Convocan o Premio Aresa de Desenvolvemento Rural 2019

A presentación de candidaturas está aberta ata o 25 de outubro

Convocan o Premio Aresa de Desenvolvemento Rural 2019

Sinatura do convenio polo que se convoca o premio Aresa de Desenvolvemento Rural.

O presidente do grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, asinaron o convenio de colaboración para o Premio Aresa de Desenvolvemento Rural 2019. O galardón recoñece cada ano diferentes iniciativas e proxectos presentados por empresas, grupos de investigación, asociacións ou calquera outro tipo de entidade que contribúa á mellora do benestar das persoas que viven e traballan no medio rural.

Os representantes de ambas entidades coincidiron ao destacar “a necesidade de seguir apoiando este tipo de proxectos para a dinamización do rural”. O presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, ademais de agradecer o apoio recibido ano tras ano pola Universidade, resaltou “o propósito da empresa de prolongar este acordo por moito tempo”.

Pola súa banda, o reitor amosou a satisfacción de ter apoiado dende o principio unha iniciativa como o Premio Aresa. López Díaz calificou o premio como “un exemplo de conexión entre a Universidade e a empresa privada, relación cada vez máis demandada por toda a sociedade”. Ademais salientou “o seu carácter aberto, pois acolle todo tipo de iniciativas dende o ámbito máis académico ata o máis real, o das empresas”, matizou o reitor.

No acto, celebrado no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome en Santiago de Compostela, tamén estiveron presentes Montserrat Valcárcel Armesto, vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, e Carlota López Pardo, adxunta á presidencia de Aresa.

Revitalizar o rural

Na avaliación das candidaturas, o xurado prestará especial atención aos proxectos que xeren valor engadido e emprego no rural galego, á súa viabilidade económica, á creación de postos de traballo. Tamén se valorará especialmente as propostas que fagan unha posta en valor dos produtos da terra de tradición galega, a recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais e a innovación en produtos que teñan potencial de desenvolvemento. A presentación de candidaturas pode realizarse ata o 25 de outubro nos rexistros da USC.

Premiados en edicións anteriores

Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o ex director xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia, Ovica (2016) e a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, EPS (2017). O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) resultou merecedor do premio na edición de 2018.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información