Couza da pataca: Lugares e datas das charlas informativas na Costa da Morte

Publicidade
Couza da pataca: Lugares e datas das charlas informativas na Costa da Morte

Couza guatemalteca da pataca

A Consellería do Medio Rural vén de pechar cos alcaldes dos concellos limítrofes con Muxía as charlas informativas sobre a couza da pataca (Tecia solanivora), seguindo así o protocolo de actuación que xa se levou a cabo cando se declarou esta praga nos 32 concellos do norte de Galicia.

As charlas, que serán abertas ao público e serán impartidas por técnicos da Consellería do Medio Rural, teñen a finalidade de informar aos veciños dos concellos situados na zona tampón (Camariñas, Vimianzo, Dumbría, Cee e Fisterra), das medidas adoptadas e previstas para atallar esta praga, así como reforzar a coordinación entre os axentes implicados.

A continuación, indícanse as datas das vindeiras charlas, pois as de Muxía e Vimianzo xa se celebraron a pasada semana:

Mércores 4 de abril:

O Ás 19:00 h charla no salón de actos do concello de Cee.
O Ás 19:00 h charla na Casa da Sociedade de Xaviña, en Camariñas

Xoves 5 de abril:

O Ás 19:00 h charla na casa da cultura de Olveira en Dumbría.
O Ás 19:00 h charla no salón de actos do concello de Fisterra.

Medidas adoptadas: Non se poderá plantar pataca en dous anos

As medidas que se están levando a cabo nestes seis municipios son as mesmas cas aplicadas nos restantes 32 concellos afectados; é dicir, o protocolo de actuación é o mesmo. Neste senso, cabe lembrar que entre as medidas adoptadas está a prohibición de plantar patacas nos vindeiros dous anos. Así mesmo, todo produtor de pataca -tanto profesional como de autoconsumo- localizado nas áreas demarcadas deberá comunicar a superficie plantada na presente campaña. Desta forma preténdese ter localizadas todas as plantacións de patacas nas áreas demarcadas e evitar o movemento deste tubérculo a outras zonas limpas.

Por outra banda, os comerciantes ou puntos de venda de semente deberán solicitarlle aos compradores de pataca de semente unha serie de datos (nome e enderezo, cantidade adquirida e data de adquisición) co fin de poñelos á disposición dos servizos oficiais de sanidade vexetal. Pola súa banda, os concellos deberán reforzar a vixilancia da procedencia de patacas que se venden nos mercados locais, constatando a orixe da pataca comercializada e adoptando as medidas para impedir, se é o caso, a circulación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información