Coren e Galicia Business School poñen en marcha dous novos másteres sobre industria alimentaria

Impartirán os títulos de “Xestión de Empresas Gandeiras” e de “Xestión e Comercialización de Empresas Agroalimentarias”. O programa formativo baséase nun sistema dual que combina formación con prácticas remuneradas na empresa, o que permitirá aos alumnos traballar desde o primeiro día

Coren e Galicia Business School poñen en marcha dous novos másteres sobre industria alimentaria

Sinatura do convenio

Capacitar aos mellores profesionais da industria agroalimentaria mediante programas formativos de alto nivel que, á vez, permiten traballar desde o primeiro día, é o obxectivo dos novos programas de Máster que poñen en marcha o Grupo Coren e Galicia Business School: o Máster Coren en Xestión e Comercialización de Empresas Alimentarias e o Master Coren en Xestión de Empresas Gandeiras.

O director xeral de Coren, Emilio Rial; o director de Recursos Humanos de Coren, Santiago Taunton; e o director de Galicia Business School, Eduardo García Erquiaga, subscribiron hoxe o convenio para a realización destes programas.

O programa formativo destes títulos ten como fin lograr un auténtico progreso profesional desde a práctica, rompendo para iso co esquema tradicional da aula sen contacto coa realidade. Deste xeito, ambos os másteres impartiranse mediante un sistema dual que ofrece non só formación teórica, senón tamén experiencia práctica en empresas do Grupo Coren, co obxectivo de que os alumnos poidan aplicar día a día os coñecementos aprendidos ao longo do máster e adquirir así as competencias necesarias para un desempeño profesional de alto nivel en empresas agroalimentarias.

Os programas están dirixidos a quen desexe desenvolver a súa actividade no ámbito agroalimentario, sexan recén titulados ou xa estean a traballar neste sector. En concreto, poderán acceder a estes másteres novos titulados tanto universitarios como de ciclos superiores de Formación Profesional procedentes preferentemente de disciplinas técnicas, veterinarias ou agronómicas, sen descartar outros perfís (industrial, económico, organización) con vocación por este sector.

Deste xeito, poderán obter un título de máster que lles capacita profesionalmente para a área agroalimentaria á vez que desempeñan o seu primeiro emprego remunerado e obteñen experiencia profesional nunha das principais empresas do sector.

Ademais, os mellores alumnos de cada máster poderán acceder a un contrato en prácticas en Coren. Igualmente, poderán cursar estes másteres profesionais que xa conten con experiencia laboral e desexen mellorar as súas competencias nestes ámbitos. Ademais, poderán validar as prácticas coa súa experiencia profesional, dando así un forte impulso ás súas carreiras.

Os másteres terán unha duración de 10 meses (desde setembro do 2016 a xuño de 2017), incluíndo as prácticas remuneradas de seis meses e a presentación dun proxecto no que aplicarán o aprendido no programa.

Os interesados en obter máis información sobre estes programas, poden consultar a web www.galiciabusinessschool.es

Una idea sobre “Coren e Galicia Business School poñen en marcha dous novos másteres sobre industria alimentaria

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información