A Delegación do Goberno aclara que aserradoiros, rematantes e viveiros forestais poden manter a actividade

O real decreto de actividades esenciais xerara incertidume no sector, ante a falta de mencións específicas ás actividades ligadas coa silvicultura e coa corta e transformación da madeira

A Delegación do Goberno aclara que aserradoiros, rematantes e viveiros forestais poden manter a actividade

Procesadora forestal en monte. / Arquivo.

A corta de madeira en monte e a súa transformación en aserradoiros está permitida no marco do real decreto do estado de alarma. Tamén a actividade dos viveiros forestais. Así o aclara a Delegación do Goberno en Galicia en resposta a unha consulta de Campo Galego, logo da incertidume que se xerou no sector forestal pola falta de concreción do real decreto sobre as actividades esenciais que poden manter a actividade.

O primeiro borrador do real decreto, que se filtrou o sábado, incluía un listado de actividades que podían seguir en marcha, no que aparecían tódalas actividades ligadas á silvicultura, explotación e primeira transformación da madeira, pero o texto final eliminou todas esas referencias, o que xerou incertidume.

Finalmente, a Delegación do Goberno aclara que o traballo de aserradoiros, rematantes e viveiros forestais está permitido. A cadea da pasta de papel tamén está mantendo o seu funcionamento normal, pois é responsable do aprovisionamento de material hixiénico, protexido no real decreto.

Outra actividade protexida serían os traballos forestais de silvicultura (rozas, podas, rareos, etc.), que ao ter unha función de prevención de incendios, están amparados polo Real Decreto (punto 7 de anexo), se ben o sector estaba pendente esta mañá do visto bo da Consellería ao respecto.

Así as cousas, a maior parte do sector forestal pode manter en teoría a actividade, aínda que a falta de concreción do real decreto sobre as actividades que son esencias é posible que xere incidencias coas forzas de seguridade encargadas do cumprimento da normativa.

[Actualización 16.30 h.]

Desde a Federación de Aserraderos y Rematantes de Galicia (Fearmaga) demandan da Delegación do Goberno unha declaración oficial ou unha instrución clara ós corpos e forzas de seguridade, xa que ao longo do día de hoxe, estanse detectando diversas incidencias. En Boqueixón (A Coruña), as forzas de seguridade comunicáronlle a un aserradoiro que tiña que cesar a actividade, co risco de ser multado en caso de non facelo. O mesmo lle sucedeu a un rematante que estaba cortando árbores en monte en Pontedeume.

O sector demanda unha instrución oficial por escrito da Delegación do Goberno, xa que esta mañá rexistráronse incidencias coas forzas de seguridade

Para evitar o risco de multas no sector forestal, Fearmaga entende que é preciso un documento oficial que mencione expresamente as actividades permitidas. A mesma preocupación é transmitida desde outras asociacións do sector.

Por outra banda, a Consellería do Medio Rural confirma que os traballos silvícolas con carácter preventivo, tales como rozas, podas ou rareos, están amparados polo punto 7 do anexo do real decreto de actividades esenciais, polo que están permitidos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información