Couza da pataca: Lista dos 9 concellos galegos nos que se poderá volver plantar en 2020

Couza da pataca: Lista dos 9 concellos galegos nos que se poderá volver plantar en 2020

A Consellería do Medio Rural proporá proximamente o levantamento da prohibición de plantar pataca nun total de nove concellos das provincias da Coruña e Lugo afectados pola couza guatemalteca, ao cumprirse o prazo de dous anos, establecido pola normativa, desde que se rexistrou nestes municipios algunha captura do insecto. Trátase dos concellos de Ares, Mugardos, Cabanas, Fene, Ferrol, A Capela e As Pontes de García Rodríguez, na provincia da Coruña, e dos de Ourol e Abadín, na de Lugo.

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, presidiu esta mañá a comisión de seguimento da couza guatemalteca da pataca na que se abordou este asunto. Acordouse trasladar esta proposta en breve na xuntanza prevista para principios de xaneiro próximo en Madrid con responsables do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e representantes do Principado de Asturias.

Na reunión da comisión desta mañá, na que participaron técnicos de Medio Rural, do Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia e representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia, tratouse a situación da couza nas zonas demarcadas en 2017, tras detectarse o primeiro foco.

Así, constatouse unha evolución moi positiva na redución de capturas en todos os municipios da zona infestada e en nove deles non se rexistrou ningunha nos últimos dous anos, razón que permite levantar as restricións, de forma que os citados concellos pasen de estar en zona infestada á zona tampón. Isto supón que se permitirá plantar pataca, pero que se fará un seguimento exhaustivo das plantacións por parte da Consellería e manteranse as demais medidas de control e vixilancia previstas na lexislación.

No encontro avaliáronse tamén as medidas adoptadas recentemente, tras detectar casos de tubérculos afectados en almacéns de autoconsumo en tres parroquias dos concellos coruñeses da Laracha e Carballo, que xa foron destruídos. Entre as actuacións levadas a cabo figuran, ademais da destrución das patacas infectadas, a colocación de trampas para a captura de couzas e o reforzo dos labores de inspección.

Neste sentido, dende Medio Rural agradecen a colaboración dos produtores e comercializadores da zona, “que fixo posible a retirada dunhas nove toneladas de tubérculos de diversos almacéns nesta área, para evitar a propagación do insecto”.

Xornadas informativas

Precisamente hoxe e mañá estanse celebrando tamén encontros informativos nas zonas afectadas, para dar conta de todas estas medidas e explicar aos interesados como deben actuar fronte a couza. A vindeira semana terán lugar xornadas semellantes nos concellos da zona tampón.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información