Demandan axudas para o sector vitivinícola ante o desplome das vendas

Publicidade
Demandan axudas para o sector vitivinícola ante o desplome das vendas

A Asociación Galega de Viticultura (AGV) reclámalle á Xunta de Galicia medidas de apoio ao sector vitivinícola galego ante o desplome das súas vendas.

E é que a declaración do estado de alarma, co conseguinte peche dos restaurantes, bares, cafeterías e eventos sociais, supuxo deixar ás adegas galegas sen os principais destinatarios dos seus viños. “O sector tampouco pode recorrer á exportación, pois coa situación da pandemia a nivel mundial a vía do comercio exterior tamén está anulada”, advirten dende a asociación

Neste sentido, lembran que “cos ingresos bloqueados debido á paralización das vendas, as adegas non poden poñer o fecho no capítulo dos gastos recorrendo, como noutros sectores, a medidas laborais ou redución doutros insumos. E é que as vides non entenden de pandemias nin agardan, elas seguen os seus ritmos biolóxicos, polo que hai que seguir facendo os traballos de campo que buscan garantir a próxima colleita de uva, os viños do seguinte ano e que darán continuidade económica ao proxecto da adega, creando emprego no rural”.

“É dicir -denuncian dende a AGV- os compromisos de gastos seguen a acumularse, creando unhas tensións de tesourería que levan as adegas a faltas de pagamento e situándoas na porta do peche da actividade, coa consecuente destrución de emprego”.

Medidas de apoio ao sector

Ante esta situación, a Asociación Galega de Viticultura considera necesario que se habilite con urxencia un plan específico de apoio ao sector vitivinícola galego “que lle permita fundamentalmente (….) resolver e avalar a liquidez evitando o colapso da tesourería xa que a súa capacidade de aguante económico e financeiro vai estar en función do tempo que dure o estado de alarma e se reactive a recuperación económica”.

En concreto demandan a Xunta e Goberno Central as seguintes medidas:

-Flexibilidade fiscal mediante moratorias: liquidación do IVE, taxas e outros impostos

-Apoio ao mantemento do emprego activo: Moratoria das cotas da Seguridade Social dos traballadores propios e autónomos.

-Financiamento: Habilitar, mediante instrumentos públicos como pode ser o ICO, liñas de crédito a tipo de xuro 0%, e cun ano de carencia. As vías de crédito abertas por medio da banca privada supoñen un endebedamento económico, cun custo que representa un lastre na futura recuperación económica para as adegas.

-Moratoria dos créditos hipotecarios durante o estado de alarma, cun pago fraccionado até tres meses despois de terse levantado este.

A Asociación Galega de Viticultura xa lle trasladou estas propostas á Consellería do Medio Rural instándolle a que traballe na elaboración dun plano de apoio ao sector vitivinícola galego para o “día despois”, que permita valorizar os viños entre os consumidores, dentro e fora da Galiza, e a recuperación do consumo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información