Defenden a necesidade de axustar as racións e reducir a taxa de reposición en vacún de leite

“Hai que incrementar os litros producidos por vaca ao longo da súa vida, non por lactación”. Así o expuxo recentemente nunha xornada da Efa-Fonteboa o investigador do CIAM e coordinador experto do grupo “Sistemas de produción de leite robustos e resilientes”, César Resch

Defenden a necesidade de axustar as racións e reducir a taxa de reposición en vacún de leite

Axustar as racións ás necesidades reais das vacas e reducir a taxa de reposición. Son algúns dos retos inminentes que deberían afrontar as ganderías galegas de vacún de leite para reducir os seus custos de produción e ser máis resistentes ás variacións do prezo do leite no mercado.

Así o expuxo recentemente César Resch, investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam-Ingacal) e coordinador experto do grupo “Sistemas de produción de leite robustos e resilientes”, recentemente creado Comisión Europea de Agricultura. Fíxoo dentro da xornada sobre xestión de vacún de leite: “Un enfoque diferente da produción láctea”, organizada polo Centro de Promoción Rural Efa Fonteboa.

“Hai que incrementar os litros producidos por vaca ao longo da súa vida, non por lactación”

Neste sentido, César Resch defendeu na súa ponencia como obxectivos prioritarios e inminentes para as ganderías galegas aumentar a lactación vitalicia. “Hai que recordar que unha vaca cunha media de 4 partos e 8.000 litros por lactación sempre vai deixar máis diñeiro ao gandeiro que unha que só aguante 2,4 partos, aínda que produza 10.000 litros por lactación”, subliñou.

Para este incremento das lactacións vitalicias, o técnico do Ciam propuxo catro medidas. En primeiro lugar, incrementar a lonxevidade das vacas e optimizar a produción por animal, “o que farán ás granxas mais resilitentes/resistentes social, ambiental e economicamente”. En segundo lugar, defendeu optimizar a inxesta dos animais, acompañado -como terceira medida- pola redución da taxa de reposición. “Con taxas nas que estamos en Galicia de máis do 35% os gandeiros están a facer un enorme gasto en recría que está lastrando as súas contas”, advertiu. En Francia ou Holanda a media de reposición está nunha máximo do 30% anual. Como cuarta medida propuxo incrementar os litros producidos por vaca ao longo da súa vida, non por lactación.

Como exemplo dunha situación bastante común, ao seu xuízo, nas ganderías galegas, relatou o caso da media dun grupo de 30 granxas: “cunha media de 86 vacas adultas, na que había 60 xovencas, nas que gastaban outros 20.000 euros anuais en recría externalizada de 22 xovencas e contemplábase ademais un gasto doutros 20.000 euros en compra doutras dez xovencas”. “Polo tanto -advertiu-, nesta explotación no ano 2015 xuntáronse sobre 50 xovencas de segundo ano para remprazo, para un rabaño de 86 animais, o que supón unha taxa de reposición próxima ao 50%”.

Axustar as racións mediante punteo ás necesidades reais das vacas

O outro segundo gran reto para as ganderías galegas, segundo expuxo César Resch, “é rematar co gran desaxuste entre as necesidades reais das vacas en lactación e as racións que están a consumir”. “En xeral estanse a deseñar racións para todo o rabaño calculando a media de produción, sen ter en conta o leite que dá cada vaca e as necesidades que ten, e isto fai que os gandeiros estean perdendo moito diñeiro en gastos de alimentación”, advertiu Resch.

Neste sentido, o investigador destacou que “en moitos países punteiros en produción láctea realízase punteo do penso, para adecuar a inxesta de proteína ás necesidades reais dos animais e evitar vacas gordas”.

cadro_resch_punteo_racion

Autor: César Resch Zafra

Axuste das racións ás necesidades reais das vacas

Para lograr estes obxectivos, César Resch considerou necesario desenvolver “sistemas de asesoramento independente e con obxectivos”. “Un gandeiro con alta cualificación profesional e técnico de aconsellamento cualificado serían capaces de crear as condicións para facer ganderías mais resilientes e ademais cubrir as crecentes expectativas sociais que nun futuro poderían ser unha especie de licencia para producir”, concluíu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información