Convocados os premios á excelencia da calidade do leite de vaca

Convocados os premios á excelencia da calidade do leite de vaca

A Consellería do Medio Rural publica este venres no Diario Oficial de Galicia a convocatoria dos premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia e se convocan para o ano 2018.

Estes premios, que botaron a andar o pasado ano, organízanse en colaboración co Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), que colaborará na selección das explotacións con base na información existente nas súas bases de datos.

Os premios distinguirán as explotacións en tres categorías en función do seu tamaño, pequenas, medianas e grandes e, pola súa vez, estas categorías subdividiranse cada unha delas en tres grupos en función do sistema de produción, entendido este como a posibilidade de aproveitamento de recursos propios da explotación. Recoñeceranse tamén especificamente as mellores explotacións ecolóxicas.

Convocaranse premios para nove estratos, segundo o tamaño e sistema de alimentación da explotación

Poderán optar a estes premios todas as explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia que realizan os seus autocontrois de calidade no LIGAL. Ademais, as explotacións seleccionadas deberán atoparse de alta no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Recaldi).

Para clasificar as explotacións en función da calidade do leite producido utilizaranse os valores existentes na base de datos do LIGAL correspondentes aos recontos microbiolóxicos e de células somáticas do período considerado como indicadores da condición hixiénico-sanitaria da explotación. En total estableceranse 9 categorías.

As explotacións seleccionadas comunicaráselles o feito de ter resultado finalistas nestes premios e a Consellería do Medio Rural solicitará aos seleccionados a súa aceptación expresa de participación na correspondente edición.

O comité de avaliación visitará as explotacións finalistas que teñan aceptado a participación na correspondente edición. Na visita revisarase o estado da explotación, tomando como referencia as guías de boas prácticas para as explotacións de gando vacún leiteiro (FENIL-MAPAMA) e os ítems do control oficial da hixiene das explotacións de gando vacún leiteiro que aplican os servizos veterinarios oficiais de Galicia.

O premio consistirá na entrega dun trofeo e diploma acreditativo

O comité de avaliación redactará unha acta cos resultados da avaliación de cada explotación visitada; a persoa coordinadora do comité trasladará as actas ao xurado. Esta visita ás explotacións do comité non suporá modificación da puntuación lineal da explotación

Premiaranse aquelas dúas explotacións para cada un dos nove estratos definidos anteriormente sen incidencias na visita do comité de avaliación, aplicando rigorosamente a súa posición na puntuación lineal obtida. A mesma metodoloxía empregarase coas dúas primeiras explotacións ecolóxicas da puntuación lineal.

A entrega de premios realizarase nun acto convocado e organizado para tal fin e o premio consistirá na entrega dun trofeo e diploma acreditativo para os produtores gañadores de cada estrato, incluídos os de explotacións ecolóxicas.

A Consellería publicitará na súa web e, se é o caso, en medios sectoriais axeitados a relación de explotacións finalistas e premiadas.

Consulta aquí toda a información.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información