Coronavirus: O sector avícola reorganiza as súas vendas e garante o suministro de ovos e carne

A falta de labras ou de envases para a venta de ovos son algúns dos escollos que atopan nas granxas avícolas pola crise do coronavirus. Adáptanse ó cambio de demanda e céntranse en atender os supermercados e as tendas logo do peche da hostalería

Coronavirus: O sector avícola reorganiza as súas vendas e garante o suministro de ovos e carne

Ó igual que noutros sectores básicos que continúa funcionando, a pandemia do coronavirus tamén está modificando a actividade do sector avícola galego. Continúan a traballar con certa normalidade, aínda que tamén tiveron que facer fronte xa a diferentes escollos nesta primeira semana dende que se decretara o estado de alarma.

O peche da hostalería foi un dos maiores condicionantes nestes primeiros días e provoca que a produción se tivese que reorganizar e orientarse cara o consumo directo en supermercados e tendas, que tamén experimentou unha maior demanda. “Mentres a hostalería se parou de repente, a demanda dos supermercados e tendas aumentou durante os primeiros días de alerta. A día de hoxe, nótase un descenso do consumo, como si se estivese normalizando a situación”, indican dende a firma Avigal, con sede na parroquia pontevedresa de Campañó e que conta cunhas 130 granxas de cebo de polo en Galicia.

Granxas de polos e de ovos derivaron a súa produción cara os supermercados e pequenas tendas
tralo peche da hostalería

No seu caso, o aumento do consumo nos fogares está case a corrixir a parada da hostalería. “Avigal conta cunha carteira de clientes moi diversificada en nese aspecto somos capaces de adaptarnos ás variacións de consumo dos diferentes canais”, concretan.

Nunha situación similar atópase Granja Campomayor, situada en Palas de Rei (Lugo) e centrada na produción de ovo. Ata o comezo da crise polo Covid19 o 45% do ovo fresco destinábase á hostalería polo que tiveron que reorientar a súa produción centrándose nas grandes superficies e no pequeno comercio. O ovo pasteurizado era outro dos produtos que se consumía dende a restauración e que agora comercializan só para a industria co que, entre outros alimentos, se elaboran sobremesas ou repostería. “Ó subir moito a demanda do consumo doméstico o que fixemos foi derivar as producións da hostalería cara ese comercio”, explica Rodrigo García García, director comercial e a cuarta xeración da empresa lucense.

Ademais conta con presenza a nivel nacional, o que lles está axudando a distribuír a súa produción e contribuír a que non se produza desavastecemento nos puntos de venta. “Temos capacidade para afrontar a demanda que estamos tendo e para asumir máis. De feito, estannos chamando de novas cadeas para que lle proporcionemos ovos”, concreta García, xa que contan cunha produción de 1 millón de ovos ó día.

A dificultade das cadeas para incorporar novos provedores contribúe ó desabastecemento rexistrado

Así, comezaron a servirlle ovos tamén a cadeas como Carrefour coa que ata o momento non traballaban pero para a que xa estaban autorizados como provedores. De feito, tal e como apuntan dende o sector, conseguir dar de alta novos provedores é un dos problemas cos que se están atopando as grandes superficies e os comercios de alimentación e que contribuíu ó desabastecemento que se viu en días pasados.

Porén, no sector aquelas empresas cunha produción centrada na hostalería ou na industria están a ter importantes dificultades para colocar a súa produción. O peche de actividade non só está a paralizar a actividade de bares e restaurantes senón que tamén se pecharon comedores escolares ou de empresas que son importantes consumidores destas ganderías.

Primeiras dificultades

Á marxe do cambio de consumo, nas granxas sigue imperando certa normalidade, aínda que tamén están a notar variacións debido as esixencias do mercado. “De momento non estamos notando nada, incluso parece que se está acelerando a saída dos animais das granxas, pois nas casas consúmese máis e por aí está compensando a caída das vendas en hostalería. Estase saíndo e incluso estase adiantando o día de saída porque hai máis demanda”, indica Xosé Manuel Pérez Bouza, cunha granxa de cebo duns 23.500 polos en Porqueira, (Ourense) e cun período de crianza de 47 días.

As primeiras dificultades que xurdiron no sector nestes primeiros días do estado de alarma teñen que ver co abastecemento dalgúns subministros básicos. Mentres que os pensos e medicamentos parecen estar garantidos dende o primeiro momento, comezan a ter outra carencias. “Por agora Coren non nos dixo que tivéramos problemas co penso ou con outros servizos, pero as granxas precisamos moitos outros colaboradores para funcionar”, explica o gandeiro.

O peche dos serradoiros provoca que as granxas teñan dificultades para atopar labras e opten por solucións como a palla para as camas

As labras para a cama dos polos, nas granxas de cebo, está a ser un dos maiores problemas. “O provedor que nos facilitaba alimentos e a cama para poliños pechou e ata novo aviso non hai labras. Imos ter problemas para conseguir material para a cama”, concreta Xosé Manuel.

O problema é xeralizado, posto que co parón das actividades non prioritarias pecharon tamén os serradoiros, que eran a principal fonte de abastecemento das labras para as granxas avícolas. “Ímolo solventando de maneira diferente, caso a caso, buscando outro tipo de camas, como por exemplo a palla, que se trae fundamentalmente da zona de Castela”, explican dende Avigal.

Mentres, nas distintas granxas de galiñas poñedeiras, como Granja Campomayor, xa non adoitaban empregar labras ó tratarse de animais adultos. Porén, tiveron outras dificultades cos cambios sufridos no mercado. Ó derivar a produción da hostalería cara o consumo en grandes superficies e comercios tamén precisaron unha maior cantidade de envases e nos primeiros días afrontaron certas carencias. “O desabastecemento de envases sufrírono moitas empresas coma a nosa. Nós tentamos anticiparnos e esta semana xa temos subministros garantidos”, concreta Rodrigo García.

O peche doutras empresas tamén está afectar a actividade das granxas, aínda que van procurando alternativas. “Vou a un torneiro para reparar un removedor para remexer as camas. As ferreterías tamén pecharon e por aí poden empezar a vir os problemas”, indica Xosé Manuel.

Están organizando quendas para evitar que os traballadores coincidan e reducir as visitas ás granxas

No sector tamén están optando polo teletraballo naqueles departamentos nos que é posible e establecendo novas quendas de traballo para coincidir o menor número de persoas en espazos como oficinas. “Aplicamos protocolos de contacto cero, non se permite a entrada dos condutores nin sequera á oficina de expedicións”, explican dende Avigal. Na empresa tamén estableceron quendas para simplificar os traballos e incrementaron as rutinas de desinfección das instalacións. Nas granxas, os veterinarios acoden só cando é estritamente necesario e nunca coinciden cos propietarios das ganderías.

As medidas son similares tamén en Granja Campomayor. “Todos os que podemos estamos traballando dende a casa e nos grupos de clasificación tamén aumentamos a distancia para favorecer que o persoal estea máis disperso”, apunta Rodrigo. Traballan ademais nun plan de continxencia para estar preparados no caso de que se detecte algún caso de coronavirus. “Temos que estar preparados porque a actividade non para aínda que haxa algún contaxio, polo que hai que evitar que o persoal coincida para que non teñan que estar todos en corentena e se poida seguir atendendo ós animais”, concreta.

Mantéñense os prezos

Ata o momento tampouco parece haber variacións nos prezos. No caso das granxas que traballan con firmas como Coren, os prezos adoitan fixarse a comezos de ano e manterse durante todo o período sen variacións e polo momento, tampouco parece haber cambios para os produtores. “En xeral, non houbo variacións nos prezos e séguense respectando as tarifas dos prezos establecidas antes da crise”, concretan dende Avigal.

” Agora mesmo ninguén se está preocupando da rendibilidade das granxas senón de que ó consumidor non lle falte de nada”, Félix Porto, Unións Agrarias

O compromiso do sector avícola, ó igual que o resto de produtores de alimentos está en abastecer á poboación. “Abríase unha etapa que xeraba unha expectativas en positivo, coa aplicación do Real Decreto para regular os costes de produción e ninguén tivo a menor dúbida en aparcar ese tema e dedicarse ó prioritario: producir para garantir o abastecemento do mercado. Agora mesmo ninguén se está preocupando da rendibilidade das granxas senón de que ó consumidor, ós veciños, non lles falte de nada. Esa é preocupación básica dos produtores nestes momentos”, sinala Félix Porto, responsable de área externa de Unións Agrarias.

Os prezos dos ovos tamén parecen manterse sen grandes cambios con respecto ó comezo do estado de alarma. Na última sesión celebrada na Central Agropecuaria de Galicia, en Silleda, o pasado 10 de marzo, o prezo dos ovos oscilaba entre o 1,52 euros a ducia dos ovos de tamaño XL e os 0,99 euros a ducia dos ovos de menor tamaño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información