Cooperativa San Cidre, aposta pola raza Rubia Galega e pola venda directa

Situada no concello lugués de Abadín, esta agrupación de produtores foi pioneira da venda directa e a través de internet de carne de raza Rubia Galega. Falamos con Jorge Carracedo Vázquez, o seu presidente, do futuro do sector nunha zona de media montaña coma esta.

Cooperativa San Cidre, aposta pola raza Rubia Galega e pola venda directa

Jorge Carracedo, presidente da cooperativa San Cidre

Quedamos con Jorge Carracedo en Tibián, na parroquia de Labrada, onde ten 40 cabezas de gando de raza Rubia Galega. Nada máis comezar a falar con el un xa se dá conta de que é unha persoa activa, loitadora e entusiasta do mundo rural e o sector agrario. É o presidente da cooperativa San Cidre desde a súa creación e un dos que loita por que non desapareza 20 anos despois.

Pioneira en moitas cousas, San Cidre naceu como asociación de produtores de leite hai 20 anos para vender en conxunto. “Chegamos a ser 72 produtores de leite pero pouco a pouco fomos quedando sen a actividade principal, que era a venda de leite, así que a medida que moitos dos socios deixaban as vacas de leite para pasarse á carne, demos entrada tamén a produtores de carne na cooperativa e fomos reenfocando pouco a pouco a súa actividade cara este sector”, conta Jorge.

Nesta zona de media montaña do concello de Abadín, con moitas explotacións pero moi pequenas, o feito de que unha boa parte delas tiveran que mercar cota para poderen producir leite fixo que moitas optasen por pasarse á carne. “Hoxe na parroquia de Labrada só queda unha explotación de leite, en Fanoi e en Candia ningunha e en Romariz 2 ou 3, pero todas moi pequenas”, relata.

San Cidre transformouse en cooperativa hai máis de 10 anos. Foi a primeira entidade sen ánimo de lucro que deu o paso, lembra Jorge, que recorda que “o papeleo leváranos moito tempo”. Chegou a ter 90 socios, dos que agora só quedan 32, basicamente do concello de Abadín, e algún de Mondoñedo e Alfoz. Pero non son suficientes para sustentar a cooperativa. “Ao desaparecer o leite como actividade principal, a carne non é dabondo para manter unha estrutura empresarial. Chegamos a ter 2 ou 3 empregados, agora non temos ningún, e un economato e unha tenda de fitosanitarios en Abadín, pechados desde hai dous anos”, explica.

Foron pioneiros na venda directa ao consumidor a través de Internet

A cooperativa San Cidre é socia de Os Irmandiños, a través da cal mercan o penso e venden os xatos que non sacrifican e comercializan directamente. “Irmandiños soluciónanos moitos problemas dos que nos levaran a crear San Cidre no seu momento, así que non temos a necesidade perentoria de manter esa estrutura que tiñamos porque temos as costas cubertas por Irmandiños”, di Jorge, que explica que “San Cidre mantén neste momento como actividade residual o servizo de venda directa de carne ao consumidor, que é algo que non ofrece Irmandiños”.

Este foi, de feito, un dos servizos novidosos que San Cidre creou no seu momento, vendendo animais enteiros recén sacrificados ou medias canais a carnicerías ou restaurantes e ideando un sistema de lotes de carne de 10 quilos enfocado a casas particulares. “A venda directa foi unha experiencia moi bonita e orixinal. De feito, cando creamos a páxina web para vender a través dela fomos absolutamente pioneiros”, lembra Jorge. Contan cun rexistro sanitario e cunha furgoneta isotermo para o reparto dentro de Galicia, que fai directamente a cooperativa “sobre todo polo trato directo coa xente, para vernos cara a cara co cliente e falar con el”, xustifica o seu presidente. O resto de pedidos envíanos por mensaxería pero os portes son considerables (18€ por 10 quilos de carne) polo tipo de mercadoría e as condicións de transporte necesarias.

A maior parte da carne vai para fóra, sobre todo para hoteis e restaurantes de Cataluña e o Levante

A maior parte da carne vai para fóra, sobre todo para hoteis e restaurantes de Cataluña e o Levante, aínda que tamén teñen clientes particulares en País Vasco, Andalucía ou Madrid. Toda a carne que comercializan é Tenreira Galega Suprema e mesmo un dos socios da cooperativa, de Fanoi, é produtor en ecolóxico.

Con todo, Jorge recoñece que “o consumidor non está acostumado á venda directa aínda hoxe en día e o habitual é ir mercar a carne á carnicería”. Outro dos condicionantes que reduce a capacidade de venda de San Cidre é o feito de non ter sala de despece, o que os obriga a só poder atender pedidos grandes. Para o resto de solicitudes, vense obrigados a mercar nunha carnicería ao corte e logo enviar.

“Producir é doado pero investimos pouco en vender e comercializar”

Todos estes factores fan que a cooperativa estea a repensar neste momento mesmo servizo de venda directa, que se mantén polo traballo desinteresado de persoas coma Jorge, que segue convencido da necesidade de que os produtores articulen medidas coma esta. “Producir é relativamente doado, pero investimos pouco en vender e comercializar, así que o que producimos acabamos derivándoo sempre a un terceiro, sexa un tratante, un matadoiro, unha carnicería, en vez de quedar nós, os produtores, con ese valor”, argumenta.

Por ese convencemento, Jorge é o primeiro en apuntarse a todas as iniciativas que xorden neste eido, como Granxa Familiar (http://www.granxafamiliar.com/nosasgranxas/es_granxa.php?granxa=50), auspiciada pola Universidade de Santiago de Compostela para conectar directamente a produtores e consumidores, e da que tamén forma parte.

Os baixos prezos de venda en orixe tamén é un mal que afecta aos produtores de carne. A isto engádese o descenso de consumo de vacún pola crise e un aumento da produción, un círculo vicioso do que é difícil saír. “Igual que pasa co leite, os prezos que cobramos cando vendemos un xato levan estancados moitos anos e sen embargo os custos de produción disparáronse. Iso obrígate a producir moito máis porque as marxes son moi pequenas e iso produce saturación no mercado, que á súa vez provoca prezos baixos”, resume Jorge.

Neste sentido, explica que “ao mesmo tempo que nos últimos anos se produciu un descenso no consumo de carne de vacún, a produción aumentou porque a crise nos prezos do leite provocou que houbese produtores de leite que se pasasen á carne e outros que decidiron inseminar as súas vacas de leite con razas cárnicas pasa sacar máis pola venda dos xatos que non son destinados a recría”.

O peche de Artesanos Gallegos de la Carne fai que haxa un monopolio de Nova Frigsa

Para produtores coma Jorge foi tamén un problema engadido o peche das instalacións de Artesanos Gallegos de la Carne, ubicada en Castro e da que os produtores participaban a través de Artesáns Gandeiros. “Xa o estamos notando nos prezos, neste momento hai monopolio porque todo vai para Nova Frigsa, non tes escapatoria”, di.

O valor do monte comunal

Vacas da cooperativa San Cidre

Vacas da cooperativa San Cidre

A parroquia de Labrada é unha zona de produción extensiva moi respectuosa co medio que conta con dúas características diferenciadoras. A primeira é ser unha zona de media montaña, con máis de 650 metros de altitude sobre o nivel do mar e situada unha parte dentro da Rede Natura Serra do Xistral. A segunda característica propia é que a parroquia de Labrada suma 2.000 hectáreas de monte comunal. Unha cuarta parte está plantada a piñeiros desde os primeiros plans de forestación do franquismo, e hai un plan de ordenación cuxa xestión depende unicamente da Comunidade de Montes desde que decidiron desconveniar coa Administración.

Na zona de monte raso hai cabalos e vacas e cada un dos cinco barrios que ten a parroquia conta co seu propio pasteiro e xestiónano como queren os veciños dese barrio. Uns ségano e reparten os rolos de silo ou de herba seca e outros pastoréano con gando comunitario. O monte comunal supón unha base territorial moi importante para as explotacións da zona, xa que para a PAC, por exemplo, supón unha media de 30 hectáreas por veciño, a maioría declaradas como pasto arbustivo.

“As axudas da PAC son un complemento fundamental para explotacións pequenas como a nosa, se non cobrásemos as axudas europeas terían desaparecido xa moitos produtores nunha zona coma esta”, opina Jorge.

Ademais, recoñece un “grave problema de avellentamento e falta de relevo xeracional”. E é que dos 32 socios actuais de San Cidre a metade supera xa os 60 anos de idade e está, polo tanto, próximo á xubilación.

Casa do Carracedo compatibiliza leite e carne

A explotación familiar de Jorge compatibiliza a produción de carne coa de leite. Ademais das 40 cabezas de Rubia Galega que Jorge ten en Tibián, das que 13 están no monte comunal, e o resto en 20 hectáreas propias, a súa muller Henar Román é titular dunha explotación de leite en Cordal, tamén pertencente a Labrada. Ten 28 cabezas frisonas que producen uns 220.000 quilos de leite e que tamén están en extensivo a pastoreo nunha superficie de 15 hectáreas propias, máis outras 25 de monte comunal pertencentes á Comunidade da que Henar é a presidenta.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información