Convocadas as axudas polos danos dos lumes de outubro

Publicidade
Convocadas as axudas polos danos dos lumes de outubro

Administración convocante: Xunta de Galicia

Enlace axuda: http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20171030/AnuncioG0244-271017-2_gl.html

Prazo: Ata 30/11/2017

Resumo:

A Xunta de Galicia publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha orde conxunta dirixida a paliar os danos causados polos incendios que se produciron en Galicia no mes de outubro do 2017. As liñas de apoio son sete:

– Axudas a entidades locais, establecementos turísticos e asociacións, entidades e clubs deportivos sen ánimo lucrativo (Capítulo II).

– Axudas para paliar danos persoais: falecemento de persoas e lesións (Capítulo III).

– Axudas para Territorios Cinexéticos Ordenados (Tecor). (Capítulo IV).

– Axudas destinadas a sufragar gastos de aloxamento provisional das persoas afectadas polos incendios, así coma o custo de reparación das súas vivendas e enxoval doméstico (Capítulo V).

– Axudas a establecementos comerciais, mercantís e industriais afectados polos lumes (Capítulo VI).

– Axudas destinadas á reparación de danos en explotacións agrarias afectadas polos lumes (Capítulo VII).

– Axudas dirixidas a entidades asociativas no ámbito da Consellería do Mar, orientadas a paliar danos en bancos marisqueiros (Capítulo VIII).

Desglosamos a continuación as características das axudas relativas ás explotacións agrarias (Capítulo VII) e a Territorios Cinexéticos Ordenados (Capítulo IV).

Axudas para explotacións agrarias

O procedemento de concesión das axudas tramitarase en réxime de concesión en concorrencia non competitiva por rateo. Isto é, non se terá en conta a orde de presentación das solicitudes e, no caso de que as solicitudes aprobadas superen o presuposto dispoñible, repartirase este de forma proporcional entre todos os solicitantes.

As liñas de apoios da Consellería do Medio Rural son as seguintes:

– Axudas para reparación de danos causados en infraestruturas de titularidade privada: pistas forestais, captación de augas (caseta de toma e instalación de distribución), cerramentos (cancelas, postes, malla ou arame, pasos de gando), bebedoiros e comedeiros.

– Axuda para a reparación da maquinaria e equipamento forestal danado en tarefas de colaboración na extinción dos incendios forestais ou ocasionados polos mesmos.

– Axuda aos gastos da madeira amoreada queimada e de corta, así como á recollida e estelado da madeira queimada non comercial.

– Axuda para a reparación de bens, maquinaria, equipamento ou medios de produción das explotacións agrícolas ou gandeiras.

Para estas primeiras catro liñas hai un millón de euros dispoñible, para as seguintes tres 500.000 euros:

– Axuda pola perda total ou parcial da produción agrícola das explotacións agrícolas e gandeiras.

– Axuda pola morte de gando ou pola perda de colmeas das explotacións gandeiras e apícolas.

– Axuda para a adquisición de alimentación complementaria para o gando en extensivo ou para as colmeas nas zonas afectadas, sempre por un máximo de 3 meses.

Para as catro primeiras liñas de axudas e para a última, as persoas solicitantes deberán aportar tres orzamentos de diferentes proveedores. O prazo de solicitude remata o 30 de novembro, o de resolución das axudas conclúe o 30 de xaneiro e o prazo de execución das solicitudes aprobadas finaliza o 14 de setembro do 2018.

Axudas a Terreos Cinexéticos Ordenados (Tecores)

Medio Ambiente dispón dúas liñas de axudas dirixidas ás sociedades de caza:

– Recuperación de hábitats cinexéticos e restauración de solos, para o que se permite a sementeira de cereais nun máximo do 10% da superficie do Tecor. Concederase un máximo de 30.000 euros por entidade.

– Recuperación de infraestruturas: fontes, cercas, comedeiros, bebedoiros, refuxios, elementos de sinalización. Outorgarse un máximo de 12.000 euros por sociedade.

A Consellería de Medio Ambiente destina un total de 300.000 euros a estas axudas. Concederanse por concorrencia non competitiva, isto é, no caso probable de que as solicitudes aprobadas superen a cantidade presupostada, repartirase esta de xeito proporcional entre os solicitantes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información