Consumir ovos sen preocuparse polo colesterol

Unha tese de Xaquín Antón Vázquez desenvolveu produtos alimenticios a base de ovo con altos contidos de ácidos graxos omega 3 e máis saudables a nivel cardiovascular

Consumir ovos sen preocuparse polo colesterol

Xaquín Antón Vázquez, segundo pola esquerda, e Bernardo Pérez, no centro, tras a defensa das súas teses.

Comer moitos ovos ten mala prensa polo seu contido en colesterol, aínda que o sector agroalimentario esfórzase desde hai anos en derribar ese mito. Unha tese desenvolvida na Universidade de Santiago (USC) ofrece agora alternativas para consumir ovos dun xeito máis saudable, sen ter que preocuparse do colesterol. A investigación, realizada por Xaquín Antón Vázquez, licenciado en Químicas e directivo de Clavo Food Factory, xerou produtos a base de ovo enriquecidos con ácidos graxos omega 3, que se caracterizan polo seu efecto cardiovascular positivo, e con menos colesterol.

O traballo creou produtos que agora non existen no mercado en forma de barras de ovo cocidas e pasteurizadas. A esas barras engadíronselle tres fontes diferentes de ácidos graxos esenciais: aceite de sementes de liño, aceite de microalgas e aceite de pescado. O resultado son ovoprodutos con alto contido en ácidos graxos omega-3.

A adición de quitosano, unha sustancia que se obtén da cáscara de crustáceos, reduce a absorción de colesterol polo organismo

Outra das achegas da investigación foi o desenvolvemento dun ovoproduto con ata un 45% menos de colesterol, a partir da adición de quitosano, unha sustancia que se pode obter da cáscara dos crustáceos e que se caracteriza por ser un absorbente das graxas. O quitosano confírelle ó ovo ademais propiedades antioxidantes e antimicrobianas.

A tese de Xaquín Antón Vázquez, titulada ‘O ovo: características nutricionais, efectos do seu consumo a longo prazo e desenvolvemento mediante procedementos tecnolóxicos de ovoprodutos funcionais’, realizouse no Laboratorio de Hixiene, Inspección e Control de Alimentos da USC. O director do Laboratorio, Alberto Cepeda, destaca o resultado do traballo, a obtención de produtos cun menor nivel de colesterol. “Entre outras cuestións, a investigación desestruturou os compoñentes do ovo e volveunos estruturar dun xeito no que o contido de colesterol era menor”, suliña.

Seguridade na industria alimentaria
Outra tese desenvolvida no Laboratorio de Control de Alimentos da USC foi a realizada por Bernardo J. Pérez, licenciado en Bioloxia e tamén directivo de Clavo Food Factory, sobre ‘Novos retos para a industria alimentaria: elaboración de alimentos nutricionalmente axeitados con mínima alteración organoléptica alerxenicamente seguros’. O traballo valorou cuestións como o efecto que ten o tipo de aceite que se emprega na pre fritura e na fritura final de alimentos precociñados.

Unha segunda tese valorou o efecto do tipo de aceite empregado para a fritura de alimentos precociñados

A investigación concluiu que é máis importante a calidade do aceite doméstico que o empregado na pre-fritura industrial á hora de determinar a calidade nutricional do produto. A combinación de procesos pre fritura con aceite de oliva e a terminación doméstica en forno constitúen a mellor opción para obter un alimento saudable, segundo esta tese.

Tamén se valorou o emprego de ingredientes con multitude de axentes alerxénicos nunha planta alimentaria, concluíndose que é posible elaborar na mesma planta liñas de alimentos sen alérxenos sempre que se empreguen boas prácticas na industria elaboradora.

Proxectos de I+D
Ambas teses de investigación foron desenvoltas a partir de proxectos de I+D (Investigación + Desenvolvemento) impulsados pola USC en colaboración con Clavo Food Factory, unha industria alimentaria de carácter familiar que ten a súa sede en Caldas de Reis (Pontevedra) e que conta tamén cunha planta en Tordesillas. Clavo Food adícase á elaboración de produtos conxelados, platos preparados, refrixerados e cociña precociñada, tanto para o fogar como para a hostelería.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información