“Cortar árbores é malo?, se se pensa iso hai que explicar como a madeira resolve problemas”

Os debates enquistados sobre eucaliptos, lumes ou ‘limpeza’ do mato constrúen unha imaxe do monte en negativo, con dous mundos enfrontados, o sector forestal por un lado e unha parte da sociedade con preocupacións ecoloxistas polo outro Analizamos con representantes do sector forestal e do ambiental como tender pontes entre monte e ecoloxismo

“Cortar árbores é malo?, se se pensa iso hai que explicar como a madeira resolve problemas”

Cando se lle pregunta ós propietarios forestais se o eucalipto é malo, 9 de cada 10 contestan que non. A mesma pregunta, formulada a un público maioritariamente universitario que asistía a un debate científico sobre o eucalipto, deparou o resultado contrario. Máis do 80% consideraba ‘malo’ ó eucalipto. Trátase de dúas visións do monte aparentemente irreconciliables, pero sobre as que é posible tecer unhas bases comúns de entendemento, segundo coinciden representantes do sector forestal e ambiental cos que falamos.

“Cortar árbores é malo?. Se se pensa iso, é que existe un gran descoñecemento do que representa o mundo forestal. A madeira resolve problemas. É unha materia prima renovable que non é só papel hixiénico ou táboas para mobles. A día de hoxe, a madeira está axudando a loitar contra o cambio climático, pois as innovacións tecnolóxicas permiten que a madeira substitúa a materiais cunha maior pegada de carbono e non renovables, como o aceiro, o aluminio ou o plástico”, expón Jacobo Feijoo, da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), un colectivo ligado a Unións Agrarias.

“En lugar de coñecemento sobre o sector forestal, hai unha parte da sociedade que coñece unha caricatura do sector forestal” -conclúe Feijoo-. “O mundo forestal enmárcase na busca dunha economía circular, máis sostible, con independencia de que sexa unha actividade que precisa unha ordenación”.

“O sector forestal séntese incomprendido, con certa razón, pero o problema non é só o eucalipto nin cortar árbores, é que arbores se cortan e como” (Jesús de la Fuente, enxeñeiro de montes)

Desde o ámbito forestal e tamén do ambiental, Jesús de la Fuente, enxeñeiro de montes e presidente do colectivo A rente do chan – Pladever (Pontecaldelas), analiza o dilema: “O sector forestal séntese incomprendido, con certa razón, pero o problema non é só o eucalipto, que tamén, nin talar árbores, senón que árbores e como as talamos”, valora.

De la Fuente avoga neste artigo sobre o movemento deseucaliptizador por un monte con maior diversidade de especies e por prácticas como os rexenerados naturais, con menos cortas a feito, que eliminan todo o arborado dunha finca. Tamén se pronuncia a favor de repoboacións mixtas de coníferas e frondosas caducifolias ou do coidado dos bosques de ribeira, entre outras prácticas que poden contribuír a unha maior biodiversidade e mellores paisaxes.

“En Galicia pódese chegar a un consenso social sobre o monte, pero desde unha planificación forestal feita para a industria e para o conxunto da sociedade. A sociedade ten que entender que a madeira é un recurso e o sector forestal mellorar os servizos ambientais que lle presta ó conxunto da sociedade”, subliña Jesús de la Fuente.

“Incluso nos eucaliptais pode ser posible buscar puntos de encontro. Por exemplo, unha alternativa é que en lugar de facer cortas a feito das plantacións cada 12-15 anos para papel, deixando as fincas sen nada, se manteñan no monte unha parte dos eucaliptos, a turnos de 30-50 anos, para madeira de serra, co cal ademais estaráselle proporcionando materia prima ós aserradoiros nun futuro”, apunta.

“En ocasións mírase ó monte igual que os xubilados miran unha obra tras o valado, con dereito a criticar pero sen implicarse” (Juan Picos, Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra)

O director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra (Uvigo), Juan Picos, comparte, con matices, esa idea de que o sector forestal ten que adaptarse ás demandas sociais. “O futuro do sector forestal pasa pola súa mellora e pola súa adaptación ás demandas dos consumidores. O mundo urbán valora o que non ten, un lecer, unha paisaxe, e precisaremos traballar con esa perspectiva”, recoñece.

A outra parte da análise de Picos diríxese o mundo urbán, “que debe implicarse no apoio ó rural”. “En lugar de dicirlle ó propietario o que ten que facer nas súas terras, cos seus medios e cos seus cartos, o mundo económico e as institucións públicas teñen que implicarse con mecanismos de apoio, ben sexa de mecenado, de acordos de custodia do territorio ou outros. Hai que superar a pasividade que hai ás veces desde fóra do ámbito forestal, a modo de xubilados que miran unha obra e que se cren con dereito a criticar, con independencia de que a obra ás veces non estea todo o ben que debera”.

Relevo xeneracional
Desde a Asociación Forestal de Galicia, o seu director, Francisco Dans, incide na importancia de impulsar o relevo xeneracional na xestión do monte. “O futuro do monte é cousa das persoas mozas e para implicar ás novas xeracións, unha cousa importante é que cando se invista no monte, haxa posibilidade de sacarlle beneficio. Ese é o xeito de evitar o abandono, que é unha cuestión que nos debera preocupar. Cómpre buscar ese relevo para potenciar montes con futuro”, destaca.

“O monte é cousa das persoas mozas. Para implicalas, é importante que cando se invista no monte, haxa a posibilidade dun beneficio. Ese é o xeito de evitar o abandono” (Francisco Dans, Asociación Forestal de Galicia)

Como exemplo do dinamismo do sector forestal, Dans sinala as comarcas de Ortegal, Mariñas coruñesas e Mariña lucense. “Nun terreo marcado polo minifundio, os propietarios organizáronse en asociacións locais -as Promas- e destacan polo seu coidado do monte e por unha cadea da madeira moi dinámica”, salienta.

“En zonas con maior peso das comunidades de montes, como Pontevedra, tamén hai que salientar a importancia que as propias comunidades lle dan ó mantemento do patrimonio e ó valor social e cultural dos montes. Os maiores riscos, desde unha óptica forestal, están en comarcas despoboadas do interior de Lugo e Ourense, onde non haberá un relevo xeneracional no monte” -advirte-. “Nesas comarcas será preciso buscar alternativas de xestión e potenciar proxectos que poidan acometer gandeiros ou emprendedores”, apunta.

“Temos a sorte de ser un país cunha terra que produce en cantidade e calidade. A nivel forestal, somos a envidia de Europa, pero fáltanos equilibrio. As plantacións de eucalipto son como campos de millo” (Xosé Santos, Amigos da Terra)

A mobilización de terras abandonadas é un dos retos nos que Juan Picos cre que se pode buscar a implicación da sociedade urbán. “É unha oportunidade para probar na práctica outros posibles modelos e que se comprendan os problemas que existen no día a día no rural polo minifundio, a orografía e outras circunstancias”, sinala Picos.

Crise do coronavirus
A actual crise é desde a óptica de Picos unha oportunidade para implicar á sociedade no sector primario. “Sabemos que en Galicia somos unha potencia agrícola e gandeira, cunha industria asociada, que cobra gran relevancia nunha situación como a actual, pois garántenos unha seguridade de abastecemento alimentario sen complicacións. No ámbito forestal, somos tamén unha potencia, pero quizais a sociedade perciba menos a importancia diso”, opina.

É un punto de vista co que coincide Xosé Santos, activista de diversos colectivos ambientalistas, como Amigos da Terra. “Temos a sorte de ser un país cunha terra que produce madeira en cantidade e calidade. Somos a envidia de Europa, o sitio con maiores crecementos do continente en todo tipo de especies polo clima tépedo, unido as choivas e a unha terra fértil. É unha circunstancia que non sabemos valorar nin aproveitar”, cuestiona.

Santos lembra que Galicia ten máis da metade das cortas de España, pero xera unha pequena parte de todo o valor engadido da cadea da madeira a nivel español, o que desde a súa perspectiva evidencia a posibilidade de mellores aproveitamentos industriais.

A súa postura apunta á necesidade de mellorar a cadea forestal desde un punto de vista tanto económico como ambiental. “Economía, sostibilidade e coidado do medioambiente son posibles e imprescindibles” -sostén, parafraseando a unha premio Nóbel-. “O coidado ambiental debe pasar por un equilibrio que non existe. Hoxe en día as plantacións de eucalipto xestiónanse como unha plantación de millo, co cal presentan unha baixa biodiversidade”, mantén. “Cando os turistas chegan a Galicia polo Camiño de Santiago, o que valoran de nós é o coidado das paisaxes tradicionais, os mosaicos de soutos, carballeiras, corredoiras e prados. Se imos a outros países, hai unha preocupación pola conservación do seu patrimonio que aquí non temos” -cuestiona-. “Fáltanos cultura forestal”.

A educación é a vía pola que entende Santos que haberá que correxir as cousas no medio prazo. El está implicado en actividades ambientais con nenos nas escolas, na idea de que coñezan máis o seu entorno e aprendan a aprecialo. “Non se valora o que non se coñece. Nas actividades cos nenos, explicamos todo o que vén do monte, desde o papel hixiénico á madeira, ós froitos secos, o mel, as mediciñas ou a toda unha serie de servizos ós que tamén hai que darlle valor, como o aire limpo, a auga, o lecer ou a paisaxe”, conclúe.

Una idea sobre ““Cortar árbores é malo?, se se pensa iso hai que explicar como a madeira resolve problemas”

  1. Pepe

    O que hay e moito vividor ou aspirante a currar polo estado e non precisamente de celador eso e o que pasa .

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información