“Cremos nun monte multifuncional con máis usos que a corta de madeira”

A comunidade de montes veciñais de Coiro, en Cangas, acaba de anular o consorcio coa Xunta e asume novos proxectos para dinamizar a súa superficie, ubidada nun espazo periurbán. Potenciar as frondosas e aproximar a diversidade do bosque ós máis novos son algunhas das súas prioridades

Publicidade
“Cremos nun monte multifuncional con máis usos que a corta de madeira”

Escolares e integrantes dun programa de emprego participaron nalgunhas das últimas plantacións de frondosas.

A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Coiro, en Cangas do Morrazo, foi das primeiras en ser recoñecidas como tal no sur da provincia de Pontevedra, a comezos dos anos 80, xunto coas de Hío e Darbo, como apuntan dende a súa directiva. Hoxe un dos principais obxectivos desta comunidade é promover un monte diverso, onde teñan cabida diferentes aproveitamentos.

“É positivo darlle valor ó monte, aínda que se xeren menos ingresos”, indica Manuel Soaxe, secretario da CMVMC

“Cremos nun monte multifuncional onde se aproveite máis que a produción económica e forestal da madeira”, explica Manuel Soaxe, secretario da actual xunta reitora da comunidade de montes. Xestionan unhas 60 hectáreas de monte periurbano, o que fai que sexan espazos moi visitados. “No monte hai xente de mañá e de tarde, aprovéitase moito como un espazo de lecer, pola súa proximidade ós núcleos de vivendas”, concreta Soaxe.

Un dos obxectivos da comunidade de montes é manter e incrementar o aproveitamento, tanto produtivo como de ocio destes espazos. “É positivo darlle valor ó monte, independientemente de que nos dea máis ou menos cartos”, reivindica o secretario da comunidade.

Recorrido-con-alumnado-nos-montes-de-Coiro-

Realizan excursións con escolares da zona para que descubran a riqueza dos seus montes.

Liberarse do consorcio coa Xunta

Este ano a comunidade logrou anular o consorcio coa Xunta, que mantiveran durante anos boa parte dos seus montes veciñais. Levaban tempo reclamando a ruptura do acordo, logo de denunciar distintos incumprimentos por parte da administración pública.

“Levamos anos arrastrando a falta de mantemento destas zonas do monte por parte da Xunta, mesmo se produciu unha neglixencia da Administración por non realizar os labores de silvicultura precisos”, explica. Dende a comunidade de montes apuntan que a falta de mantemento do monte se traduciu en perdas para a Administración e para a comunidade, ó reducirse o crecemento das árbores.

Solicitaron a anulación do consorcio pola falta dunha silvicultura axeitada, entre outros motivos

Coa anulación do consorcio, agora traballan xa na organización das tarefas para manter produtivos estes montes. “Celebramos a anulación do consorcio como se fose unha festa, mesmo tivemos unha comida cos veciños, porque realmente estábannos impedindo xestionar o monte e facer un aproveitamento real del”, concreta.

Por unha parte, dispoñen dunhas 30 hectáreas de plantacións de piñeiros e eucaliptos, que representan arredor da metade do seu monte, mentres o 30% son frondosas e o resto monte baixo. Nestes meses atópanse rematando o plan de ordenamento para poder establecer quendas de corta e volver replantar estes espazos.

“Somos conscientes de que estamos a cortar o que no seu momento os nosos avós e pais plantaron e queremos seguir proporcionándolle un aproveitamento para os que veñan detrás”, explican.

Fomentar as frondosas autóctonas

Fronte ás plantacións de piñeiros e eucaliptos que predominan nos montes, dende a comunidade procuran fomentar a diversidade destes espazos da man de árbores autóctonas. “Somos conscientes de que non podemos eliminar todo o eucalipto, pero cremos que tampouco podemos seguir aumentando a superficie desta especie, polo que queremos potenciar as frondosas”, indica Soaxe. De feito, están a levar a cabo o control do eucalipto en determinadas áreas e de especies invasoras como as acacias ou a Herba da Pampa.

“Somos conscientes de que non podemos eliminar todo o eucalipto, pero tampouco podemos seguir aumentandoo”

Castiñeiros, carballos, sobreiras, nogueiras e faias conforman os bosques autóctonos da zona. Ademais, dende comezos deste ano contan tamén cunha plantación de cerdeiras autóctonas, dentro dun proxecto en colaboración co Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán (Pontevedra).

“Eles buscaban un monte periurbano para probar as variedades de cerdeiras autóctonas nas que están a traballar e nós procurabamos un aproveitamento forestal de man de especies autóctonas e sabiamos que nesta zona tamén se daban ben as cerdeiras polos exemplares de gran tamaño que hai”, apunta Soaxe.

Plantacion-no-monte-de-Coiro-

Propician diferentes actividades nas que tanto mozos como maiores gocen e coiden do monte.

Involucrar ós máis novos

A comezos deste ano, plantaron arredor dunhas 70 cerdeiras autóctonas chegadas de Lourizán. Ademais, para esta repoboación, coma para outras plantacións de frondosas, contaron coa colaboración dos escolares dos dous colexios e do instituto da zona. “Traballamos cos centros educativos para involucrar ós máis novos na comunidade de montes. Decatámonos de que moitos descoñecían por completo este colectivo e a xestión que se fai do monte veciñal”, reflexiona Soaxe.

“Traballamos cos centros educativos para involucrar ós máis novos na comunidade de montes”

Na comunidade de montes tamén organizan distintas actividades cos rapaces para darlles a coñecer este espazo natural que teñen a carón da casa. “Os cativos son os futuros comuneiros e temos que transmitirlles o potencial deste monte. Ademais, o monte é unha escola viva que nos pode ensinar de tódalas materias”, reivindica Soaxe.

Prevención de lumes

Á par da cooperación coa comunidade educativa, dende o colectivo están a colaborar nun obradoiro municipal de emprego da Rúa IX, polo que xa o ano pasado contrataron a tres persoas deste programa para realizar as prácticas formativas no monte durante 3 meses. “Eles acadan unha formación e nós podemos afrontar tarefas de silvicultura no monte”, concreta.

Carteis-explicativos-no-monte-Coiro-

Contan con paneis explicativos sobre a vexetación e a fauna do monte.

Na comunidade de montes adoitan contratar ademais 3 persoas para as tarefas de mantemento do monte, que sobre todo se centran en manter limpos os camiños. Ese é o principal destino de boa parte dos ingresos que logran, xa que están a investir de novo no monte todo o capital que produce. “O mantemento das infraestruturas e accesos está a ser o gran problema dos montes”, indica Soaxe.

Ó tratarse dun monte periurbano, centran os seus esforzos en manter accesibles varias pozas de auga para poder actuar con rapidez en caso de incendio. “Hai 4 anos sufrimos ata 24 conatos de lumes no monte”, recorda o secretario da comunidade de montes. Daquela puxeron en marcha un plan de vixilancia veciñal nas épocas de maior risco, de maneira que entre 15 e 18 voluntarios participaban en paseos polo monte. “Servían como unha medida disuasoria e ó mesmo tempo eran a escusa perfecta de moita xente para ir ó monte e interactuar cos seus veciños”, comenta.

Puxeron en marcha un servizo de vixilancia veciñal do monte que permitía a moita xente ter unha escusa para ir ó monte

Na prevención dos lumes, as frondosas autóctonas estanse convertendo nunha ferramenta máis. Así, nos últimos tempos están a facer devasas con frondosas para, en caso de incendio, tentar retrasar o avance das lapas, dado o perigo que supón ó tratarse de montes periurbanos. “Vimos que as devasas sen vexetación non estaban a resultar de utilidade para frear o avance do lume, por iso quixemos probar con outras opcións”, indica.

Resinado-no-monte-de-Coiro-

Están probando a recoller a resina nalgúns piñeirais como unha fonte máis de ingresos.

Outros beneficios do monte

Xunto co aproveitamento forestal, a comunidade está a poñer en marcha distintas iniciativas como o resinamento dos piñeiros. Outras iniciativas que barallan pasan por fomentar a produción micolóxica e para castaña dos soutos, aínda que polo momento carecen de ningunha regulación para o aproveitamento destes froitos.

Na comunidade de montes veciñais teñen moi presente que “moitos dos beneficios do monte non se poden cuantificar economicamente, posto que é un espazo social, de lecer, unha fonte de saúde…”, reivindica Soaxe.

image_print

2 ideas sobre ““Cremos nun monte multifuncional con máis usos que a corta de madeira”

    • Campo Galego

      Polo que sabemos, no monte veciñal hai zonas de frondosas caducifolias con presenza de faias, pero non che podemos dicir moito máis.

      Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información