A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Dekalb presenta en Galicia dúas novas variedades de millo forraxeiro

Dekalb presenta en Galicia dúas novas variedades de millo forraxeiro

Manuel Barreiro, axente comercial de Dekalb, no campo de ensaio de Dumbría

A empresa Dekalb presentou esta semana en Galicia dúas novas variedades de millo forraxeiro, a DKC 4071 e a DKC 4652. Os campos de ensaio foron realizados en fincas da gandaría de José Sánchez Dono, en Papucín (Frades) e en gandaría A Estivada SC, en Regoelle (Dumbría). No primeiro caso a presentación celebrouse onte mércores, coa asistencia dunhas 95 persoas, fundamentalmente gandeiros de Frades, Ordes e Trazo, mentres que na presentación celebrada hoxe en Dumbría participaron uns 80 asistentes, tamén gandeiros de Santa Comba, Dumbría e Mazaricos.

Manuel Barreiro, axente comercial de DEKALB, destaca que “os resultados destas dúas novas variedades nestes campos de ensaio son moi positivos, polo que o próximo ano comezaremos a comercializalas en España”.

En concreto, explica que “a DKC 4071 é un ciclo 280 que substitúe á DKC 4114, e destaca por producir un millo con maior porte, maior cantidade de masa foliar, e por tanto forraxe verde, pero mantendo as características de sanidade e dixestibilidade do seu precedecesor”.

En canto ao DKC 4652, destaca que “é un ciclo 300 moi rústico e resistente, que definiría como unha variedade todo terreo”.

No caso de xornada celebrada hoxe na finca de ensaio de Dumbría, Dekalb contou coa colaboración de Claas, que achegou unha colleitadora equipada co novo sistema de procesado “Shredlage®”. O millo recén colleitado foi analizado in situ mediante un aparello NIRS portátil, cortesía da empresa Nanta, mentres que Timac Agro presentou os seus conservantes para silos.

“Realizamos o picado a tres tamaños: 8 milímetros, 16 e 26. Nos dous primeiros casos a analítica NIRS deu uns resultados do 33% de materia seca e do 33% de amidón no millo picado a 8 mm e do 35% no picado a 16 mm. O rendemento neto da leira foi de 66 toneladas de materia húmida por hectárea, que nos darán unhas 22 toneladas de materia seca”, explica o axente comercial de Dekalb.

Ademais, nas dúas xornadas presentáronse novas técnicas e ferramentas para a agricultura de precisión, de sementeira a doses variables en función do híbrido e do tipo de terreo..etc No acto celebrado en Frades Dekalb contou coa colaboración de Bayer, que presentou os seus avances en insecticidas e herbicidas para o millo.

Polo que respecta ás demandas dos gandeiros, para Manuel Barreiro “o que nos piden os produtores cada vez máis son variedades rústicas, todo terreo, que manteñan o stay green ou capacidade de fotosíntese e coa mellor produción posible”.

“A colleita está a adiantarse moito debido á seca”

En canto ás previsións de colleita de millo forraxeiro para este ano, a valoración de Manuel Barreiro é que “había unhas expectativas moi altas pero os rendementos sendo bos, non van ser os do ano pasado”.

A causa está na seca destas últimas semanas que está a afectar á sanidade da folla, secando as plantas. “Isto obriga a que se queremos manter unha boa dixestibilidade teñamos que picar o millo, aínda que o estado da liña de leite dos grans non sexa o óptimo para ensilar”, destaca.

 Manuel Barreiro (Dekalb): “Este ano hai que ser máis meticulosos no pisado do silo”

A outra consecuencia do estrés hídrico que padece o cultivo é que “a colleita vai ir moito máis rápido do que se pensaba, de forma que cara o 1 de outubro podería estar practicamente finalizada na provincia da Coruña”.

Como recomendacións para o ensilado, Manuel Barreiro apunta a que “este ano temos que ser moito máis meticulosos á hora de realizar un bo pisado do silo”.

Galería fotográfica da xornada celebrada por Dekalb en Dumbría:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *