Demandan máis esixencias para o selo Productos Lácteos Sostenibles (Pls)

O Ministerio de Agricultura anuncia en Santiago que o decreto sobre etiquetaxe do leite remitiuse a Bruxelas e que se espera aprobar antes de final de ano. Máis de 400 persoas participan na xornada “O sector lácteo a debate: horizonte 2027”, organizada por Unións Agrarias-UPA

Demandan máis esixencias para o selo Productos Lácteos Sostenibles (Pls)

A conselleira Ángeles Vázquez xunto a Román Santalla e Roberto García.

A Interprofesional Láctea (Inlac) demanda máis concreción ao Ministerio de Agricultura na definición do selo Produtos Lácteos Sustentables (PLS). Así o adiantou José Armando Tellado, presidente da Interprofesional Láctea e director xeral de Capsa, na xornada xornada “O sector lácteo a debate: horizonte 2027”, organizada por Unións Agrarias-UPA, e que reuniu este xoves a máis de 400 profesionais en Santiago de Compostela.

En concreto, o representante da interprofesional avanzou que demandarán ao Ministerio unha maior concreción do que é PLS e mesmo un cambio na denominación. En concreto, Inlac pide unha maior definición en canto ao prezo, das condicións do contrato e da duración, así como das marxes entre industria e gandeiro e entre industria e distribución.

“O Ministerio ten que recoller a proposta e facer unha formulación do que é Produto Lácteo Sustentable con miras cara ao futuro, en base a un bo sistema de contratación que estea avalado pola negociación colectiva”, destaca Román Santalla, secretario de Gandería de Upa.

Unha petición de cambios e de maior claridade na definición de Pls que tamén demandan os consumidores. Neste sentido, Miguel López Crespo, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) criticaba hai uns meses que a definición de Produtos Lácteos Sustentables (PLS) “non lle garante ao consumidor que a industria e a distribución están a pagarlle ao gandeiro un prezo xusto e sustentable polo leite”. “Non existen controis máis aló das declaracións de intencións e de responsabilidade da empresa, pero non hai garantías efectivas de control nin hai transparencia”, engadía.

Queda agora en mans do Ministerio recoller a proposta e que o sector se poña de acordo nunha definición máis concreta do selo PLS.

O decreto sobre etiquetaxe do leite remitirase a próxima semana a Bruxelas

Ademais, o secretario xeral de Agricultura e Alimentación, Carlos Cabanas, destacou durante a súa intervención na xornada que xa se concluíu a fase nacional da tramitación do real decreto sobre identificación da orixe do leite e os produtos lácteos, de tal forma que a próxima semana remitirase o texto aos servizos da Comisión Europea para o seu informe preceptivo.

Unha vez que se dispoña do informe favorable da Comisión, a norma enviarase á consideración do Consello de Ministros, que podería aprobalo antes de final de ano.

Segundo manifestou Cabanas, “con esta nova norma facilitarase aos consumidores a identificación daqueles produtos de orixe española, o que contribuirá a poñer en valor o leite e produtos lácteos elaborados en España”.

Carlos Cabanas: “O decreto de etiquetaxe poderíase aprobar antes de final de ano”

A esixencia da etiquetaxe da orixe do leite e dos produtos lácteos é unha demanda unánime tanto de organizacións agrarias como de consumidores, que critican o atraso do Ministerio en aprobar unha norma que países como Francia, Italia ou Portugal xa están a aplicar.

Por outra banda, na xornada “O sector lácteo a debate: horizonte 2027” tamén interveu Carlos Martín Ovilo, responsable da Unidade de Mercados da Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea. Avanzou que Bruxelas está a elaborar un “paquete de hixiene” coas malas prácticas comerciais na Unión Europea, que permitirá reforzar a transparencia e loitar contra as prácticas fraudulentas no sector lácteo.

Ademais, Carlos Martín Ovilo anunciou que se reforzará o papel das Organizacións de Produtores (OP) na negociación dos prezos, evitando que un gandeiro membro dunha OP realice unha negociación individual coa industria.

Jordi Morales (Lidl): “O consumidor demanda leite de vacas que pastan, con benestar animal”

Por último, Jordi Morales, xerente de compras de Lidl para España e Europa, destacou as novas tendencias de consumo de leite e de produtos lácteos para os próximos anos. Neste sentido, subliñou que os consumidores demandan cada vez máis información sobre a orixe do leite, a forma na que foi producido e, sobre todo, o benestar animal. “Os consumidores demandan leite de vacas felices, que pasten e con benestar animal”, subliñou. Igualmente, destacou que as vendas de produtos alimentarios ecolóxicos multiplicaranse en España nos próximos anos.

A xornada “O sector lácteo a debate: horizonte 2027” foi clausurada pola Conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información