Coronavirus: Gran preocupación no sector do viño polo parón das vendas e os impagos

Gran inquietude nas adegas polo parón das vendas tras o peche de bares e restaurantes e a caída das exportacións. Se a situación prolóngase máis de 90 días algunhas delas ven comprometida a súa viabilidade

Publicidade
Coronavirus: Gran preocupación no sector do viño polo parón das vendas e os impagos

O sector do viño vive unha treboada perfecta a raíz do coronavirus que podería comprometer o futuro de moitas adegas se se prolonga varios meses: peche de bares e restaurantes, redución considerable das exportacións e unha campaña de primavera na que é necesario realizar un importante desembolso económico para realizar os traballos da viña (laboreo, compra de fitosanitarios e de fertilizantes…etc) poñen en serias dificultades ao sector.

Así o confirma Rafael del Rey, director do Observatorio Español do Mercado do Viño (OeMv): “Os datos son moi malos porque houbo un parón brutal das vendas, e a gravidade dependerá do que dure esta situación”.

E é que, tal e como lembra, “a hostalaría representa entre o 40 e o 50% das vendas de viño en España, seguido da canle de alimentación (tendas e supermercados), que supoñen ao redor dun 30% e entre un 15 e un 20% é venda directa en adega ou online”.

“O consumo total viño en España situouse o pasado ano nuns 1100 millóns de litros, dos que 500 millóns en bares e restaurantes, e non creo que o parón de pedidos se compense cun maior consumo de viño no fogar e de máis vendas na canle de alimentación. Ademais, a crise coincide con dúas celebracións que incrementan notablemente as vendas como son a Semana Santa e a Feira de Abril”, engade.

En cifras económicas, segundo o OeMV o sector o viño factura en España uns 6.800 millóns de euros ao ano, medidos en prezo de venda ao público, aos que habería que sumar outros 3.000 millóns de euros de exportación.

Porén, estas tamén se están resentindo pola crise do Covid 19. “As exportacións tamén están freadas, e ademais xa perdemos as celebracións do Ano Novo en China, que supoñen un incremento das vendas, ao que temos que sumar os aranceis de Trump que tamén reduciron as vendas de viño a Estados Unidos”, advirte Rafael del Rey.

Adega Crego e Monaguillo (DO Monterrei): “Hai un parón total dos pedidos”

Desde a adega Crego e Monaguillo, na Denominación de Orixe Monterrei, confirman o parón total dos pedidos. “O noso mercado sobre todo é galego e nacional e até a pasada semana non notamos ningún cambio, pero este luns tiñamos preparados 14 palés para saír e non os enviamos porque o distribuidor advertiunos de que non os vai a vender”, recoñecen. Advirten tamén do risco de que haxa moitos impagos no sector.

As súas previsións polo momento son reducir ao mínimo as actividades en adega e centrarse nos traballos da viña, onde ademais o risco de contaxio é menor, ao estar o aire libre e recibir maior radiación ultravioleta.

José Luís Sánchez Rodríguez, Adega Alan de Val (DO. Valdeorras): “Os distribuidores non venden o viño e mesmo temos problemas co transporte”

José Luís Sánchez, un dos socios da adega Alan de Val, na Denominación de Orixe Valdeorras, cualifica a situación de “parón total das vendas”. “Xa o empezamos a notar a pasada semana. Vendemos moito en Madrid e un cliente ao que lle enviamos 40 caixas cada mes, xa baixou o pedido a 25 caixas, e outro restaurante pasou de pedir 12 caixas a 4. Este luns ía realizar un envío para Vigo e outro para Padrón e xa me chamaron para cancelalo. Tamén tiña previsto realizar en envío a un particular pero desde a empresa de transportes xa nos avisaron de que non ía ser posible”, relata.

Ademais, o parón dos ingresos coincide co inicio da brotación, o que supón un importante desembolso para os viticultores. “Finalizamos a poda, estamos con traballos de fertilización e de laboreo e dentro de pouco empezaremos cos tratamentos fitosanitarios, e son uns gastos que tes que realizar si ou si”, subliña José Luís.

Adega Santiago Roma (DO. Rías Baixas): “O que recibimos son avisos dos distribuidores para non enviar facturas”

Para o adegueiro e viticultor Santiago Roma, propietario da adega homónima na Denominación de Orixe Rías Baixas, o inicio desta semana foi bastante inusual: “O luns o que recibín foron correos dos distribuidores avisando de que non lles viremos nada ao número de conta e que esperemos até novo aviso”.

“Isto é unha cadea: se bares e restaurantes están pechados os provedores tampouco vendemos, e esperemos que non teñamos problemas para cobrar o que xa entregamos”, recoñece.

Santiago Roma é unha adega que exporta unha parte relevante do seu viño e tamén neses mercados notou un parón. “O venres xa recibín un aviso do meu importador en Irlanda, un país que supón un mercado importante para a miña adega, avisando de que lle aprazase o pago da mercadoría porque alí as cousas tamén van mal” asegura.

Con todo, Santiago confía en que esta situación se superará “e quedará como unha anécdota máis que contarlle aos nosos fillos e netos”. De momento, está a traballar en labores do viñedo e tamén en embotellado da última anada para ter stock cando o mercado volva á normalidade.

Adega Ramón do Casar (DO. Ribeiro) : “Reforzamos as medidas de hixiene na adega”

Javier González Sabucedo, un dos propietarios da adega Ramón do Casar, na Denominación de Orixe Ribeiro, confirma que “esta semana non creo que vendamos ningún viño, excepto un pedido que tiñamos encargado para Finlandia2.

Non obstante, o seu maior temor “son os problemas de impagos a adegas que vai haber, pois aínda hai viño pendente de cobrar da campaña de Nadal, ademais de xaneiro e febreiro, polo que se bares e restaurantes seguen estando obrigados a pechar, a situación vaise agravar”. “Veñen tempos complicados”, recoñece.

Polo demais, en Ramón do Casar están a extremar as medidas de hixiene e de prevención para evitar o contaxio do coronavirus. “Redobramos os traballos de desinfección e mantendo as distancias entre persoas”, explica.

Adega Terras de Asorei (DO. Rías Baixas): “Estamos ao 40% de actividade e paramos importantes acordos de exportación”

Adega Terras de Asorei, na DO. Rías Baixas, vende ao redor dun 60% da súa produción en mercados exteriores, onde tamén notou un parón na súa actividade debido á crise do coronavirus.

“Estamos ao 40% da nosa actividade, realizando teletraballo cando é posible e extremando as medidas de hixiene”, explica Xosé Ramón Durán, presidente e conselleiro delegado da adega.

“Sorprendentemente entrounos a pasada semana un pedido de 5 palés para Estados Unidos e outro de 3 palés para o Reino Unido, pero a actividade da adega baixou considerablemente”, asegura.

O parón tamén afecta as feiras do viño nas que participan: “Tamén tiñamos previsto pechar esta semana en Prowein, en Alemaña, tres importantes contratos de exportación que levábamos traballando varios meses, pero de momento queda todo en suspenso”, asegura.

A súa previsión é que “se esta situación dura 45 días poderíase soportar pero se imos a 90 días de peche da hostalaría, da restauración e das exportacións si que teriamos serias dificultades”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información