A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

A D.O. Valdeorras avanza na “pegada dactilar” dos seus viños

A D.O. Valdeorras avanza na “pegada dactilar” dos seus viños

O Consello Regulador da D.O. Valdeorras colaborará coa Estación Enolóxica de Haro, na Rioxa, na obtención da “pegada dactilar” de diferentes variedades que esta entidade está a impulsar coa finalidade de configurar un completo mapa de viños en España.

A iniciativa ten como finalidade identificar máis de medio cento de parámetros de cada mostra do viño para favorecer a identificación das características que mellor definen a cada variedade de uva, garantir a súa orixe e realizar un seguimento da evolución das colleitas.

O presidente do Consello Regulador informou este xoves aos membros do Pleno do organismo da vontade de colaborar nesta acción impulsada desde A Rioxa.

Xunto a isto, o Pleno do Consello Regulador aprobou tamén a creación dunha bolsa de emprego na entidade. Deste xeito, elaborarase unha listaxe de currículums de persoas interesadas en traballar no organismo cando as circunstancias o requiran (para cubrir, principalmente, situacións de baixa, vacacións ou permisos laborais dos empregados actuais).

Hologramas

Paralelamente, a xuntanza de hoxe serviu para dar luz verde á elección dunha empresa que se responsabilice de fabricar os hologramas nas contraetiquetas dos viños da D.O. Estas tiras teñen funcionan como elemento de seguridade e garanten o control e a procedencia dos viños da comarca. Deste xeito, segundo asegurou o presidente do Consello Regulador no Pleno, “protexemos a imaxe dos viños da comarca e contribuímos a evitar fraudes”.

Finalmente, na reunión desta mañá decidiuse tamén contratar unha empresa informática para instaurar un sistema que permita a mellora das comunicacións entre o Consello Regulador e as bodegas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *