Críticas do Sindicato Labrego ós contratos ofertados polas industrias lácteas

A organización agraria insta a Medio Rural a recuperar a Mesa do Leite, na que participaban industrias e sector gandeiro, para abordar a situación do mercado lácteo

Críticas do Sindicato Labrego ós contratos ofertados polas industrias lácteas

Lactalis - Puleva está a ofertar no campo subas dun céntimo.

A revalorización que experimentou o leite no conxunto de Europa non está a chegar a Galicia, segundo constata o Sindicato Labrego, que cuestiona os prezos pagados na comunidade. “En tanto a media europea está en 35,59 céntimos, as explotacións galegas quédanse en 31,9, ó mesmo nivel de países como Bulgaría, Rumanía ou Hungría”, cuestiona.

A organización agraria advirte ademais de que as industrias lácteas están a ofrecer a renovación de contratos no campo con subas que, no mellor dos casos, quédanse no entorno de 1-1,5 céntimos, segundo asegura en nota de prensa. É o caso da principal industria de recollida na comunidade, Lactalis, que ofreceu unha suba de só un céntimo para os novos contratos, que entran en vigor a 1 de abril.

“As industrias tratan de acelerar a sinatura de contratos antes de que os prezos suban máis a nivel internacional”, critica o Sindicato Labrego. A organización amosa tamén a súa indignación coa Consellería do Medio Rural, “que segue totalmente despistada, sen facer absolutamente nada diante desta situación”.

O SLG empraza a Medio Rural a recuperar a Mesa do Leite, na que participaban industrias, cooperativas e organizacións agrarias, para abordar a situación do mercado lácteo. As diferenzas de prezo entre as granxas galegas e a media europea supuxo que as explotacións da comunidade ingresasen no 2018 un total de 66 millóns de euros menos, segundo os cálculos da organización agraria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información