A demanda de biomasa para usos enerxéticos dispárase en Galicia

Galicia cuadriplicará en dous anos a capacidade instalada de consumo de restos de corta, pasando de 476.000 toneladas a 1,7 millóns de toneladas, segundo o informe da cadea da madeira de Xera

A demanda de biomasa para usos enerxéticos dispárase en Galicia

Empacadora de biomasa forestal de Greenalia.

Galicia está a entrar nunha época na que os recursos do monte cobran un novo valor. O cambio climático obriga a reducir o consumo de combustibles fósiles, o que incentiva o despegue de alternativas como o aproveitamento da biomasa forestal residual para a produción enerxética. En dous anos, Galicia cuadriplicará a súa capacidade instalada de consumo de biomasa, pasando das actuais 476.000 toneladas a 1,7 millóns de toneladas, segundo revela o informe da cadea da madeira que vén de presentar a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera).

Se se ten en conta que o monte galego produce cada ano entre 1,5 e 2 millóns de toneladas de restos de corta, a conclusión é clara. Os restos de corta convertiranse en breve nun recurso codiciado no monte galego. O primeiro chanzo de demanda subirase a comezos do 2020, cando entre en funcionamento a planta de produción de enerxía eléctrica con biomasa que Greenalia está montando en Teixeiro (Curtis, A Coruña), que se espera que consuma máis de 500.000 toneladas de restos de corta.

A ese proxecto seguiranlle distintas iniciativas da industria forestal para aumentar o seu consumo de restos de corta e de subprodutos do seu proceso fabril. As factorías de taboleiro teñen previsto sustituír por biomasa o seu actual sistema de coxeneración con fuel, co que xeran calor para o seu proceso industrial e electricidade para a rede. Ese cambio, unido ós aumentos de consumo de Ence Navia e ós que poida acometer Ence Pontevedra, deparará un aumento da capacidade instalada de uso da biomasa residual doutras 700.000 toneladas no 2021.

A ecuación complétase coa central de produción eléctrica con biomasa que Forestalia está levantando no Bierzo e que en teoría abastecerá parte da súa demanda do mercado galego a partir do 2020, segundo se valora no informe de Xera, no que se calcula que a demanda total da biomasa forestal galega para usos enerxéticos pode situarse nuns 2 millóns de toneladas no 2021.

Cinco interrogantes sobre o aumento do consumo de restos de corta

O monte galego ten capacidade para suministrar 2 millóns de toneladas ó ano de biomasa para usos enerxéticos?
“Unha cuestión é a capacidade de consumo e outra distinta é a capacidade de suministro, pois hai factores inherentes á loxística e ó minifundio dos aproveitamentos forestais que dificultan ese suministro”, sinala o director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, Juan Picos, coordinador do informe de Xera.

“Cando entre en funcionamento a planta de Greenalia, é probable que vexamos cambios nas cortas forestais” (Juan Picos)

“Outro factor a ter en conta é que a parte dun aproveitamento que se considera resto de corta é variable; depende de cuestións como o tamaño do lote ou a necesidade de madeira dunha industria. Estes condicionantes poden levar a que se aproveiten as partes máis delgadas para uso industrial ou a que se desboten como restos de corta. De aí que en Galicia falemos dunha cantidade de restos de corta nun abano amplo de 1,5 – 2 millóns de toneladas”, explica Picos.

“Probablemente cando entre en funcionamento a planta de Teixeiro vexamos cambios nas cortas forestais. Quizais aumenten os restos de corta para o seu empacado con destino a esta planta”, valora o director da Escola de Enxeñería Forestal.
Unha última cuestión a considerar é que cando se fai unha corta, o propietario forestal ten a opción de triturar os restos de corta e de incorporalos ó terreo como abono para o seguinte ciclo de plantación.

Por tanto, non tódolos restos que se xeran en Galicia serán potencialmente aproveitables para enerxía. Claro que a propia industria forestal, tanto a de taboleiros como a de papel, ten tamén capacidade de suministrarse de biomasa a partir de subprodutos do seu proceso industrial ou por outras vías, polo que non toda a demanda de biomasa terá que ser cuberta polo monte galego.

Pagaráselle ó propietario pola extracción de restos de corta no monte?
É un dos cabalos de batalla dos propietarios forestais. O director da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans, subliña que os propietarios están á espera de que se aclare o prezo que terá a biomasa forestal en Galicia. “Queremos tranparencia e claridade sobre o valor dos restos de corta, que é o que dicta a lóxica de mercado. Tamén hai que deixar claro que a biomasa é un recurso do monte, non un residuo, como se escoita ás veces”, cuestiona.

“A biomasa é un recurso, non un residuo. Queremos transparencia sobre o valor dos restos de corta” (Francisco Dans, Asociación Forestal de Galicia)

A maior ou menor porcentaxe do aproveitamento forestal que se destine a uso enerxético é outra cuestión a ter en conta, pois modificará a cantidade percibida polo propietario en concepto de madeira.

Desde Greenalia, vén salientándose que a retirada dos restos de corta do monte suporalle ó propietario un aforro de arredor de 3 euros por tonelada de madeira cortada, pois evítase así o custo de trituración da biomasa en monte, obrigada pola normativa vixente. A maiores, queda por comprobar qué cantidades poden abonarlle ó propietario as empresas madeireiras pola biomasa que envíen a Greenalia.

É eficiente o uso enerxético da biomasa?
O uso da biomasa para a produción de electricidade ten unha eficiencia baixa, no entorno do 30-35%, en tanto que na produción de calor, a eficiencia da transformación da biomasa en calor chega ó 80%, segundo apunta Juan Picos: “A lóxica apunta a que a biomasa se empregue de xeito prioritario para producir calor. Deixar a biomasa para producir electricidade e que a demanda de calor se cubra con combustibles fósiles non é eficaz”, advirte.

É posible que en Galicia se implanten cultivos enerxéticos para producir biomasa?
“É unha cuestión delicada porque os terreos máis axeitados para cultivos enerxéticos son os mecanizables e máis produtivos, ou sexa, terreos que se adican á agricultura e que queremos preservar cun uso alimentario” -sinala Picos-. “Se os cultivos enerxéticos funcionasen serían con subvención, pero eu non son nada partidario de alterar equilibrios con axudas públicas. Temos moito monte abandonado que mobilizar antes de pensar en cultivos enerxéticos”, conclúe.

É viable que a central de Endesa nas Pontes produza electricidade con biomasa forestal galega?
Se a central das Pontes sustituíse o carbón por biomasa, precisaría de arredor de 7 millóns de toneladas ao ano. É unha cifra que está fóra da realidade do sector forestal galego, no que oferta e demanda de biomasa estarán equilibradas no 2021. Calquera cambio nas Pontes cara biomasa tería que abastecerse de estelas de madeira ou pellets importados. Ambientalmente, é un proceso que perdería sentido, pois a lóxica de utilizar a biomasa é a de reducir emisións de dióxido de carbono, que se dispararían con transportes transatlánticos.

“Non é razonable pensar nun cambio da central das Pontes cara a biomasa” -recoñece Picos.- “Sería unha decisión que tería un impacto noutras partes do mundo, onde probablemente non haxa un sector forestal tan regulado coma o europeo, e que presenta tamén perigos a nivel de Galicia. A ninguén se lle escapa que a maioría das pragas que chegan a Galicia e a Europa fano por transportes de madeira en barcos”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información