A cooperativa Delagro facturou 154 millóns en 2016

A cooperativa Delagro facturou 154 millóns en 2016

Novo consello rector de Delagro

A cooperativa de segundo grao, Delagro, celebrou, este martes, 4 de abril, a décimo quinta edición da súa Asemblea Xeral, que contou cunha participación do 70% de asociados e case un 90% de votos.

A asemblea aprobou por unanimidade o informe de xestión e as contas anuais correspondentes a 2016, que reflicten un volume de negocio xestionado pola entidade de 154 millóns de euros, mentres que o beneficio neto repartido entre os socios ascendeu a 0,94 millóns de euros.

A asemblea tamén aprobou a renovación do Consello Reitor, que sufriu unha única variación. Entra ao Consello a cooperativa Xallas, representada por Juan Manuel Miramontes, e abandónao José Ramalleira, representante de CLUN, para evitar que a entidade conte con dous representantes en Delagro.

Evolución eficiente

Carlos Castro, director xeral de Delagro, destacou o positivo progreso da cooperativa ao finalizar o Plan Estratéxico trienal 2014-2017, que permitiu “garantir o crecemento, eficiencia, rendibilidade e sustentabilidade financeira nunhas condicións moi competitivas, que serviron de referente aos socios”.

Delagro logrou perfeccionarse en áreas como a transferencia de información grazas ao éxito de sistemas e estratexias de comunicación externa e interna, como foros técnicos para persoal e modelos de reporting. Como novidade neste sentido consolidouse un sistema CRM de xestión de información comercial (customer relationship management), que facilita a recollida, procesado e traslado dun alto volume de datos, para adaptarse ás esixencias do consumidor.

En canto a TIC, Delagro continúa implantando os seus softwares propios de xestión nas súas cooperativas socias, especialmente Delagros e Mandos, xa plenamente integrados en tres cooperativas que transmiten un alto grao de satisfacción.

Produción e Comercio

Sobresaen os resultados do Centro Multidisciplinar para a produción, envasado e distribución de fertilizantes funcionando desde 2015 nas Pontes. En 2016 descenderon entre un 20 e un 25% nos custos de almacenamento, procesamento e envasado de Delagro grazas á capacidade industrial e perfeccionamento loxístico logrados nas Pontes. Durante a Asemblea, Castro destacou que o Centro “funciona coma un reloxo suízo, sendo un referente a nivel europeo en calidade de procesos e servizo”.

En paralelo, a actividade comercial incrementouse, tanto mediante a rede Mercarural de agroteendas e supermercados como a través da mellora nas relacións cos clientes e a política comercial de Delagro. En 2016 a entidade desenvolveu novos plans de acción comercial, potenciando as vendas por volume e a venda cruzada, ampliou e diversificou provedores e captou novas distribucións.

Presente e futuro

En total, Delagro finalizaba 2016 con 96 delegacións comerciais, un conglomerado social formado por 30 socios e 53 cooperativas, 1025 persoas en persoal e unha cifra de negocio que supera os 480 millóns de euros entre as cooperativas integrantes.

A aspiración económica do Plan Operativo Anual 2017, ratificado pola Asemblea, é alcanzar un beneficio neto de 1,68 millóns de euros

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información