coello é 1,80 €.

“O sector está afogado e é un milagre que, a pesar de todo, algúns sigan resistindo coa que está a caer”, indicaron en UPA. “Iso si, fano á conta dos seus bens e familias”, avisaron, “cando xa non aguanten máis perderían todo na loita por tentar saír do pozo”. Nos dous últimos anos as perdas acumuladas ascenden a 63 millóns de euros.

“O sector está secuestrado pola distribución e polos matadoiros”

UPA explicou que a razón desta crise de prezos é que o sector está secuestrado pola distribución e os matadoiros. Por iso, UPA insiste en que as lonxas teñen que ter unha xestión equilibrada e transparente, cun número de operadores significativo por ambas as ramas e non servir aos intereses dunha das partes como sucede nestes momentos. Así mesmo, é preciso recuperar un funcionamento normal na interprofesional baseado no consenso.

Ademais, con estes datos na man, a organización agraria esixiu que o Ministerio de Alimentación, Agricultura e Medio Ambiente convoque “de forma inmediata” a mesa do sector para reunir a todas as partes e alcanzar un acordo “antes de que os produtores sucumban”. “É urxentemente necesario que o Ministerio alente un plan de recuperación”, din en UPA, “que pase por un prezo sustentable para os produtores e un impulso do consumo con campañas de promoción para recuperar un produto moi noso dun sector que ten a capacidade de ser motor en moitas rexións”.

En todo caso, UPA non descarta volver mobilizar aos cunicultores se a solución non chega e, visto o nivel de individualismo co que están a actuar outras organizacións, UPA tentará como ata agora facer fronte común de todos os cunicultores españois.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información