Convocadas as axudas da Xunta para instalar enerxías renovables e mellora da eficiencia enerxética

Convocadas as axudas da Xunta para instalar enerxías renovables e mellora da eficiencia enerxética

Granxa alemá con paneis solares

O Diario Oficial de Galicia publica este martes tres liñas de axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria
para fomentar o uso de enerxías renovables e mellorar a eficiencia e aforro enerxético tanto en fogares, como en empresas e administracións locais .

Co obxectivo de simplificar os trámites aos interesados, o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) reagrupa as nove convocatorias existentes en materia de enerxías renovables e eficiencia en tres ordes clasificadas por tipo de beneficiarios: proxectos de renovables para particulares; iniciativas vinculadas ás enerxías renovables para empresas, institucións sen ánimo de lucro e Administración local; e un terceiro bloque de axudas para as empresas dos sectores industrial, servizos e agrícola primario.

En total, o Goberno galego destínanse a estas tres ordes de axudas preto de 14 millóns de euros que permitirán, segundo a Xunta, unha mobilización de 36 millóns no sector, favorecendo, así, a creación de preto de 450 postos de traballo. Ademais do importante aforro económico para os beneficiarios, a Xunta promove unha mellora do medio ambiente co aforro enerxético de 9,8 millóns de litros anuais de gasóleo e a redución de emisións de CO2 equivalente á acción de preto dun millón e medio de árbores.

Axudas para particulares

En concreto, a Xunta destina 6,22 millóns de euros ás axudas para particulares, para proxectos de biomasa, xeotérmica, aerotérmica e solar. A contía das axudas será dun 50% cun máximo de 60.000 euros por actuación e permitirán aforros económicos anuais de 1,6 millóns de euros na factura enerxética dos fogares galegos.

Unha das principais novidades é que este ano apoiaranse, tamén, proxectos en grandes cidades. A convocatoria, de concorrencia competitiva, estará aberta do 31 de xaneiro ao 20 de febreiro para a adhesión das entidades colaboradoras, e do 21 de febreiro ao 20 de marzo para a presentación de solicitudes por parte dos particulares.

Consulta aquí a orde e axudas.

Axudas para empresas, institucións sen ánimo de lucre e administracións locais

A segunda liña de axudas destina 3,12 millóns de euros para accións en empresas, institucións sen ánimo de lucro, e administracións locais tanto para biomasa como para xeotérmica, aerotermia e solar térmica. A contía das axudas será do 80% para a Administración local, do 50% para institucións, mentres que para as empresas dependerá do seu tamaño, podendo acadar o 70% no caso das pemes. Estarán incluídos os proxectos de district heating, que optarán a un máximo de 400.000 euros de apoio por proxecto.

Nesta convocatoria a axuda máxima por solicitante será dun millón de euros (cun máximo por proxecto de 200.000 euros en biomasa e 100.000 no resto de renovables). Agárdanse aforros duns 640.000 euros anuais para os beneficiarios destes apoios.

Os interesados poderán presentar as solicitudes do 31 de xaneiro ao 28 de febreiro.

Consulta aquí a orde de axudas

Axudas a empresas do sector agrícola, industria e servizos

Finalmente, destínanse 4,38 millóns de euros a empresas do sector da industria, servizos e agrícola primario -que por primeira vez se integra nesta orde- para a realización de auditorías enerxéticas, implantación de sistemas de xestión e proxectos de aforro e eficiencia enerxética.

Segundo o tamaño da empresa a contía da axuda será do 35% (grandes empresas), 45% (medianas) e 55% (pemes).

Os interesados tamén poderán presentar as solicitudes do 31 de xaneiro ao 28 de febreiro.

Consulta aquí a orde de axudas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información