Convocadas as axudas para compensar os danos do lobo na gandería

Publicidade

Administración convocante: Consellería de Medio Ambiente

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20181221/AnuncioG0532-281118-0001_gl.html

Prazo: Ata 30/09/2019

Resumo:

A Consellería de Medio Ambiente publicou este venres no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas para paliar os danos do lobo na gandería.

A liña de axudas de danos por lobo increméntase nun 25% -respecto da anterior convocatoria- e o orzamento total destinado é de 350.000 euros. Con esta contía sufragaranse os danos -denunciados a través do 012 e constatados- producidos entre o 1 de outubro de 2018 ata o 30 de setembro de 2019.

Ao igual que as convocatorias anteriores, as persoas beneficiarias son as persoas físicas ou xurídicas, e titulares de explotacións gandeiras inscritas no REGA (Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia).

Novidades: Compensaranse os abortos que sufran as reses

Dende a Consellería de Medio Ambiente destacan que unha das novidades que recolle a orde de axudas por danos de lobo é que se compensará o aborto que sufran as reses, no caso de que sexan atacadas por un lobo e sobrevivan ao ataque, pero que a consecuencia do mesmo perdan a súa cría.

Deste xeito, a cantidade compensatoria por cada aborto corresponderá a un 75% do valor (tendo en conta a clase e idade) no caso de especies de gando ovino e cabrún e dun 50% do valor no caso do resto das especies de gando. No caso de parto múltiple, compensarase por cada un dos animais abortados.

Ademais, desde a Xunta destacan que o importe destas axudas increméntase nun 30% cando afecte a gando pertencente a explotacións gandeira situadas en determinados concellos que sofren mais danos e nun 10% no caso daquelas explotacións nas que se comprobe a aplicación de determinadas medidas preventivas fronte aos ataques do lobo.

Importe das axudas:

Nos importes da axuda non houbo modificacións respecto dos da anterior convocatoria e serán os seguintes:

DANOS_LOBOS_1 DANOS_LOBOS_2 DANOS_LOBOS_3 DANOS_LOBOS_4

Estes importes incrementaranse nun 30% nos danos producidos nos concellos da lista do Anexo III desta orde.

Como novidade, este ano incrementarase un 10% o importe das axudas daquelas explotacións nas que se apliquen medidas preventivas fronte aos ataques de lobo e estas fosen avaliadas como adecuadas pola comisión de valoración.

Prazo de presentación de solicitudes

a) Para os danos comunicados entre o 1 de outubro de 2018 e a entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será de 45 días naturais contados a partir da entrada en vigor desta orde.

É requisito imprescindible que se teña previamente comunicado o ataque do xeito e no prazo previsto na Orde do 12 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2018.

b) Para os danos ocasionados a partir da entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será de 45 días naturais contados desde o día seguinte ao da comunicación do dano.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Consulta aquí a Orde de Axudas

Valoración de Beealia: Axudas insuficientes para paliar uns ataques que se duplican

Dende Beealia, unha entidade que asesora ós gandeiros en medidas de prevención dos danos do lobo, consideran que “imos por mal camiño mentres a Xunta siga destinando máis cartos a paliar os danos que a implantar medidas de prevención: 350.000 euros fronte a 200.000”.

Ademais, critican que a axuda actual de métodos de prevención “non aporta ningunha das recomendacións feitas por O-Xan, a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes e o CRAEGA, presentadas este ano nunha xuntanza no mes pasado coa directora xeral e a subdirectora xeral”.

Por outra parte, dende Beealia considera insuficiente a partida de 350.00 euros na situación actual. “Entre os anos 2015 e 2017 duplicáronse as denuncias por ataques dos lobos ao gando en Galicia, polo que nos tememos que non haberá cartos dabondo para pagar os danos de 2019 e os atrasos de convocatorias anteriores”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información