“Controlar as malas herbas só con herbicidas leva á aparición de resistencias”

Entrevista a Jordi Recasens, catedrático da Escola Técnica Superior de Enxeñaría Agraria da Universidade de Lleida e profesor de Botánica Agrícola e Malherboloxía.

Publicidade
Publicidade
“Controlar as malas herbas só con herbicidas leva á aparición de resistencias”

Jordi Recasens

A aparición de malas herbas resistentes a herbicidas é un problema crecente que dificulta a agricultura, sobre todo nos países avanzados. Así, España é o sétimo país do mundo e o segundo de Europa con máis casos rexistrados.

Para afrontar esta problemática a compañía de solucións agrícolas en sanidade e nutrición vexetal, ASCENZA, impartiu o pasado mes de febreiro na Universidade de Lleida un curso no que formou a 26 técnicos no recoñecemento de malas herbas, gramíneas e dicotilendóneas, en estado de plántula.

O curso estivo impartido por 5 profesores e foi dirixido polo catedrático da Escola Técnica Superior de Enxeñaría Agraria (ETSEA) e profesor de Botánica Agrícola e Malherbología, Jordi Recasens, un experto a nivel estatal nesta problemática.

Como xurdiu o seu interese pola malherboloxía?
Eu xa tiña formación botánica grazas aos meus estudos universitarios, pero no ano 1981 asistín a un curso de recoñecemento de malas herbas que organizou a Institució Catalá d’Estudis Agraris en Barcelona e que espertou a miña curiosidade. No ano 1982 obtiven unha praza de profesor de botánica agrícola na Escola Técnica Superior de Enxeñaría Agraria de Lleida e iniciei unha liña de investigación neste tema xunto co meu colega Andreu Taberner, responsable do servizo de Malherboloxía da consellería de Agricultura da Generalitat de Catalunya.

Como definiriamos unha mala herba?
O atopar unha definición acertada é un tema recorrente e motivo de moitos debates. Pero a resposta é fácil: “toda planta ou comunidade vexetal que interfire cos obxectivos das persoas”.

Unha especie pode ser mala herba nun escenario e situación concreta e en cambio ser beneficiosa noutro. As soaxes, acelgas, cenorias, etc. son plantas cultivadas pero tamén teñen formas silvestres que poden ser malas herbas. E inversamente, moitas crucíferas son malas herbas de campos de cultivo, pero achegan tamén servizos ecosistémicos ao favorecer a presenza de polinizadores cando se atopan en floración. Por iso unha mala herba éo nunha situación concreta, pero pode non selo noutra.

Cales son as malas herbas que máis problemas están a xerar neste momento, tanto en cultivos de cereais como de millo?
En campos de cereal son ben coñecidos os problemas causados por gramíneas como Lolium rigidum (vallico), Avena sterilis (avea tola), Bromus diandrus (bromo), Papaver rhoeas (mapoula), non só pola súa proliferación e dificultade de control senón pola crecente presenza de biotipos resistentes a herbicidas.

En millo, segundo as zonas, podemos citar Sorghum halepense (cañota), Chenopodium album (fariñento) ou Echinochloa crus-galli (pata de galo) no val do Ebro, ou Cyperus sculentus (xuncia) ou Datura stramonium (estramonio ou figueira do inferno) na zona noroeste de España.

Por que é tan importante detectalas en estado de plántula?
Mediante un correcto recoñecemento en estado moi precoz non só identificamos o problema senón que ademais podemos tomar unha decisión acertada en canto aos métodos de control a planificar.

Que parámetros debe ter en conta o agricultor á hora de identificar as malas herbas?
En primeiro lugar coñecer o seu ciclo e estacionalidade e saber se se trata de plantas anuais -que proceden de semente- ou ben plurianuais -que agroman a partir de órganos subterráneos-. En canto a caracteres morfolóxicos, para as dicotiledóneas (herbas de folla ancha) a forma e tamaño dos cotiledóns así como a disposición e posible pilosidade das primeiras follas. Para as gramíneas, a presenza de pelos, aurículas, tipo de lígula, prefoliación da folla ou compresión da vaina.

“Para controlar as malas herbas con eficacia é imprescindible combinar métodos químicos con mecánicos e culturais”

Cales son os erros máis comúns ou deficiencias que detectas nas prácticas agrícolas e que favorecen as malas herbas?
O principal erro consiste en depender soamente dun método de control. Se só é mecánico ou químico imos seleccionando involuntariamente as especies que mellor se adaptan aos devanditos manexos.

Por iso resulta imprescindible ter estratexias de control integrado, onde os métodos, químicos, mecánicos e culturais poidan integrarse sen dar prioridade a ningún deles.

En canto á utilización de herbicidas, ¿Que aspectos consideras claves para que resulten efectivos e non se produzan problemas de toxicidade para os cultivos?
Os herbicidas están rexistrados e autorizados para distintos cultivos en base aos estudos de eficacia e de selectividade. Para garantir un uso correcto, resulta imprescindible estar ben asesorado por parte dun técnico experto en sanidade vexetal, e que teña coñecementos profundos de malherboloxía.

Está a ser cada vez máis difícil controlar as malas herbas nos cultivos?
Resulta cada vez máis difícil se dependemos só dun método de control. Chegouse a depender en exceso dos métodos químicos. Os herbicidas son unha ferramenta moi eficaz, versátil e relativamente económica, pero depender só deles non resolve o problema das malas herbas. A eficacia dos herbicidas pode verse moi favorecida se se integran con outros métodos de control.

Estratexias de tipo cultural como rotación de cultivos, densidades e datas de sementeira, posibles labores do terreo, etc. poden reducir a presenza de malas herbas e facer entón máis eficaz unha aplicación de herbicida.

A integración de métodos culturais, mecánicos e químicos define o concepto de manexo integrado. A curto prazo, a súa implementación pode resultar difícil ou pouco atractiva, pero a medio prazo os resultados sempre serán máis favorables que utilizar só métodos químicos.

Por que aparecen as resistencias aos herbicidas e como deberiamos actuar para previlas?
As plantas resistentes non aparecen senón que xa están presentes dentro dunha poboación pero cunha frecuencia baixísima (unha entre millóns). O uso reiterado dun herbicida cun mesmo modo de acción non fai máis que ir seleccionando, ano tras ano, ás plantas resistentes. Os descendentes desas plantas resistentes seleccionadas tamén o serán. Así, en poucos anos a proporción de plantas resistentes pode ser maioritaria nun campo.

Se imos utilizando herbicidas co mesmo modo de acción, aínda sendo moléculas e produtos con nome distinto, imos agravando o problema. Por iso é recomendable diversificar os modos de acción dos herbicidas que se van utilizando un ano tras outro e sobre todo integralos con métodos de control mecánico e cultural.

 “España é o sétimo país do mundo e o segundo de Europa con máis casos de malas herbas resistentes a herbicidas”

Que especies consideras que están a desenvolver unhas resistencias máis preocupantes?
España é o sétimo país do mundo e o segundo de Europa con máis casos de especies de malas herbas resistentes a herbicidas. En cereais de inverno son problemáticos os casos de resistencia cruzada (a distintos herbicidas que actúan sobre un mesmo mecanismo de acción) e mesmo múltiple (a herbicidas con diferente mecanismos de acción) detectados en poboacións de Lolium rigidum (vallico) e Papaver rhoeas (mapoula).

En millo coñécense casos de Sorghum halepense resistente a sulfonilureas. En arroz hai casos de resistencias nos xéneros Alisma, Echinochloa e Cyperus. E coñécense casos de resistencia a glifosato en especies do xénero Conyza en oliveiral e froiteiras de rega e de Lolium rigidum en cítricos.

 “A xuncia contrólase ben se se priva de luz durante primavera e verán, por exemplo con sorgo a alta densidade”

No caso de Galicia unha especie que preocupa aos gandeiros que sementan millo forraxeiro é a xuncia ou Cyperus rotundus. ¿Cales consideras que son as claves para o seu bo control?
En millo en Galicia adoitan ser frecuentes as especies Cyperus rotundus e C. esculentus. As dúas mostran unha alta capacidade de rexeneración a partir de tubérculos subterráneos que permanecen no chan dunha campaña a outra. Por esta razón o seu control non resulta fácil pero existen herbicidas (p.e. sulcotriona, tembotriona e mesotriona) que achegan boas eficacias.

Pero non debemos pensar só en métodos químicos. Estas especies vense moi inhibidas se se lles priva de luz durante primavera e verán. Hai estudos que verifican que o sorgo sementado a alta densidade inhibe significativamente a emerxencia da xuncia. Por iso ,a posible inclusión nunha rotación deste ou outro cultivo que xere suficiente sombra e competencia, podería favorecer o manexo desas malas herbas.

Outra especie que trae de cabeza a moitos gandeiros, sobre todo en pastoreo, é o Rumex. ¿Que recomendacións lles darías para evitar a infestación desta mala herba?
Certas especies do xénero Rumex como R. obtusifolius e R. crispus, mostran unha capacidade de adaptación moi rápida en campos sometidos a segas periódicas e en ambientes con elevada humidade. Cos anos, a pesar de verse sometida a pastoreo ou sega, a planta adquire maior presenza, especialmente a nivel subterráneo onde desenvolve unha cepa persistente e vigorosa. Campos de alfalfa con presenza de Rumex chegan a tratarse con herbicidas específicos.

En pasteiros unha posible recomendación sería ,en función do nivel de infestación despois duns anos, un laboreo do terreo que favorecese o desenterro das cepas e o seu secado ao exterior.

“O glifosato é unha ferramenta cunha moi boa relación custo-eficacia e non está clara a súa toxicidade”

En Francia e noutros países europeos están a tender á limitación e mesmo a prohibición do glifosato. ¿Como valoras a súa eficacia no control das malas herbas?, ¿é merecente da mala fama que arrastra?
A Unión Europea deu un novo prazo de autorización até decembro de 2022 do uso do glifosato. Este herbicida é un dos máis eficaces até agora coñecidos, o seu uso resulta moi importante en campos de cereal con sementeira directa ou no manexo de malas herbas baixo as fileiras de froiteiras ou viñas.

Existe unha gran controversia sobre o seu uso e posible toxicidade. A EFSA (Axencia Europea de Seguridade Alimentaria) e a ECHA (Axencia Europea de Produtos Químicos) nos seus respectivos informes de outono 2015 e outono 2017, emitiron senllos informes nos que se descartaba que houbese evidencias científicas que puidesen considerar o glifosato como mutaxénico, carcinoxénico ou tóxico para a reprodución.

A controversia vén da catalogación que fixo en 2015 a IARC (Axencia Internacional de Investigación sobre o Cancro) ao publicar un informe que cualificaba ao glifosato como “probable carcinoxénico”. Debemos engadir que nese mesmo grupo (2A) esa axencia incluíu tamén a herba mate e as carnes vermellas.

Así mesmo, outra realidade está no impacto económico e agronómico que este herbicida tivo e ten na agricultura, xa que o glifosato deveu unha ferramenta cunha moi boa relación custo-eficacia, feito que xustifica o gran incremento que houbo no seu uso desde a súa descuberta. En caso dunha hipotética prohibición, as alternativas de futuro pasarían por utilizar herbicidas distintos ao glifosato e/ou nun aumento dos labores do solo, o que implicaría un maior custo de produción para moitas explotacións.

Do 8 ao 10 de outubro celebrarase en Vigo o XVII Congreso Sociedade Española de Malherboloxía. ¿Podes adiantarnos algo dos temas que se tratarán neste foro?
O congreso ten como lema “Novas estratexias para novos retos” e quere reflectir o interese actual da investigación en malherboloxía cara á procura de métodos alternativos que permitan establecer estratexias de control eco-innovadoras, avanzar cara á implementación de estratexias de manexo integrado, profundar en aspectos fisiolóxicos dos mecanismos de resistencia a herbicidas e previr o risco da expansión de especies invasoras. Os detalles do congreso poden atoparse na páxina web: https://semh2019.gal/.

O grupo que organiza o evento é o grupo de investigación “Agrobioloxía Ambiental: calidade de solos e plantas” (agrobiologia.webs.uvigo.es) e actua como presidenta do comitè organizador a Dra. Nuria Pedrol, especialista na alelopatía e control de males herbas.

“En España falta formación en malherboloxía nas enxeñarías agrarias”

En que estás a centrar o teu traballo de investigación nestes momentos? Que liñas de traballo crees que se deberían potenciar dentro da Malherboloxía?
O grupo de investigación que coordino na Universidade de Lleida céntrase, na actualidade, no manexo integrado de malas herbas en cereais de inverno e viña. No primeiro caso co fin de profundar nos mecanismos de resistencia de certas malas herbas a herbicidas e en establecer estratexias de control. En viña, estamos implementando o uso de cubertas vexetais nas rúas e de acolchados (mulching) baixo as liñas do cultivo co fin establecer, en viña convencional, métodos de control de malas herbas alternativos ao uso de herbicidas ou, en viña ecolóxica, ao pase de intercepas. Estes estudos van acompañados de traballos experimentais concretos que permiten afondar en aspectos sobre a xerminación, emerxencia e desenvolvemento de certas especies problemáticas.

Algo máis que queiras engadir?
Non quixese finalizar sen pór de manifesto a necesidade dunha maior formación no ámbito da sanidade vexetal, e en concreto da malherboloxía, nos titulados universitarios en enxeñaría agraria de España.

Existe unha carencia importante de contidos en malherboloxía nos plans de estudo de moitos centros universitarios onde se imparte ese grao. Esta carencia pode desembocar nunha falta de formación dos técnicos e asesores dos nosos campos e en consecuencia nunha dificultade á hora de identificar un problema e tomar unha decisión. As malas herbas non son un problema menor da nosa agricultura. Por iso a prevención sempre será mellor que calquera actuación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información