Convocadas as axudas para limpeza e construción de puntos de auga en montes veciñais

Publicidade

Administración convocante: Consellería do Medio Rural

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200219/AnuncioG0426-220120-0001_gl.html

Prazo: Ata 20/03/2020

Resumo:

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de subvencións da Consellería do Medio Rural para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e en Sociedades de Fomento Forestal (Sofor). O orzamento desta convocatoria ascende a 5,8 millóns de euros, cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Estas achegas contribúen a minorar as consecuencias e os impactos negativos que os incendios forestais poidan provocar sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e produción dos montes e, en conxunto, sobre a fauna, a flora e a paisaxe de Galicia. Con este obxecto establécense dúas liñas de subvencións: unha para o control selectivo de combustible e outra para a construción de puntos de auga.

A primeira liña engloba todas aquelas accións encamiñadas a eliminar ou reducir os riscos que poden ser causa de incendios forestais e da súa propagación. Así, subvencionarase o control selectivo de combustible en áreas de devasas, faixas auxiliares de pista, rexenerado forestal natural así como na roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas de masas forestais. O obxectivo é reducir a carga de combustible presente no monte e crear zonas con descontinuidade horizontal e vertical, contribuíndo así a anticiparse aos incendios.

Canto á segunda liña de axudas, subvencionarase a construción de puntos de auga para a prevención e defensa contra os incendios forestais, que se localizarán en zonas estratéxicas para a defensa dos núcleos de poboación e das masas forestais.

Poden beneficiarse destas achegas os titulares de montes veciñais en man común, as súas agrupacións e mancomunidades e as Sociedades de Fomento Forestal (Sofor). As solicitudes deben presentarse obrigatoriamente por vía electrónica no prazo dun mes a contar dende mañá.

O enlace á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200219/AnuncioG0426-220120-0001_gl.html

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información