Crean en Lugo un modelo de predicción da temperatura nas granxas de porcino

O enxeñeiro agrónomo pontevedrés Juan Antonio Ortega presenta na Escola Politécnica Superior un modelo de predición do ambiente interior de explotacións de porcino en fase de transición.

Crean en Lugo un modelo de predicción da temperatura nas granxas de porcino

Juan Antonio Ortega, no centro, acompañado polos seus directores de tese

As delicadas condicións ambientais que requiren os leitóns tras o destete para garantir o seu correcto crecemento e o seu benestar centran o obxecto da tese de doutoramento que vén de presentar na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo o enxeñeiro agrónomo pontevedrés Juan Antonio Ortega Martínez baixo o título ‘Estudo do ambiente interior de aloxamentos para gando porcino en fase de transición e o seu modelizado ARIMA’.

Esta tese de doutoramento, dirixida polos profesores do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC Dolores Fernández Rodríguez e Manuel Ramiro Rodríguez Rodríguez, estuda polo miúdo as condicións ambientais dunha explotación porcina de produción de leitóns de 20 kg de peso., localizada na provincia da Coruña e cunha capacidade autorizada de 4.895 nais.

A análise do clima exterior, das instalacións de climatización e da actividade animal foron a base para o desenvolvemento dun modelo de predición da variable clave, a temperatura, na zona animal, empregando a metodoloxía ARIMA (Autoregressive integrated moving average).

“O modelo é aplicable a calquera explotación de porcino en fase de transición”

A aplicabilidade deste modelo ao deseño de estratexias e elementos de control eficientes dende dous puntos de vista, animal e enerxía, garántese grazas á extensa e completa validación realizada, segundo indica Ortega Martínez, quen tamén subliña que os datos resultantes desta investigación de doutoramento son aplicables a calquera outra explotación de gando porcino en fase de transición.

As variables de predición do modelo desenvolvido na EPS inclúe entre os parámetros empregados a temperatura exterior, a superficie de apertura da saída de aire, o volume de aire extraído e o peso vivo dos animais aloxados na sala, integrando os tres factores básicos, clima, funcionamento das instalacións e animais.

Unha marxe de erro na predición do 3%

O valor actual de temperatura na zona ocupada polo animal é predicible, segundo este novo modelo, a partir dos datos dos 20 minutos anteriores. O erro medio da predición acada un valor absoluto porcentual do 3%, segundo sinala Juan Antonio Ortega Martínez. Este enxeñeiro agrónomo engade asemade que este mínimo grao de error é posible grazas aos estudos realizados durante máis 200 días, un período suficientemente amplo como para ter en conta diferentes variables.

O catedrático da Universidade Politécnica de Madrid Saturnino de la Plaza Pérez presidiu o tribunal encargado da avaliar a terse de doutoramento presentada por Juan Antonio Ortega Martínez e que mereceu a máxima cualificación académica de sobresaínte cum laude.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información