A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Cultivo da remolacha para alimentación animal en Galicia e Cornisa Cantábrica

A remolacha logra unha gran produción de materia seca e de enerxía neta por hectárea, o que a converte en complemento de interese para as explotacións lácteas, que poden sustituír parte do seu concentrado por esta forraxe

Cultivo da remolacha para alimentación animal en Galicia e Cornisa Cantábrica

Colleita de remolacha fresca cun sinxelo cazo adaptado para o traballo. Esta técnica, desenvolta en Nova Zelanda, facilita o manexo da remolacha para o gando e un arrinque escalonado da colleita ó longo do outono-inverno.

A remolacha forraxeira é un cultivo ben coñecido, pero en franca decadencia nas últimas décadas. Recuperar este cultivo coas novas variedades híbridas, con protección funxicida e insecticida, pode contribuír a mellorar a rendibilidade e sustentabilidade da economía de agricultores e gandeiros. O seu cultivo é viable en alternancia co millo forrajero. Analizamos as posibilidades.

Pode ser rendible a remolacha en Galicia e na Cornisa Cantábrica?
A remolacha dáse perfectamente nesta zona. Tivemos campos con producións entre 80 e 100 toneladas/hectárea nas provincias de Lugo e A Coruña, fronte a producións de millo verde de 45 a 55 t/ha. En condicións normais de cultivo, isto supón unha produción dun 25% máis de materia seca (MS) / hectárea favorable á remolacha. Se falamos de Enerxía Neta (EN) para lactación, esta porcentaxe increméntase ata o 35% debido ao maior contido de EN/kg de materia seca da remolacha fronte ao millo verde.

A remolacha produce por hectárea un 25% máis de materia seca que o millo e un 35% máis de enerxía neta

O alto contido en azucre da remolacha fai que sobre materia seca teña a mesma Enerxía Neta que os grans de cereais. Podemos aproximar que 4 kg de remolacha de alta materia seca equivalen en Enerxía Neta a 1 kg de millo, trigo ou cebada. A EN de lactación dunha produción de 100 t/ha de remolacha equivalen a 22,5 t de millo gran. Esta enerxía sería producida localmente, aumentando a produtividade e sustentabilidade da gandaría.

Podemos considerar os custos do cultivo da remolacha da orde dun 10 a 20% máis altos que o cultivo do millo, debido ao maior custo da semente, os herbicidas e o manexo do cultivo, pero a súa alta produtividade en materia seca e enerxía convértena nun cultivo rendible.

logo kws

Nutricionalmente, a remolacha é boa para as vacas?
A enerxía da remolacha provén do azucre, e nutricionalmente o azucre ten o mesmo valor enerxético que o almidón dos cereais. A diferenza do almidón, a asimilación do azucre é moito máis rápida. Por iso é necesario un período de transición dunhas 2 semanas ata introducir a cantidade máxima de remolacha na dieta, que pode ser duns 15 kg vaca/día en lactación, e ata 20 kg en vacas secas, mesmo máis en gando de cebo. Na ración diaria, a remolacha non debe substituír ás forraxes, senón á Enerxía Neta (EN) equivalente do concentrado.

A remolacha non debe substituír ás forraxes na ración das vacas, senón á enerxía neta equivalente do concentrado

Adicionalmente, a remolacha contén Pectinas, Betaína e Fructo-oligo-sacáridos que contribúen ao bo funcionamento do rumen polo seu efecto probiótico. Tamén ten un alto contido en potasio que favorece a produción leiteira en condicións de tensión térmica.

A remolacha xera ademais un efecto positivo no aumento do extracto seco do leite, sobre todo da graxa. Este aumento é máis acusado en producións baixas en graxa, como é o caso de moitas zonas de Galicia, Asturias e Cantabria.

Tipos de variedades de remolacha para alimentación animal
As modernas variedades forraxeiras son do tipo híbrido, monoxerme xenéticas, pildoradas e con protección funxicida e insecticida. A diferenza das variedades azucareiras, as variedades para alimentación animal non necesitan unha alta calidade industrial. Hai outros factores clave, como son que sexan variedades lisas, para que collan pouca terra, e no caso das variedades de baixa MS, que sexan aptas para o pastoreo directo e a recolección coa pa do tractor. Estas variedades teñen un 50% da raíz fóra da terra, o que permite o pastoreo e unha recolección rápida coa pa do tractor.

As variedades baixas en materia seca son aptas para pastoreo directo ou recolección coa pa do tractor, xa que teñen a metade da raíz ó aire

En canto ás variedades para ensilado, recoméndase que sexan de alta MS, xa que é fundamental mesturar con outro produto e chegar polo menos ao 30% de MS na mestura. A remolacha non pode ensilarse soa, xa que aos poucos días empeza a perder efluente e con el, gran parte da enerxía.

Aproveitamento da remolacha en fresco
A remolacha pode aproveitarse en fresco a partir de agosto, arrincando a planta completa, follas e raíz, para o seu uso un máximo de 2 ou 3 días, pois máis tempo en pleno verán consérvanse mal as follas. No outono e inverno, a conservación é mellor e pódese almacenar 1 ou 2 semanas.

A remolacha tipo forraxeira de baixa MS, ten un 50% da raíz fóra do chan e arríncase moi ben. Unha persoa pode cargar facilmente máis de 2.000 kg en menos dunha hora. En Nova Zelanda, os gandeiros arrincan estas remolachas directamente coa pa do tractor a nivel de chan, cun rendemento moi superior ao dunha colleitadora de 2 liñas de remolacha azucreira. Tamén practican o pastoreo directo da remolacha polas vacas, cun pastor eléctrico para controlar a inxesta. As vacas empuxan e arrincan a remolacha sen problemas, comendo follas e raíz cun aproveitamento do cultivo superior ao 95%.

Con este sistema, disponse de remolacha fresca desde agosto ata febreiro, en marzo é probable que a remolacha empece a espigar. A remolacha espigada pódese aproveitar igualmente, aínda que co tempo vólvese máis fibrosa e é menos apetecible polo gando.

Con este sistema, a remolacha pode estar un ano no terreo, gáñanse moitos kg a medida que se alonga o ciclo, pero pérdese a sementeira da herba de outono.

Picador de remolacha accionado pola toma de forza, preparando un silo de millo-remolacha por capas. Fabricado pola empresa belga VDW Constructie.

Picador de remolacha accionado pola toma de forza, preparando un silo de millo-remolacha por capas. Fabricado pola empresa belga VDW Constructie.

Aproveitamento da remolacha ensilada
Outra alternativa é recoller a remolacha en outubro dunha soa vez e preparar un silo con ela. Isto ten problemas de manexo, pero permite sementar forraxe no outono. Hai varias cuestións importantes para ter éxito cun silo de remolacha como son:

– A remolacha debe picarse e lavarse no caso de que teña máis dun 5% de terra.

– Non pode ensilarse soa, se se fai isto, aos poucos días comeza a emitir efluente, e perde gran parte do azucre.

– Para evitar efluentes, a remolacha debe mesturarse cun produto absorbente de alta MS, como palla, herba seca, fariñas de soia ou colza, ata conseguir unha MS na mestura do 30 ou 33%.

– As variedades forraxeiras tipo Gerónimo non son as máis axeitadas para ensilar pola súa baixa MS. Hai que utilizar variedades de alta MS como Gerty.

– É precisa maquinaria especial para picar e mesturar a remolacha co outro substrato, como pas picadoras, ou outro tipo de mecanismos.

Para ensilar co millo, precísanse remolachas con alta materia seca

Silo de remolacha e millo
É un silo especial que se realiza en Bélxica e Holanda con gran éxito. Require o uso de pas picadoras de remolacha. Podería adaptarse perfectamente en Galicia e Cornisa Cantábrica, facendo coincidir a sega do millo coa colleita de remolacha. O millo ségase cunha MS mínima do 33% ou 34%, e prepárase un silo con capas intercaladas de millo e remolacha picada con pa picadora. Cando se engade a capa de remolacha, o propio tractor vai compactando a capa.

A proporción debe ser de 2 ou 3 partes de millo forraxeiro por 1 de remolacha de alta materia seca. A idea é ter un silo final do 28 ao 30% de MS. Neste caso, a remolacha vai sen follas e arrancada cunha colleitadora de remolacha azucreira. A proporción en superficie podería ser de 4 hectáreas de millo forraxeiro por unha de remolacha de alta materia seca. O silo resultante mellora en Enerxía Neta (EN) e dixestibilidade.

Pautas de transición na alimentación do gando
1. Hai que facer unha transición correcta de alomenos 2 semanas para previr a acidose, igual que se faría con calquera outro cambio brusco de dieta.

2. As vacas poden comezar con 1 kg de MS de remolacha (un 4 kg de remolacha fresca).

3. Pode aumentarse a súa presenza na dieta a razón de 0,5 kg de MS (2 kg de remolacha fresca) cada 2 días, ata chegar á cantidade final.

4. Non suministrar a remolacha a animais recentemente chegados que teñen fame. Asegúrese de facer a transición cos novos animais correctamente.

5. A remolacha debe aportarse en todas as comidas, non só pola mañá ou só pola tarde, para manter estables as condicións do rumen.

6. As remolachas, sobre todo as de alta MS, débense picar e mesturar con outras forraxes, para evitar altas concentracións de azucre no rumen.

7. Asegúrese de que todos os animais teñen acceso á remolacha picada ao mesmo tempo, para evitar que os primeiros animais coman máis remolacha que os últimos.

8. A remolacha con follas, se é nova e con poucos meses de cultivo, pode ter altos niveis de Nitratos e provocar intoxicacións. Nestes casos, debe controlarse o pastoreo directo co pastor eléctrico ou, se se usa carro mesturador, as cantidades máximas.

9. A remolacha non debe substituír as forraxes na ración, senón parte dos concentrados, pero hai que suplementar a proteína do concentrado.

10. A remolacha é moi rica en Potasio, pero ten baixos niveis de Calcio e Fósforo. Deben suplementarse estes elementos, sobre todo en vacas de alta produción.

Máis información
Javier Fuertes
Agroservicio KWS S. Ibérica
Javier.fuertes@kws.com
www.kws.es

Guía para o cultivo de remolacha para alimentación animal en Galicia e Cornisa Cantábrica

A remolacha en Galicia e na Cornixa Cantábrica pode ser o cultivo de maior produción de materia seca / hectárea. Iso non quere dicir que non haxa problemas de implantación, xa que en moitos casos o exceso de auga, o forte vento ou os paxaros poden arruinar unha boa sementeira.

A preponderancia de chans ácidos non favorece á remolacha, pois os pH por baixo de 5,5 non son moi positivos, aínda que o alto contido en materia orgánica de moitos destes chans pode paliar este problema. O ideal é sementar a remolacha nas parcelas con pH máis altos. Se non é posible, recoméndase encalar as parcelas máis ácidas antes de sementar remolacha.

A remolacha prefire solos cun pH superior a 5,5

Nas sementeiras de primavera é conveniente que a remolacha teña o chan cuberto a final de maio para aproveitar mellor a humidade do chan e pasar o déficit de auga do verán en mellores condicións. A remolacha necesita un período de 8 ou 9 meses para alcanzar o seu máximo rendemento. Unha vez que o chan está cuberto polo cultivo, coa herba controlada e sempre que non haxa perdas de follas por enfermidades, insectos ou falta de auga, a remolacha pode facer unhas 20 toneladas/hectárea cada mes.

Evolución da remolacha.

Evolución da remolacha.

Sementeira
A semente de remolacha vén pildorada a uns 4 mm de diámetro, para sementar con sementadora de precisión neumática ou mecánica. Pero non serven os discos do millo. Necesita discos de 1 ou 1,3 mm de diámetro, poden servir os de colza ou os de xirasol. Se non son os axeitados, a semente desfíase e a sementeira é moi desigual e con faltas.

Hai que sementar a remolacha cedo, pois con 5º C no chan iníciase a xerminación, cando o millo necesita 8 ou 9ºC, polo que pode sementarse un mes e medio ou dous meses antes que o millo. Nas zonas máis baixas e se o tempo o permite, a primeiros de febreiro; nas zonas máis altas ou interior de Lugo e Ourense, mellor a primeiros de marzo, aínda que se pode sementar ata maio, pero con menores producións.

A remolacha necesita unha boa preparación, en xeral un pouco máis fina que o millo. O normal é un labor profundo de arado e preparación final cunha grade rotativa ou un vibrocultor. Non é bo que o terreo quede demasiado fino, porque iso pode favorecer a formación de costra no terreo e a remolacha é menos vigorosa que o millo e pódense perder moitas plantas. Por iso a sementeira ten que ser moi superficial, 1 ou 2 centímetros. Unicamente en terreo moi seco podemos xustificar sementeiras a máis profundidade para buscar a humidade. En ningún caso máis de 2,5 ou 3 cm.

Hai que sementar para ter na colleita entre 80.000 a 100.000 plantas/hectárea, con remolachas dun mínimo de 1,2 ou 1,5 kg de peso, que se mecanizan mellor e sempre teñen menos terra que as remolachas de 1 kg ou menos. Se a colleita vai ser a man, mellor 80.000 plantas/ha, para que as remolachas sexan máis grandes e facilitar a colleita manual. A distancia entre liñas máis habitual é de 50 cm, con 18 a 22 cm entre sementes, buscando sempre as 80.000 plantas/ha finais.

Plan de tratamentos de herbicidas recomendados, con doses e produtos indicados.

Plan de tratamentos de herbicidas recomendados, con doses e produtos indicados.

Herbicidas
Recoméndase un mínimo de 3 ou 4 tratamentos.

En preemerxencia: 2,5 l/ha Goltix (Metamitrona) + 0,5 kg de Venzar (Lenacilo)/ha. Se se espera moita herba, pódese engadir 0,5 l/ha de Tramat, este tratamento é importante porque debilita a mala herba e os tratamentos en postemerxencia son moito máis efectivos. O Venzar non debe aplicarse coa remolacha recentemente nada. Hai que aplicar inmediatamente despois de sementar.

En post emerxencia: 1 l/ha de Betanal Expert (Bayer)/ha, en canto se vexa a mala herba nacendo, o que coincide coa remolacha en cotiledones. Pódese repetir coa remolacha en 2 ou 4 follas e finalmente un selado ao peche das liñas con 0,7 kg de Venzar + 0,5 de Dual Gold, este último para controlar a folla estreita. Todos os tratamentos actúan moito mellor co chan húmido. O control da herba é o máis difícil na remolacha, polo que hai que seguir este plan o mellor posible.

Novas variedades Conviso® Smart
En febreiro de 2018 lanzáronse ao mercado novas variedades de remolacha resistentes ao herbicida de Bayer ‘Conviso® One’, do grupo dos ALS. Estas variedades van facilitar considerablemente os tratamentos e a eficacia dos herbicidas, pois haberá que usar un único produto, aínda que polo momento a dispoñibilidade de herbicida e semente é limitada, polo que debe consultar ao distribuidor de KWS na súa zona sobre este tema.

As novas variedades de remolacha van simplificar o control de malas herbas, co uso dun so herbicida.

As novas variedades de remolacha van simplificar o control de malas herbas, co uso dun so herbicida.

Abonado
Para unha produción de 100 toneladas / hectárea, é suficiente a aplicación de 180 kg de Nitróxeno, 150 de Fósforo e 150 de Potasa. Por exemplo 1.000 kg/ha do 8-15-15 como abonado de fondo e despois 400 kg de amonitro do 26% ou ben 220 kg de urea, en cobertera a final de maio, é o máis habitual para as zonas tépedas do hemisferio Norte.

En terreos con materia orgánica maior de 5% poden reducirse as doses á metade ou menos. En terreos con materia orgánica menor do 1% pódense aumentar un 20%.

Debe vixiarse tamén o pH. Recoméndase encalar as parcelas onde vaia a remolacha sempre que estas teñan un pH inferior a 5,5. Os pH excesivamente ácidos dificultan a absorción de macronutrientes, especialmente Fósforo, Calcio e Magnesio.

Funxicidas
É moi importante controlar as enfermidades de folla que aparecen a mediados ou ao final do verán. Aínda que é difícil manter a folla sa máis aló dos 5 ou 6 meses desde a sementeira, xa que enfermidades fúnxicas como o Oídio, e sobre todo a Cercospora e Ramularia, poden acabar coas follas en poucas semanas.

A planta rexenera novas follas, pero á conta dos azucres almacenados na raíz. Se queremos obter o maior rendemento das variedades debemos aplicar tratamentos funxicidas en canto vexamos as primeiras manchas. É moi importante, sobre todo se se quere aproveitar a folla para o gando no outono, aplicar funxicidas en canto aparezan os primeiros síntomas.

Pode aplicarse un tratamento preventivo aos 5 meses da sementeira con xofre, ou ben se xa hai síntomas de enfermidade, produtos curativos como Escolta (Bayer) mesturados con Mancozeb para mellorar o efecto. Recoméndase repetir o tratamento ás 3 semanas. O prazo de seguridade para o gando é de 21 días.

* Javier Fuertes / José Pires

Javier Fuertes
Agroservicio KWS S. Ibérica
Javier.fuertes@kws.com
www.kws.es

José Pires Caiado
Consultor Nutricionista KWS S. Ibérica
www.kws.pt

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *