¿Deben temer os gandeiros unha suba do prezo do millo?

¿Deben temer os gandeiros unha suba do prezo do millo?

A pasada semana a FAO advertía no seu índice de prezos dos alimentos dunha suba do prezo do millo, polas dificultades e o atraso que provocou a choiva na sementeira deste cultivo en Estados Unidos, o primeiro produtor mundial. Unha situación que está a provocar unha alza nos prezos a futuros do millo, co consecuente prexuízo para os gandeiros.

Esta semana, o Departamento de Agricultura de Estados Unidos (USDA) informou que un 59% do millo sementado no país do norte atópase baixo a condición boa/excelente. Este dato contrasta coa expectativa de operadores na nota previa, que era do 54%, pero mostra unha forte baixa contra a media das últimas cinco campañas, que é do 74%.

O informe do USDA agregou que a sementeira de millo en Estados Unidos logrou cubrir un 83% da superficie estimada ao comezo da campaña. Este dato situouse en liña coa expectativa do operadores pero mantendo un forte atraso en comparación cos anos anteriores, que era do 99%. Cabe sinalar que apenas un 35% do millo atópase xa emerxido, contra un 90% de media histórica.

millo usa evolucion estado

Desta forma, os operadores esperan que o USDA recorte a estimación de produción para o cereal en 20 millóns de toneladas e isto xa se está notando nos prezos na Bolsa de Chicago, cun importante incremento no último mes, e onde o millo pechou estes días a 163,67.dólares a tonelada.

Evolución do prezo do millo na bolsa de Chicago nos últimos tres meses: 

millo usa tres meses 19

Para Iván Álvarez Bajo, cofundador de Asegrain, unha empresa de servizos que ofrece traballos de consultoría e, sobre todo, de intermediación no mercado de cereais, “a subida do millo no último mes foi de entre uns 10 e 15 euros a tonelada e de media a tonelada deste gran posta en porto en España está agora nuns 180 euros”.

No caso de España, os principais subministradores de gran de millo son outros países da Unión Europea, como Francia, pero tamén doutros importantes produtores como Ucraína, Brasil e Canadá. “Temos un consumo interno que rolda os 11 millóns de toneladas pero a produción española soamente cobre entre 3,5 e 4 millóns de toneladas, polo que somos claramente deficitarios e dependemos das importacións”, agrega o experto de Asegrain.

De feito, nos últimos anos os gandeiros españois han incrementado as súas compras de millo para alimentación animal, polo seu menor prezo fronte ao trigo ou á cebada.

Como recomendación neste escenario de alza de prezos, Iván Álvarez Bajo aconsella aos gandeiros “comprar nos momentos nos que o prezo é interesante, pechar a compra sen esperar a movementos especulativos e cubrir o subministro durante varios meses”.

Fariña de millo a entre 200 e 205 euros a tonelada en granxa

Iso é o que fan a maioría das fábricas de pensos e tamén agrupacións de gandeiros, como a Cooperativa Agraria Provincial da Coruña. “Nós temos pechado o prezo do subministro de millo até decembro de 2020. Pechamos a un prezo de entre 170 e 175 euros a tonelada posta en porto e de entre 200 e 205 euros a tonelada de fariña de millo posta en granxa. Preferimos non especular e pechar o prezo a longo prazo cando é interesante, levámolo facendo así co millo, a colza e a soia e os nosos gandeiros están satisfeitos”, conclúen desde CAP Coruña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información