Administración convocante: Consellería do Medio Rural
Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180723/AnuncioG0426-110718-0002_gl.html
Prazo: Ata 24/08/2018
Resumo:
A Consellería do Medio Rural publica este luns no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas para a constitución de sociedades de fomento forestal (Sofor), a principal aposta da Xunta de Galicia para agrupar a xestión do monte e facelo máis rendible para os propietarios. Ata o de agora hai 11 SOFOR constituídas na Comunidade.
Estas axudas poderanas solicitar as asociacións de propietarios forestais a través dos representantes que designen.
A través desta liña de subvencións poderanse financiar os seguintes custos:
a) O custo de identificación dos predios e clasificación dos terreos situados dentro da superficie de actuación, nos cales se aplique un sistema acreditado e obxectivo de valoración dos dereitos de aproveitamento forestal.
Inclúense os traballos necesarios para comprobar se a cartografía catastral se corresponde coa realidade; alí onde se detecten erros, o traballo incluirá a elaboración dunha representación gráfica alternativa validada polo Catastro. Trasladaranse os límites reais sobre plano e efectuarase unha valoración do voo.
b) Os custos de impulso á Sofor que se pretende constituír. Abarca os gastos derivados da localización dos propietarios, da comprobación das súas propiedades e dos labores de información necesarios para lograr que cedan os seus predios á sociedade.
c) Os gastos de constitución da Sofor. Comprenden os gastos de redacción de estatutos, de elaboración da escritura de constitución da sociedade, de notaría e de inscrición no Rexistro mercantil.
d) A instalación obrigatoria dun cartel informativo nun lugar visible nos terreos obxecto da subvención.
O IVE non é subvencionable.
Importe
A contía total desta convocatoria de axudas ascende a 850.000 €, coa seguinte distribución:
– Anualidade 2018: 250.000 €.
– Anualidade 2019: 600.000 €.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de subvencións será dun mes, que comezará o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. É dicir, ata o 24 de agosto.