Copagro confirma o peche da súa planta de pensos tras acumular perdas irresolubles

A factoría finalizou o 2018 cun balance negativo de 200.000 euros e este ano as perdas ían en aumento. As débedas acumuladas nos últimos anos con proveedores e bancos impiden o reflote do proxecto

Copagro confirma o peche da súa planta de pensos tras acumular perdas irresolubles

Planta de pensos de Copagro, en Valdoviño, na comarca de Ferrol.

A cooperativa de segundo grao Copagro (Valdoviño, A Coruña) bota o peche definitivo a súa planta de pensos, logo de acumular perdas que califica de irresolubles. Copagro, participada polas cooperativas de Meirás, Lago e Vilaboa, comunicoulle esta semana o peche os seus 16 traballadores, que onte se concentraron en demanda de solucións.

A situación, sen embargo, semella non ter volta atrás. O xerente da cooperativa de Meirás, Vicente Dopico, membro do consello reitor de Copagro, confirma o peche definitivo da planta tras acumularse perdas que deixaron a fábric de pensos nun calexón sen saída. “A planta de pensos é un cadáver -resume-. Nos últimos anos, foi baixando o volume de vendas e reducíndose a marxe comercial, ata o punto de que nos quedamos fóra de mercado. Pódese dicir que nos botaron. Hai cooperativas e empresas grandes coas que non podemos competir e temos que pechar”, conclúe.

A planta de Copagro perdeu no 2017 uns 123.000 euros, o pasado ano foron 200.000 e e este ano as perdas ían en aumento, segundo sinala a cooperativa. A esa situación hai que engadirlle as débedas acumuladas con proveedores e bancos. A propia planta está hipotecada a un banco, o que descarta saídas como unha posible venda da factoría.

Durante o último ano, a cooperativa acometeu investimentos por 1,4 millóns de euros, “parte deles obrigados por normativas de seguridade” -precisa Dopico-, pero foi un esforzo que non permitiu que a planta mellorara resultados.

O xerente da cooperativa de Meirás recoñece que se cometeron erros de xestión e que quizais a ampliación de persoal realizada hai uns anos, pasando de 12 a 16 traballadores, non foi acertada. En calquera caso, Copagro quedouse sen marxe para correxir o rumbo e as cooperativas de primeiro grao que a conforman decidiron pechar a planta con carácter inmediato. “Máis cartos non podemos poñer na planta de pensos. O que se investiu, xa se dá por perdido e agora toca acabar o mellor que se poida para traballadores e acreedores”.

A planta de Valdoviño, especializada en formulacións para vacún, xa lle comunicou os seus clientes o inmediato peche. “Na factoría xa non entra materia prima e en poucos días deixará de saír”, conclúe Vicente Dopico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información