Convocadas as axudas para prevención de lumes en montes veciñais

Medio Rural consigna 4,5 millóns de euros para rozas e construcción de puntos de auga. A Consellería asegura que este ano a gran maioría dos traballos estarán executados antes do verán

Publicidade

Administración convocante: Consellería do Medio Rural

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20171219/AnuncioG0426-111217-0001_gl.pdf

Prazo: Ata 19/01/2018

Resumo:

A Consellería do Medio Rural convocou hoxe as axudas para prevención de lumes en montes veciñais e sociedades de fomento forestal (Sofor). A orde da subvención inclúe dúas liñas, unha para o control selectivo de combustible e outra para a construcción de puntos de auga. A Xunta destina un total de 4,5 millóns de euros a estas axudas, un 12% máis que o pasado exercicio.

O prazo de solicitude será dun mes natural, ata o 19 de xaneiro. A intención de Medio Rural é que este ano se axilice a tramitación administrativa das axudas, de xeito que poidan estar resoltas e cunha porcentaxe de execución ampla antes do verán. Así o asegurou no Parlamento o pasado venres o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto.

A intervención de Fernández Couto produciuse a preguntas do grupo socialista, que pediu que se correxiran os tradicionais retrasos que veñen experimentando as axudas de prevención de lumes. A habitual dilación na resolución de axudas impide tódolos anos que boa parte dos beneficiarios executen as accións antes do verán, o que levou nos últimos anos a que montes veciñais que se viran beneficiados polas axudas ardesen antes de poder executalas.

tractor piñeiral monte

Fernández Couto sinalou no Parlamento que este ano se producirán axustes no procedemento administrativo e pronosticou unha “ampla execución” das subvencións antes do verán.

Outra liña de subvencións que a Administración espera convocar en breve é a de tratamento silvícolas, que se orientará a financiar actuacións no periodo 2018-2019, segundo avanzou o director xeral de Ordenación e Produción Forestal.

Accións de prevención
A convocatoria publicada hoxe para apoiar accións de prevención destina 4 millóns de euros á execución de rozas en áreas cortalumes, faixas auxiliares de pista, rexenerados naturais e rozas de penetración e eliminación de restos en entrefaixas de masas forestais. Trátase así de crear zonas con descontinuidade horizontal e vertical de vexetación, contribuíndo así a reducir os riscos de propagación dos incendios.

Unha segunda liña de subvención, a de construcción de puntos de auga, estará dotada con 500.000 euros.

Poderán solicitar estas axudas os titulares de montes veciñais en man común, así como as súas agrupacións e mancomunidades, sempre que a superficie forestal mínima por expediente sexa de 100 hectáreas. No caso das Sociedades de Fomento Forestal ou de que a superficie estea situada nalgún concello incluído en espazo declarado como zona de especial protección dos valores naturais, a superficie mínima será de 50 hectáreas.

A presentación de solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.es.

O prazo establecido para facelo será dun mes, contado a partir de mañá.

Requisitos de plan técnico

A orde establece que os montes con superficies superiores a 25 hectáreas en couto redondo deben contar cun plan técnico, proxecto de ordenación ou plan de xestión en que se considere a realización dos traballos solicitados ao abeiro da convocatoria de axudas. Outra opción pasa por presentar, xunto coa solicitude de axuda, unha copia da adhesión do solicitante aos modelos silvícolas promulgados pola Xunta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información