Convocadas as axudas para investimentos no sector do viño

Publicidade
Publicidade

Administración convocante: Consellería do Medio Rural

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180126/AnuncioG0426-281217-0017_gl.html

Prazo: Ata 27/02/2018

Resumo:

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres a orde da Consellería do Medio Rural pola que convoca as axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos vitivinícolas. O orzamento é de 2,5 millóns de euros, financiados polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) a través do Programa de apoio ao sector vitivinícola español (Pasve) 2019-2023.

Con esta liña de achegas subvencionarase a construción, adquisición e mellora de bens inmobles, así como de maquinaria e equipamentos novos. Tamén se sufraga a adquisición ou desenvolvemento de programas informáticos, a compra de patentes ou licenzas, e os honorarios de proxecto, dirección de obra e estudos de viabilidade.

Con esta liña de axudas preténdese favorecer o incremento da dimensión empresarial e a participación dos viticultores e elaboradores na cadea de valor. Tamén se busca incentivar a innovación e a implantación de novos produtos e novas presentacións; así como o emprego de procesos sostibles dende o punto de vista medioambiental, a través do aforro de enerxía, a eficiencia enerxética global, a utilización de enerxías renovables e a valorización e tratamento dos residuos co fin de impulsar a certificación medioambiental das instalacións das empresas vitivinícolas.

Poderán ser beneficiarios as empresas vitivinícolas que no momento da solicitude produzan ou comercialicen os produtos, as organizacións de produtores vitivinícolas, as asociacións de dous ou máis produtores e as organizacións interprofesionais.

A porcentaxe máxima das axudas será:

-Ata o 40% do investimento se se trata de microrempresas e de pequenas e medianas empresas.

-Ata o 20% para empresas non pemes con menos de 750 empregados ou cuxo volume de negocios sexa inferior a 200 millóns de euros.

-Ata o 10% para empresas non pemes con 750 ou máis empregados e cuxo volume de negocios sexa igual ou superior a 200 millóns de euros

Para iso, deberán presentar a solicitude a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

O prazo será dun mes contado a partir de mañá, día seguinte á publicación desta orde no DOG. É dicir, ata o 27 de febreiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información