Coronavirus: Medio Rural anuncia que será máis flexible cos requisitos das subvencións

O conselleiro do Medio Rural anuncia que se flexibilizarán os requisitos para o cobro das axudas concedidas ás explotacións agrogandeiras ante a imposibilidade de cumprir en prazo coas obras e proxectos solicitados

HORTA_DA_LOUSA_TOMATES_02A crise sanitaria do coronavirus e as medidas excepcionais decretadas para frear a pandemia, que obrigou ao peche da hostalaría e dos mercados de proximidade, están a causar problemas para dar saída a certos produtos que tiñan neles o groso da súa comercialización.

A Xunta e os sindicatos agrarios galegos abordaron hoxe esta problemática na procura de mecanismos para dar saída a estas producións que viron reducidos os seus mercados trala declaración do estado de alarma. Entre os máis afectados pola situación de emerxencia sanitaria derivada do coronavirus están o sector vitivinícola, os produtores de froitas e hortalizas, os que se dedican a elaborar artesanalmente queixos e outros produtos lácteos, os gandeiros de vacún, ovino e caprino, así como os de razas autóctonas, fundamentalmente porco celta.

Na videoconferencia co conselleiro participaron o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, e a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, ao seren as dúas organizacións con representación no Consello Agrario

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo esta mañá unha videoconferencia con representantes das organizacións profesionais agrarias galegas para analizar as distintas posibilidades e fórmulas que manexa a Xunta co obxectivo de buscar novas vías de comercialización para os produtos agroalimentarios de calidade ou os de proximidade. Non se avanzaron medidas concretas e a estratexia da Xunta pasa simplemente por “concienciar ao consumidor galego da importancia que ten neste momento apoiar ao sector primario”, segundo indicou a Consellería nun comunicado remitido aos medios de comunicación.

Préstamos sen xuros a devolver en 4 anos

A Xunta estuda a posibilidade de que os sectores agrogandeiros afectados se poidan acoller á nova liña de financiamento do Igape que busca inxectar liquidez a pemes e autónomos que se estean vendo afectados pola situación de emerxencia sanitaria. “A Xunta está aberta a que esas liñas poidan chegar a aqueles sectores que o necesitan” facendo mesmo algunha “especificación ou adaptación” para que se adapten ás necesidades do sector primario, explicou José González.

O conselleiro do Medio Rural recalcou que esta orde da Consellería de Economía, Emprego e Industria persegue que se poida facer fronte ás necesidades máis inmediatas, como o pagamento de salarios, facturas, alugueiros ou impostos. A iniciativa contempla a mobilización de 250 millóns de euros en préstamos, que buscan paliar os efectos do coronavirus no tecido empresarial galego. Os beneficiarios disporán de prazos de amortización de ata catro anos con un de carencia, cun máximo dun 1,5% de xuros, que serán bonificados ao cento por cento pola Xunta, facéndose cargo deles.

Poderase suplir mediante unhas fotografías a necesidade de acta previa dos inspectores da Xunta

O titular de Medio Rural tamén lles trasladou esta mañá aos responsables das organizacións sindicais que, en relación ás axudas da Consellería, estase “traballando na axilización dos pagos” e na flexibilización dos requisitos esixidos para as diferentes subvencións, buscando evitar incumprimentos ou posibles prexuízos derivados da imposibilidade de executar as accións programadas.

Desde Unións Agrarias, Roberto García valorou positivamente a intención da Xunta de flexibilizar a tramitación de axudas e a liquidación xa das pendentes. No caso das subvencións que requiran dunha acta previa, sobre todo no caso das reestructuración de viñedos que se viran paralizadas, pola falta de levantamentos de actas por parte dos inspectores da Xunta, a partir de agora bastará cunha declaración xurada dos perceptores e cunha reportaxe fotográfica para dar testemuña do inicio das reformas. Do mesmo xeito, UUAA solicitou liquidez para as pequenas adegas e promoción para as seguintes campañas de comercialización de viño para recuperar mercados.

A Consellería estuda flexibilizar os requisitos esixidos para as diferentes subvencións para evitar prexuízos derivados da imposibilidade de executar as accións programadas

O secretario xeral de UUAA trasladoulle ao conselleiro a preocupación que se está a dar entre os produtores de carne de vacún pola caída que están a experimentar os prezos en orixe, pese a que a comercialización nas grandes superficies segue cunha forte demanda. Unións pediu un “salvavidas financieiro” para as explotacións de montaña e zonas desfavorecidas e medidas como a gratuidade de crotais e seguros.

Outro dos sectores que están a ver caer as cotizacións en Galicia son os derivados da agricultura de invernadoiro tanto flor ornamental como horta. Roberto García pediu que ademais de promover o consumo de produtos de proximidade para evitar as caídas de prezos nas granxas galegas se vixíe a oferta de produtos reclamo como os que se teñen denunciado nos últimos días.

Finalmente, UUAA considera “un contrasentido” confinar por un lado aos cidadáns e por outro “obrigalos a transitar cara as xestorías para traer e levar documentos, dado que aínda que se adiou o prazo de xustificación da PAC até o 15 de xuño, non se suspendeu a presentación de impostos e liquidación de cargas administrativas, polo que os agricultores e gandeiros vense abocados a acudir aos seus xestores con toda a documentación, o que supón un risco evidente de contaxio”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información