Control da bacterioloxía do leite

Artigo de José Ignacio Miguel García, director Técnico de RumiEspaña/Óptima Cleaning&Healthcare, que esta semana participou no "Curso Técnico de Manexo de Muxido" organizado pola EFA-Fonteboa.

Control da bacterioloxía do leite

Sala de muxido.

O control da bacterioloxía do leite é clave para ter unha maior sanidade na explotación, mellor calidade de leite, mellor prezo do mesmo e maior seguridade alimentaria.

A lexislación europea esixe ás explotacións de gando vacún unha calidade hixiénica do leite para a súa recollida. A bacterioloxía ten que estar por debaixo das 100.000 bacterias/ml e as células somáticas por debaixo das 400.000 células/ml. As centrais lácteas priman a consecución de mellores números, variables segundo a industria, pero que adoitan estar por debaixo das 20.000 bacterias e por debaixo das 125.000 células somáticas.

Para un control axeitado da bacterioloxía e das células somáticas é necesario facer un traballo pormenorizado e exhaustivo en toda a explotación. Calquera cousa que se realice mal nesta, inflúe na calidade hixiénica do leite.

O primeiro que hai que facer é unha correcta interpretación dos datos que nos achegan os diferentes laboratorios interprofesionais do leite, que nos dan unha información valiosa para a correcta interpretación e poder, desta forma, poñer os medios axeitados para a corrección necesaria do problema.

rumiespaña_01

Datos de análise do leite

Normalmente adoitamos quedar, á hora de ver os resultados, nas medias da graxa, proteína, bacterioloxía e células somáticas. E a verdade é que hai que ir máis alá. Por enriba das medias, é necesario analizar os distintos resultados que ofrecen as analíticas das mostras tomadas ao longo do mes.

Como norma xeral, podemos dicir que:

rumiespaña_04

Os resultados das mostras individuais indícannos como vai a explotación en canto a alimentación, sanidade e manexo. É necesario fixarse nas variacións/oscilacións dos parámetros medidos e comprobar se as subas coinciden con cambios de corte, manexo da alimentación, cambios na dieta, condicións climáticas, saneamento, vacinacións, estrés, etc.

Control bacteriolóxico

Para controlar un problema bacteriolóxico en granxa, o primeiro que hai que ver é se este aumento está asociado ou non a un incremento no número de células somáticas.

Se hai bacterioloxía alta e células somáticas baixas:

Revisar a limpeza do circuíto, a rutina no uso do deterxente alcalino e ácido, a presión do lavado, dobraduras e estreitezas no circuíto. Un parámetro moi importante é a temperatura da auga de lavado. O enxaugado consegue auga fría e a limpeza co deterxente alcalino clorado é con auga quente. Se este auga quente está a temperatura maior de 70ºC, provoca que o cloro do deterxente se volatilice e perda a súa función de desinfección. O deterxente ácido débese usar é estes casos un mínimo de 4 veces por semana.

Revisar o funcionamento do tanque de frío: canto antes baixe a temperatura do leite mellor e esta debe estar a 4ºC.

Revisar así mesmo o correcto lavado deste tanque.

Toma de mostras o máis correcta posible: limpeza do cazo de recollida, correcta identificación, conservación en refrixeración da mostra… As mostras de leite deben ser recollidas tras unha axitación do leite de mínimo 5 minutos para que a mostra sexa o máis homoxénea posible.

Se hai Bacterioloxía baixa e células somáticas altas:

Problema máis complexo xa que adoita estar relacionado coa presenza de mamite, sobre todo de carácter subclínico.

Importante primeiro identificar os animais con mamite, xa sexa a través do CMT ou a través do sistema Mastimilk. Este último ten a vantaxe da súa inmediatez, fiabilidade e poder facer todos os animais e todos os cuarteróns nunha soa sesión de muxidura.

Unha vez identificados os animais, convén facer toma de mostras para a identificación e antibiograma do xerme implicado. Esta identificación serve, así mesmo, para orientarnos na orixe do problema. Non é o mesmo a presenza dos estafilococos coagulase negativos que un aureus, estreptococo, ambientais ou un corynebacterium.

Revisión da rutina de muxidura, testaxe da sala (importante)

Revisión da hixiene da cama, salas de espera, aspersores de auga en caso de zonas cálidas, etc.

Revisión do protocolo de selado de mamilas, rotación dos principios activos, revisión da punta das mamilas…
Individualizar a explotación: Cada unha delas ten un problema diferente e polo tanto a solución é distinta.

Revisión da alimentación: Un parámetro importante é o nivel de urea en leite. Esta urea dános información do aproveitamento da proteína da porción. Se está alta, o que podemos afirmar é que hai un exceso de proteína degradable, que se transforma en amoníaco e que vai a ril e fígado transformándose en urea. Esta urea, se está alta, diminúe a inmunidade, aumenta o índice de mamite e diminúe a fertilidade. Isto é doado de comprobar cando as vacas saen a pasto verde, onde hai un maior impulso de leite, un aumento nas mamites e un aumento no número de inseminacións. Cando isto acontece, hai que facer unha modificación na fórmula do penso para aumentar a enerxía rápida da porción.

Revisión do protocolo de secado das vacas: Uso de cánulas en función dos xermes activos na explotación. Este período é importante e inflúe na incidencia de mamites posteriores e na cantidade de leite producida por vaca. Este período ten tres fases importantes:
-Fase de Involución activa: A vaca déixase de muxir, prodúcese un aumento da presión intramamaria, a mamila acúrtase e ensánchase. É unha fase crítica que dura máis ou menos 3 días. É o período principal para mamite por coliformes e estafilococos.
-Fase de Involución Estable: Período de maior inmunidade mamaria, maior actuación da lactoferrina e onde se produce a renovación celular. A súa duración é variable e é o período que se pode acurtar en duración.
-Fase de Calostrogénesis: Aproximadamente 15 días antes do parto. Aumenta a circulación sanguínea, síntese de costro e a produción de inmunoglobulinas. Pódense producir edemas mamarios. Baixa a lactoferrina defensiva e é un período de risco para a entrada de bacterias patóxenas.

A alimentación durante o secado é fundamental: É importante ter claros os niveis de calcio e magnesio se se usan sales aniónicos no preparto. Así mesmo, é importante controlar o nivel de betahidroxibutirato en sangue e glicosa, xa que hai unha diminución na sensibilidade dos tecidos á insulina e a vaca, incapaz de usar a glicosa como fonte de enerxía, usa a graxa como fonte, producíndose un aumento dos corpos cetónicos e con iso a cetse, causando unha baixada de inmunidade, problemas de retención de placenta, metrite, mamite e coxeiras.

Se hai Bacterioloxía alta e Células Somáticas altas:

Aplícase todo o anterior, extremando a identificación dos animais, tratando as vacas con mamites clínicas e retirando o leite que vai a tanque. Eses animais móxense ao final e valórase se van a secado. O recomendable é tratar os animais que van a secado coma se fose unha mamite clínica, comprobar a curación e pasala a secado co tratamento correspondente. É habitual que vacas que se secan con mamite clínica cheguen a parto con mamite. Esas vacas teñen perdida a lactación, teñen peor costro e adoitan ser animais propensos a máis patoloxías.

José Ignacio Miguel García

Director Técnico de RumiEspaña/Óptima Cleaning&Healthcare
jimiguelvet@gmail.com

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información