Decreto de xurros: Galicia decide permitir esparexelos mediante sistemas de abano e penalizar a aspersión con canón

A Consellería de Medio Rural publica as excepcións de Galicia ao decreto de xurros do Ministerio. Para cobrar a PAC os gandeiros deberán aplicar os xurros mediante cisterna con sistema de abano, o máis común en Galicia.

Decreto de xurros: Galicia decide permitir esparexelos mediante sistemas de abano e penalizar a aspersión con canón

Esparexido mediante sistema de abano.

A Consellería de Medio Rural publica este xoves no Diario Oficial de Galicia as excepcións ao Decreto de Xurros do Ministerio de Agricultura. Galicia súmase así a Asturias e permite que a gran maioría dos gandeiros sigan aplicando durante este ano os xurros mediante o sistema máis usado: o esparexido mediante sistema de abano.

En concreto, e só para aqueles gandeiros que cobran as axudas da PAC, a partir de hoxe a Xunta establece que “a aplicación de xurros ou fraccións líquidas de dexeccións non se poderá efectuar con sistemas de aspersión con canón”. “O resto de aplicacións de xurro con sistemas de abano, poderase realizar mentres non se resolvan os condicionantes que deron lugar á súa excepción”, engade a norma da Consellería de Medio Rural.

Ademais, exclúese da normativa estatal “o enterramento dos estercos sólidos despois da súa aplicación, exceptuándose de tal obriga cando o uso do esterco se corresponda coas prácticas tradicionais”.

Argumento da Xunta para establecer excepcións ao decreto de xurros estatal

A norma estatal básica nesta materia, o Real decreto 980/2017, do 10 de novembro, prohibe para os agricultores e gandeiros que cobran a PAC aplicar xurros nas superficies agrícolas, mediante sistemas de prato ou abano ou canóns, e, por outra, a obriga de enterrar os estercos sólidos despois da súa aplicación, no menor prazo de tempo posible.

Pero a normativa do Ministerio de Agricultura tamén deixa marxe para que as comunidades autónomas establezan excepcións temporais a estas restricións, baseándose nas súas particularidades, debidamente xustificadas.

Neste sentido, as alegacións de Galicia son, por unha parte, que “o uso dos xurros como fertilizantes é unha das mellores opcións para o seu aproveitamento, dado que a súa aplicación en doses adecuadas achega nitróxeno e outros nutrientes, de maneira que non presenta riscos e si vantaxes respecto da fertilización mineral, axudando ao incremento de materia orgánica do solo”.

Medio Rural: “O decreto non podería ser asumido polo sector”

A maiores, lembran que en Galicia “a distribución de xurros no campo realizouse tradicionalmente mediante o transporte en cubas con difusor en abano, de maneira que, no referente á tecnoloxía empregada para a fertilización con xurros, a práctica contrastada polas oficinas agrarias comarcais e as anotacións no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola (ROMA), indican o escaso número de sistemas de inxección, tubos colgantes ou zapatas dispoñibles para a aplicación dos xurros, sistemas que serían os necesarios para aplicar de forma inmediata a norma estatal”.

“Tendo en conta o anterior, o importante número de gandeiros e agricultores afectados e a escasa oferta e capacidade de subministración da maquinaria precisa polo sector industrial, o impacto desta aplicación inmediata e xeneralizada na nosa comunidade, adquirindo novas máquinas ou adaptando a práctica totalidade das existentes, non podería ser asumido polo sector”, advirten dende Medio Rural.

Consecuentemente, subliñan dende o departamento que dirixe Ángeles Vázquez que “de aplicarse na campaña de 2018 a norma estatal de condicionalidade ligada á aplicación de xurros, estes non se poderían utilizar como fertilizantes no campo galego, ao resultar imposible cumprir cos novos métodos de aplicación, o que podería determinar un prexuízo maior para o ambiente que o beneficio que poida derivar da aplicación inmediata da norma estatal”.

A Consellería considera imprescindible “a realización de determinados estudos e, en todo caso, un período razoable de implantación”

Ademais, lembran dende Medio Rural que os sistemas de inxección, tubos colgantes ou zapatas que esixe a normativa estatal “non se implantou maioritariamente na nosa comunidade, sendo basicamente razóns orográficas, climáticas, e socioeconómicas”. “É por iso que a aplicación das novas prohibicións estatais exixe a realización de determinados estudos e, en todo caso, un período razoable de implantación”, asegura.

“Polas razóns expostas, e mentres non se ultiman os estudos que permitan ter en conta as especiais circunstancias da nosa comunidade e das súas explotacións agrarias, resulta absolutamente necesario facer uso da posibilidade que establece a norma estatal de non aplicar na nosa comunidade os novos criterios de condicionalidade establecidos polo Real decreto”, conclúe a xustificación da Consellería de Medio Rural.

Consulta aquí as excepcións de Galicia ao decreto de xurros. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información