Convocadas as axudas da PAC, con polémica sobre o pago verde

Unións Agrarias estima que o modelo de ‘greening’ deseñado pola Xunta obrigará a reducir a superficie de millo nas explotacións de vacún

Convocadas as axudas da PAC, con polémica sobre o pago verde

Unións sostén que haberá que reducir a superficie de millo.

Medio Rural vén de publicar no DOG a convocatoria de axudas da Política Agraria Común (PAC) e do Plan de Desenvolvemento Rural, que se poden solicitar ata o 15 de maio. O novo periodo 2015-2020 da PAC introduce importantes cambios en relación ó anterior ciclo de axudas. Unha das novidades radica no chamado pago verde ou ‘greening’, unha axuda orientada a promover a diversificación de cultivos e outras prácticas beneficiosas para o medio. En Galicia, Unións Agrarias cuestiona os requisitos a cumprir para o cobro do pago verde, segundo nota de prensa enviada onte.

A orixe da polémica radica na posibilidade que abre a normativa para que as explotacións queden exentas das obrigas do greening. Se o produtor dispón de alomenos un 75% da súa superficie a pradeiras, non tería que cumprir coas esixencias do pago verde. Unións interpreta que a maioría das explotacións lácteas poderían cumprir con esa porcentaxe de pradeiras no comezo da primavera, xa que é habitual que as superficies que se sementan a millo estean antes con herba.

Sen embargo, a convocatoria da Xunta deixa claro que, a efectos de indicar o cultivo que vai en cada superficie, só se computarán os cultivos que estean no periodo maio-setembro, época de cultivo do millo. Iso impedirá que moitas explotacións queden exentas de cumprir cos requisitos do ‘greening’.

O ‘greening’ ou pago verde obriga ós produtores con máis de 10 hectáreas de superficie a contar con dous cultivos, sen que ningún deles supere o 75% do total. Se a superficie do agricultor supera as 30 hectáreas, serán tres os cultivos que teña que xustificar. A maiores, un 5% da superficie debe quedar a barbeito ou cultivos fixadores de nitróxeno.

“En comunidades veciñas como Asturias si se poden computar as pradeiras na primavera” (Óscar Pose)

Eses requisitos obrigarán á unha parte das explotacións lácteas a un cambio de manexo da superficie e á introdución de novos cultivos. Desde Unións Agrarias, o seu secretario de Servizos, Óscar Pose, critica os requisitos deseñados pola Xunta: “En comunidades veciñas, caso de Asturias, si se poden computar as pradeiras na primavera para que as explotacións queden exentas do requisito do pago verde. Non entendemos por que aquí non se quixo facer.

A organización agraria considera que en Galicia haberá que modificar o manexo de arredor de 15.000 hectáreas de superficie: “Están dicíndonos sempre que temos que aumentar superficie para producir máis forraxe e agora atopámonos con que teremos que reducir a produción de millo, que é o que permite baixar os custos de produción. A maiores, haberá que deixar un 5% da superficie a barbeito ou con outros cultivos que non nos aportan tanto como o millo”, sinala Óscar Pose.

Axudas de Desenvolvemento Rural
A orde de convocatoria das axudas abre o periodo tanto para a solicitude das subvencións da PAC como das derivadas do Plan de Desenvolvemento Rural 2014-2020. En canto ás axudas de Desenvolvemento Rural, figuran as indemnizacións compensatorias para zonas desfavorecidas e as antigas axudas agroambientais ou de Contrato de Explotación Sustentable, agora englobadas no capítulo de axudas para agroambiente e clima como axudas para extensificación en vacún de leite e para xestión sustentable de pastos (en produción de carne).

No grupo de axudas de agroambiente e clima, aparecen tamén axudas para apicultura e para razas autóctonas en perigo de extinción. Outro grupo de subvencións vai dirixida ó mantemento ou conversión de superficies á agricultura ecolóxica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información