Coronavirus: O Goberno confirma que a agricultura, gandaría, industria alimentaria e forestal poden seguir traballando

Coronavirus: O Goberno confirma que a agricultura, gandaría, industria alimentaria e forestal poden seguir traballando

O Real Decreto-Lei polo que se regula un permiso retribuido recuperable para as persoas traballadoras dos servizos non esenciais, publicado no Boletín Oficial do Estado a noite do 29 de marzo, xa está en vigor. Segundo se recolle no seu anexo, esta norma non é aplicable ás persoas traballadoras da agricultura, gandaría e industria alimentaria, así como ás actividades imprescindibles para asegurar o seu funcionamento.

En canto ao sector forestal de momento non está claro no decreto se se pode traballar ou non e, en caso afirmativo que sectores (silviculura, aserradoiros, fabricación de mobles, plantas de celulosa…etc). O sector está en contacto coa Delegación do Goberno en Galicia para que aclare canto antes a situación.

O obxectivo deste Real Decreto-Lei é reforzar, con carácter temporal, as limitacións do movemento das persoas para conter o COVID-19, e garantir que os sacrificios e esforzos de toda a poboación teñan unha maior repercusión na loita contra esta enfermidade.

No seu anexo, este Real Decreto-Lei relaciona as persoas traballadoras ás que non resulta de aplicación o permiso retribuido recuperable. Relacionadas coa actividade agraria e agroalimentaria, figuran as seguintes:

-Actividades que participan na cadea de abastecemento do mercado e no funcionamento dos servizos dos centros de produción de bens e servizos de primeira necesidade, incluíndo alimentos, bebidas e alimentación animal, permitindo a distribución dos mesmos desde a orixe até o destino final.

-Actividades imprescindibles para o mantemento das actividades produtivas da industria manufactureira que ofrecen as subministracións, equipos e materiais necesarios para o correcto desenvolvemento das actividades esenciais.

-Actividades que deban prestar os servizos de transporte, tanto de persoas como de mercadorías, que se continúen desenvolvendo desde a declaración do estado de alarma, así como daquelas que deban asegurar o mantemento dos medios empregados para iso.

-Actividades que presten servizos en materia de xestión de residuos e transporte e retirada de subproductos.

-As dos centros, servizos e establecemento de atención sanitaria a animais.

Doutra banda, o Real Decreto 463/2020 polo que se declarou o estado de alarma o pasado 14 de marzo para xestionar a situación ocasionada polo COVID-19, así como as sucesivas normas publicadas no Boletín Oficial do Estado, establece que as autoridades competentes delegadas adoptarán as medidas necesarias para garantir o abastecemento alimentario.

A produción agrícola, gandeira, a transformación de produtos agrarios, os centros ou clínicas veterinarias, o transporte e a distribución de alimentos, así como a súa comercialización a través da venda comerciante polo miúdo ao consumidor, forman a cadea de abastecemento alimentario cuxa actividade debe garantirse na situación de estado de alarma.

Isto implica que debe manterse non só a actividade das empresas agroalimentarias no seu conxunto, incluídas as explotacións agrícolas e gandeiras, senón tamén a das empresas que, á súa vez, as fornecen dos insumos e servizos necesarios para o seu funcionamento e que resulten imprescindibles neste momento, como clínicas veterinarias, tendas agrarias…etc.


Actualización 30-III-2020 (15.20 horas): A Delegación do Goberno aclara que aserradoiros, rematantes e viveiros forestais poden manter a actividade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información