“As cooperativas poderían ser un mecanismo para reorganizar as terras dos seus socios”

A investigadora María José Enríquez García ten estudado como é a mobilidade da terra rústica en Galicia e apunta cales son as estruturas de gobernanza claves. Tamén detalla outros mecanismos que cada vez teñen máis peso fronte á compra-venda e os arrendamentos

“As cooperativas poderían ser un mecanismo para reorganizar as terras dos seus socios”

A investigadora María José Enríquez, especialista nos sistemas de gobernanza e administración da terra.

A mobilidade da terras rústicas é un tema recorrente en Galicia ante as carencias que acusa e que afectan ó sector agrario. Falamos coa investigadora e doutora en xestión sustentable da terra e o territorio, María José Enríquez García sobre as lóxicas que gobernan a mobilidade da terra rústica na comunidade.

Como é a mobilidade das terras rústicas en Galicia?
O meu punto de partida foi centrarme en analizar como son os mecanismos a través dos que se moven as terras, no canto de ver canto se move o mercado das terras, que é no que se centran habitualmente os traballos de diagnose. Nese senso, as grandes fontes de información que existen falan de compraventa e arrendamento pero, o Censo Agrario do 1999 e, sobre todo, os datos do 2009, fálannos de que as porcentaxes das terras que se moven pola vía do arrendamento é moi similar á doutros mecanismos de mobilidade.

Que outros mecanismos de mobilidade entran en xogo?
Esa categoría é un gran caixón de xastre que décadas atrás foi ocupado pola parzaría [os contratos entre os donos das terras e os que as traballaban], sendo este un mecanismo de mobilidade inda recollido no Dereito Civil de 2006. Non obstante, agora é unha categoría moi indefinida. Aí figuran, por exemplo, as cesións que son un mecanismo tan importante como os arrendamentos.

Gaña peso a cesión gratuíta das terras fronte ós arrendamentos económicos?
As cesións son arranxos maioritariamente non documentados e sen contraprestación económica pero iso non quere dicir que non haxa unha contraprestación, senón que é doutra índole. Así, dado o grao de abandono de terras en Galicia, ter as terras xestionadas para moitos propietarios, é xa unha contraprestación suficiente para a cesión da terra. Deberíamos deixar de mirar ás cesións como un mecanismo en precario para comezar a pensalas como unha forma de mobilidade tan frecuente e válida como os arrendamentos. De feito, un informe do Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria para o norte da Península Ibérica confirma que as cesións son un mecanismo relevante en Galicia e Cantabria.

“Deberíamos deixar de mirar as cesións como un mecanismo precario e velas como unha opción tan frecuente e válida como os arrendamentos”

As compraventas caeron notablemente e as formas de tenza indirecta aumentaron nos últimos censos. Na actualidade, os datos de enquisas revélannos que tanto a integración familiar das terras como o arrendamento e as cesións teñen un nivel parello e están en tódalas explotacións.

Que condiciona que a mobilidade da terra sexa así en Galicia?
Existen moitos porqués a esta situación e diversos factores que inflúen. Eu tentei debullar unha estrutura analítica para ver que escenarios de estruturas de gobernanza son máis probables. Trala análise, resultou que o escenario máis probable para a mobilidade son os sistemas relacionais e as lóxicas de colindancia das parcelas. Esa estrutura de gobernanza é maioritaria dado que non existen outras estruturas de orde máis planificada. Así, existen moitos exemplos de cooperativismo no agro e as cooperativas poderían ser un mecanismo para reorganizar as terras dos seus socios pero, en xeral, non teñen ese obxectivo senón que se centran no suministro de forraxes ou en estratexias de comercialización do seu produto, por exemplo o leite.

“O IBI podería ter sido un instrumento para favorecer a mobilidade das terras, pero a política en Galicia foi a das exencións”

Por outro lado, aínda que existen mecanismos de orde privada enfocados á reorganización do parcelario, como poden ser as cooperativas de xestión comunitaria da terra ou as Sociedades de Fomento Forestal (Sofor) no plano forestal, teñen unha moi baixa presenza.

Dende as regulacións públicas tamén existen múltiples factores que non apoian que estas sexan estruturas de gobernanza relevante. Por exemplo, a normativa estatal de arrendamentos é moito máis flexible que a normativa autonómica. O IBI tamén podería ter sido un instrumento para favorecer a mobilidade das terras, pero a política xeral foi a das exencións. Non en van, Galicia é das zonas de España con maior número de exencións.

“O Banco de Terras ten un gran potencial, pero pouca presenza na mobilidade de terras”

Outro gran instrumento a mencionar é o Banco de Terras, que sería un mecanismo de orde pública, e que podería ser moi significativo pero que tamén ten pouca representación a nivel global na mobilidade, aínda que ten moito potencial estratéxico.

Tamén hai que ver en que medida os PXOM poden promover a mobilidade. A conclusión que se pode sacar é que a ordenación territorial foi moi caótica, a folla de ruta tardía e pouco determinante para o solo rústico produtivo.

Atopámonos entón con que as iniciativas que se foron concretando ata o de agora para mobilizar a terra rústica fracasaron…
Polo de agora son moi pouco significativas tanto as accións que se levaron a cabo dende o sector público, ás que se adoita responsabilizar, como as do sector privado, que tampouco están funcionando, xa que pode ser obxecto dunha cooperativa reorganizar as terras dos seus socios pero non se está indo por ese camiño. Cando se fala de que non existe suficiente esforzo público para mobilizar a terra hai que ver que tampouco se está a facer moito dende o sector privado organizado. Non estou a culpar a ningún dos dous, só hai que ser conscientes de que en ambos casos existen instrumentos e métodos pero non están a ser aproveitados.

“Cando se fala de que non existe suficiente esforzo público para mobilizar a terra, hai que ver que tampouco se está facendo moito desde o privado”

Que está facilitando a mobilidade da terra que se dá?
Non existen estruturas de gobernanza que planifiquen e dirixan a mobilidade en determinadas direccións pero si que se está movendo a terra en Galicia e faise a través das redes comunitarias, unha ferramenta que ten moito potencial dada a alta fragmentación do parcelario. Existen múltiples evidencias de que as relacións e os arranxos comunitarios son un gran mecanismo para a mobilidade, onde non só se valora a mobilidade da terra senón que hai outras lóxicas que as impulsan, como pode ser evitar o abandono da terra aproveitando o capital social dos espazos rurais. Ademais, estas lóxicas tamén son moito menos competitivas, xa que fronte a outros aspectos como o parentesco ou a confianza, non imperan as lóxicas do mercado.

“O ámbito de acceso á terra en Galicia segue sendo a aldea e o 60% dos arrendamentos son orais, polo que se precisa unha base relacional forte”

Un 60% das explotacións agrarias declara que os arrendamentos de terras que fan son orais, polo que precisan ter unha base relacional comunitaria forte para que se dean, e o mesmo acontece coas cesións. Ademais, o ámbito de acceso á terra en Galicia segue sendo a aldea. Nos arrendamentos pode chegar a ser a parroquia ou o municipio pero, sobre todo, a aldea.

Que motiva que a aldea siga a ser clave para mobilizar a terra rústica?
Isto débese, en parte, a que existiron notables institucións históricas de base consuetudinaria recollidas no Dereito Civil galego que foron xeradas polas necesidades que existían no agro, moitas vinculadas coa particular estrutura da propiedade, que están no marco lexislativo pero que non se desenvolveron a nivel executivo. Por exemplo, constátase que a integración familiar [a mobilidade de terras dentro da mesma familia] é un mecanismo de mobilidade habitual, pero en cambio a Compañía Familiar foi unha figura que non foi desenvolta no plano executivo a pesar de existir no lexislativo.

“As institucións adaptadas ás particularidades do parcelario galego non foron desenvoltas no plano executivo”

Se xa contabamos con ferramentas, que fallou para que non se desenvolveran?
As institucións que en verdade estaban adaptadas ás particularidades do parcelario galego non foron desenvoltas no plano executivo e optouse por outros instrumentos moito máis técnico- administrativo que esixen que o propietario teña regularizada toda a terra. Por exemplo, para acceder ó Banco de Terras tes que ter toda a terra regularizada cando moitas fontes nos están a dicir que o sistema de partillas en Galicia e a propiedade, en xeral, ten un gran oscurantismo catastral, en parte polos altos custes de actualización en territorios de alta fragmentación da propiedade.

En canto ó prezo da terra en Galicia, durante anos definiuse o mercado galego por prezos elevados e un escaso volume de transaccións, segue a ser así?
Ese é un dos grandes preceptos que existíu durante anos pero non teño tan claro que fose así. Eu non puiden acceder a ningunha fonte de información que me permitise ver a evolución. Na actualidade, a mobilidade de terra está concentrada nas zonas de maior potencial agrogandeiro e aí é onde se constatan as maiores taxas de mobilidade e os prezos son parellos ós de outras rexións europeas con taxas similares. Nesas zonas si que se podería dicir que unha das estruturas de gobernanza, como é o mercado, funciona: os prezos regúlanse en base ás lóxicas da mobilidade porque son zonas nas que conflúe a oferta e a demanda.

Porén, existe unha gran parte de Galicia onde a oferta e demanda non está equilibrada. Por exemplo, hai un exceso de oferta na zona máis oriental e sur da provincia de Ourense e existe outra zona que é o Eixo Atlántico onde as lóxicas non son do mercado de rústica senón do de urbana, con taxas baixas e prezos altos.

“Os Concellos teñen un destacado potencial para encargarse da mobilidade das terras rústicas”

Que medidas se poderían adoptar para impulsar a mobilidade da terra?
É importante axustar e baixar a escala. Se o tamaño da parcela en Galicia é moi pequeno tamén o é a unidade de gobernanza. O mesmo ocorre a nivel de información. A pequena escala si se coñece quen é propietario das fincas. Este é un dos aspectos que despois falla nos sistemas de información de terras que están vinculados ós instrumentos técnico administrativos, como poden ser o Banco de Terras, as concentracións parcelarias ou os plans de permutas.

Está a faltar mobilidade dende os organismos máis regrados, pero estase dando noutras escalas baseadas en lóxicas de colindancia e reorganización relacional comunitaria. Hai exemplos reais, sen publicar polo momento, onde os propios agricultores levan terras cedidas que logo volven a reorganizar con outros produtores para ter parcelas máis grandes.

Detectados os fallos, como se axusta a escala?
A cuestión é xerar instrumentos que teñan en conta tanto esa información como as lóxicas que están funcionando, xa que hai potencial de mobilización e de información. Un instrumento a nivel autonómico é moi difícil que funcione pero podería ser interesante levalas a cabo a nivel de concello, xa que é unha institución cun destacado potencial para encargarse da mobilidade posto que ten acceso ó parcelario para investigar a propiedade, ten potestade de regulación da ordenación e xestión de terras e ten posibilidade de promover e facilitar o potencial desas unidades de gobernanza moi locais. Todo elo mellor do que o pode facer un organismo autonómico.

Algunha outra medida que contribúa a garantir a mobilidade?

Tamén sería moi importante rescatar e actualizar esas institucións que estaban adaptadas ás particularidades tanto territoriais como do parcelario e que non chegaron a ser desenvolvidas, como é o caso da Compañía Familiar respecto da integración familiar e a herdanza anticipada, que seguen a ser mecanismos vixentes hoxe e que habería que desenvolver.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información