De Sultan a Guay pasando por Xacobeo, un percorrido polos touros galegos que fixeron historia

O veterinario de Xenética Fontao Mauricio de los Santos fai un repaso pola evolución xenética da raza Frisoa en Galicia, con animais que conseguiron situarse como referentes internacionais

De Sultan a Guay pasando por Xacobeo, un percorrido polos touros galegos que fixeron historia

O veterinario Mauricio de los Santos detallou en Agolada a evolución dos touros do centro de Xenética Fontao.

“A xenética española hai tempo que ten acento galego”. Quen o afirma é Mauricio de los Santos, veterinario de Xenética Fontao (Lugo), centro que ten boa parte da responsabilidade de que Galicia se convertera nun referente en xenética na raza frisoa nos últimos anos.

De los Santos aproveitou a súa participación nas últimas xornadas gandeiras de Agolada (Pontevedra), celebradas recentemente, para facer un percorrido por esta evolución xenética, na que se inclúen destacados animais que fixeron historia a nivel internacional, como o touro Xacobeo.

O programa do centro de Fontao foi considerado por Conafe como o mellor en canto a cantidade e calidade dos animais logrados

O centro de Xenética Fontao, entidade de carácter público nun 80%, foi a ferramenta para lograr que os animais galegos se abrisen paso no panorama internacional. O programa desenvolvido en Galicia chegou a ser considerado, segundo os datos e valoracións da Confederación de Asociacións de Frisoa Española (Conafe), o mellor en canto a cantidade e calidade dos animais que se logran a nivel xenético.

Sultan, un touro que abriu camiño

Nun percorrido pola evolución da raza frisoa ó longo dos últimos 35 anos realizado por Conafe, obsérvase como Xenética Fontao foi buscando e facéndose un oco. A mediados dos anos 80, os animais de orixe español na clasificación de touros con máis fillas no libro xenealóxico da raza Frisoa supoñían apenas o 38% e non había ningún galego. Mentres, algo máis do 57% procedía de Canadá. Daquela, mesmo EE.UU tiña unha presenza reducida cun 4,8%.

Neste contexto foi cando comezou a impulsarse no Centro de Xenética Fontao o coñecido como Plan Integral de Mellora Xenética (PIMX). “Daquelas a xenética era aínda unha materia pendente en Galicia para o sector leiteiro”, apunta Mauricio.

Sultan foi o primeiro touro importado por Xenética Fontao, procedente de Canadá

Comezaron a importarse embrións e touros vivos para poder comezar a contar con femias coas que traballar, co gaio de lograr tanto futuras nais como touros. Aínda hoxe estas dúas liñas de traballo seguen a ser empregadas para conseguir animais destacados.

Os primeiros resultados chegaron con Beaucoise Wind Sultan EX no ano 98. Máis coñecido como Sultan entre os gandeiros galegos, este touro nacido no 1991 e procedente de Canadá, foi o primeiro touro relevante de raza Frisoa importado por Xenética Fontao. Este animal chegou a contar con 15.000 fillas rexistradas.

O primeiro touro destacado nacido en Galicia foi Landoi, con máis de 14.000 fillas rexistradas

Ata finais dos 90 non comezan a verse os primeiros resultados da aposta de Galicia pola xenética. Foi neses anos cando aparece Sultan entre os primeiros posto da valoración dos touros con máis descendencia. Nos anos 1998 e 2000 Sultan chega a situarse como o terceiro e o segundo touro (repectivamente) con maior número de fillas na clasificación de Conafe, e no 1999 como o primeiro.

Xunto con Sultan, outros touros mercados polo centro como Lérez ou Louro tamén empezan a situarse entre os primeiros postos da clasificación xenética. “Calquera destes touros son animais que estaban ó máis alto nivel”, apunta De los Santos.

Do mesmo xeito que a importación de touros comeza a dar os seus froitos, vense os resultados dos embrións implantados en vacas galegas. Landoi foi o primeiro touro nacido en Galicia que consegue situarse na clasificación dos mellores touros. Este animal era fillo do touro Rudolph, un exemplar destacado no panorama internacional; e a súa nai contaba tamén cunha xenética de alto nivel, e que xa procedía dun embrión do programa PIMX. Esta vaca foi das poucas que chegou a ter tres fillos como touros probados de renome no panorama nacional naquel momento: Landoi, Sambreixo e Mira. Landoi conseguiu máis de 14.000 fillas rexistradas.

Algúns nomes propios de touros galegos

Sultan ocupou os primeiros postos da clasificación na que figuraban os mellores touros a finais dos 90. Lérez subiu á primeira posición no 2001, mentres ese ano Sultan aínda quedaba de quinto. Nestes anos tamén Louro ocupou os postos de cabeza desta clasificación. “Tanto Lérez como Louro foron touros adiantados ó seu tempo e aínda hoxe algunhas das súas características seguen estando por encima da media que se manexa”, apunta o veterinario.

Deste xeito, iniciouse unha etapa na que os touros galegos, ben importados durante os primeiros anos e logo os nacidos xa en Galicia, fóronse situando nos primeiros postos de relevancia mundial. Dende o 2007 ó 2013 comeza unha etapa dourada para a xenética galega da raza Frisoa e coinciden en postos destacados da clasificación ata un total de 13 exemplares procedentes de Xenética Fontao. Así, no 2007, 4 dos 5 primeiros touros desta listaxe son españois e a metade son galegos: Chamoso e Elegant.

Dende o 2007 ó 2013 comeza unha etapa dourada para a xenética galega e coinciden en postos destacados ata 13 exemplares procedentes de Xenética Fontao

Esta é tamén a época de Xacobeo, o touro Holstein de Xenética Fontao que se fixo un oco entre os mellores exemplares da raza, superando mesmo a países cunha fonda tradición e que levaban anos investigando e investindo en xenética.

Foron anos nos que nos primeiros postos da clasificación de mellores touros se atopaban habitualmente animais procedentes de Fontao. Así, no 2014, nos 4 primeiros postos estaban Torrel, Xacobeo, Stop e Delete, todos eles touros galegos procedentes do centro de Lugo.

Tal e como apunta De los Santos, durante os últimos anos foi bastante habitual atopar varios touros galegos en postos destacados. Así, outro dos tríos de grandes sementais foi o formado por Delete, Lautamic e Gospell. “Ademais, cómpre destacar que eran todos touros probados, xa que daquela non había xenómica”, concreta.

Foron exemplares cuxo seme mesmo se estaba a vender para algúns dos países máis destacados na mellora xenética da raza frisoa. Foi o caso, por exemplo, de Lautamic, nacido en Navarra e cuxa nai xa fora a número 1 en Canadá e cuxo seme se exportou de novo para ese país.

Touros como Stop lograron situarse como o terceiro touro con máis fillas rexistradas en España no 2014 e como o cuarto no 2015. Nesta mesma liña, Thos foi outro dos touros destacados dos últimos anos, sendo o que máis fillas acadou no 2017. Trátase dun touro nacido nunha gandería de Cataluña que colaboraba co centro de Fontao e que “conseguiu deixar pegada na frisoa española tanto polos quilos de graxa que conseguen as súas fillas como por ter o perfil que agora mesmo se busca para os animais en produción”, explica o veterinario.

TOURO_XACOBEO_01_standar

O touro Xacobeo foi un referente do centro.

Xacobeo, un antes e un despois

Ó longo destes 35 anos de historia da raza Frisoa en Galicia, un dos touros que marcou un feito histórico foi Xacobeo, xa que conseguiu situarse ó máis alto nivel, tal e como confirman as súas cifras. Este touro sitúase como o primeiro semental polo número de fillas que se lograron.

Xacobeo sitúase como o touro frisón con máis fillas rexistradas por CONAFE nos últimos 35 anos

Xacobeo contabiliza 29.897 fillas rexistradas, moi por enriba do segundo touro desta clasificación, Rudolph, un touro da elite canadense que rexistrou 26.998 descendentes.

“Situarse ó máis alto nivel era o que se buscaba co programa de mellora xenética de Fontao e foi o que se logrou”, reivindica Mauricio de los Santos. Porén, non foi o único en facerse un oco neste ránking internacional, xa que aparecen tamén nomes como Torrel con 19.237, Elegant con 14.855 fillas ou Sultan con 14.378 descendentes. Así é que, 13 dos touros máis empregados son españois e deles o 80% proceden de Xenética Fontao, un dos catro centros estatais especializados neste campo.

Os touros actuais

Na actualidade, os touros xenómicos están cada vez a ter maior presenza nas ganderías galegas. No 2018, Fontao volvía contar cun trío de exemplares destacados, integrado desta volta polos touros xenómicos Sanxurxo, Supertoro e Happy. No 2019, os 5 touros con máis fillas rexistradas en Conafe son de Xenética Fontao: Sanxurxo, Armonico, Horizon, Bi-Battle e Supertoro.

Touros como Guay, Hondo ou Palmer están a ser sementais xenómicos actuais cunha gran proxección. “A liña coa que conseguimos chegar ó máis alto nivel e exportar a países que foron o berce do gando Holstein é a que queremos seguir mantendo en Xenética Fontao”, conclúe Mauricio de los Santos.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información