Convocadas as axudas pola destrución da pataca afectada pola couza guatemalteca

Publicidade
Publicidade

Administración convocante: Consellería do Medio Rural

Enlace axuda: http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170426/AnuncioG0426-200417-0001_gl.html

Prazo: Ata 30/09/2017

Resumo:

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores a orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións en materia de sanidade vexetal e se convocan para o ano 2017. As compensacións son por destrución de vexetais debido á presenza de pragas de corentena, en concreto pola aparición de focos do fungo Fusarium circinatum, causante do chancro resinoso do piñeiro, e pola detección de Tecia solanivora (couza guatemalteca da pataca) no norte das provincias da Coruña e Lugo.

A Xunta destina un orzamento inicial de preto de 250.000 euros para esta finalidade, que poderán incrementarse con fondos adicionais. Na orde establécese o baremo de indemnizacións que, no caso da couza da pataca, oscilan entre os 0,30 euros/quilo (para o tubérculo de consumo producido na explotación) e os 0,70 euros/quilo para a pataca de semente. No caso das plantacións establecidas en zonas infestadas, fíxase unha indemnización de 0,40 euros por metro cadrado de superficie plantada.

A orde tamén determina un baremo para os almacéns comercializadores. Neste caso é o prezo de compra, debidamente xustificado mediante factura de venda do provedor de pataca de semente ou, para tubérculo de consumo, o prezo de adquisición por parte dos almacenistas, que o acreditarán mediante a factura de compra.

Indemnizacións polo Fusarium do piñeiro

Para o fungo causante do chancro do piñeiro concrétase tamén un baremo de subvencións, que oscilan entre os 0,108 e os 0,144 euros/planta, en función do número de exemplares que se van compensar.

O prazo para a presentación de solicitudes e, se é o caso, da correspondente documentación, contará a partir de mañá, día seguinte á publicación da orde no DOG, ata o 30 de setembro de 2017.

Poderán ser beneficiarios destas indemnizacións os titulares de planta destinada a plantacións forestais de piñeiro que fose destruída como consecuencia da detección dun foco do fungo Fusarium circinatum. Tamén, os donos de semente certificada de tubérculos de pataca destruída en aplicación das medidas de erradicación da couza guatemalteca, así como das patacas de consumo producidas en zonas infestadas e destruídas por esta mesma causa e das plantacións de tubérculos desenterrados e igualmente eliminados.

Na orde establécese que a entrega de pataca aos servizos oficiais realizarase mediante sacos orixinais (sempre que non fosen abertos) ou nos sacos entregados por Medio Rural. Emitirase certificado da cantidade de tubérculo entregado, e posteriormente destruído, segundo o cal se realizará o cálculo do importe da indemnización.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *