Decreto de xurros: As gandarías de vacún pagan polo exceso de amoníaco do sector porcino

Decreto de xurros: As gandarías de vacún pagan polo exceso de amoníaco do sector porcino

O xurro esparéxese sobre todo con abano ou prato

O Ministerio de Agricultura recoñece que o decreto de xurros, que obriga a enterralos e prohibe que se esparexan mediante sistema de prato ou abanico, débese aos excesos do sector porcino español. Sen embargo, o resto de explotacións gandeiras, e en especial as de vacún de leite, terán que pagar estes “pratos rotos” das granxas de porcos e cumprir estas novas esixencias se queren percibir as axudas da PAC a partir deste 1 de xaneiro de 2018.

Así se recoñece na resposta do secretario xeral de Agricultura e Gandaría do Ministerio, Carlos Cabanas, ao director xeral de Cooperativas Agroalimentarias de España, Agustín Herrero. Na carta, con data do 21 de decembro, e á que tivo acceso Campo Galego, o responsable do MAPAMA responde a dúas solicitudes que lle foron trasladadas polo representante das cooperativas españolas: un Plan de adaptación de cinco anos de duración para o cumprimento destas esixencias e incentivar mediante axudas a adaptación e modernización da maquinaria actual.

O sector vacún paga que España supere nun 34% o límite das emisións de amoníaco debido ao sector porcino

Neste sentido, a resposta do Ministerio sobre o motivo destas restricións é clara: “España en 2015 superou nun 34% o límite de emisións de amoníaco establecidas na Directiva 2001/81/CE. Estas emisións proceden sobre todo da xestión de xurros. Tendo en conta ademais a evolución que mantivo o censo do sector porcino, é de esperar que esta situación empeore coa publicación do inventario de 2016”.

De feito, o censo do sector porcino español, especialmente concentrado en Aragón e en Cataluña, experimentou un boom nos últimos anos ata converterse no primeiro produtor da Unión Europea, unha tendencia que contrasta coa do sector vacún, que permaneceu estancado, pero incrementando a súa produción.

Ante esta situación, Carlos Cabanas lembra que “a Comisión europea mantén aberto a España un procedemento de infracción por non cumprir a normativa sobre límites máximos de emisións de efectos contaminantes, e isto pode ter consecuencias económicas para o noso país”.

Ademais, o secretario de Agricultura e Gandaría advirte de que “a publicación da Directiva 2016/2284 obrigará a España a reducir o seu teito de emisións un 16% no ano 2030, de maneira que nos atopamos nun difícil punto de partida para o seu cumprimento”.

Por todos estes motivos, desde o Ministerio defenden que “a aplicación localizada de xurros é unha das medidas cuxa relación custo/beneficio resulta máis eficaz, pois o investimento requirido non é cuantioso e permite reducir as emisións ata nun 30%”.

As Comunidades poderán establecer en 2018 excepcións pero a norma deberá cumprirse nos próximos anos

Polo que respecta ás excepcións que poden establecer as Comunidades Autónomas a este decreto, e que Galicia ou Cantabria xa anunciaron que aplicarán, Carlos Cabanas recoñece que “esta flexibilidade é necesaria tendo en conta que 2018 é o primeiro ano de aplicación desta norma”.

Porén, subliña que “esta flexibilidade non pode deixar de ser unha excepción, de maneira que en anos sucesivos a súa aplicación ten que ir sendo máis restritiva”.

Por último, e no relativo ás axudas específicas que reclamaban desde Cooperativas de España, o Ministerio de Agricultura aseguran que as axudas serán as do xa existente Plan Renove de maquinaria agrícola, “sen prexuízo dos incentivos que poidan establecer as Comunidades Autónomas”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información