Consellos para o cultivo da horta en abril

Publicidade
Consellos para o cultivo da horta en abril

Abril é  un mes de moita actividade na horta pois marca o inicio para plantar a maioría dos cultivos de verán (xudías, tomates, leitugas, patacas de tarde, cabazas..). Aínda que a posibilidade de xeadas adoita ser moi escasa, si que poden darse importantes oscilacións térmicas e algunha saraibada polo que haberá cultivos que, se os plantamos en exterior, teremos que protexer.

Os devanceiros, sabedores da importancia deste mes para a colleita de todo o ano, deixaron ditos como “Abril que non chove, deixa ao labrego pobre”.

Velaquí algúns consellos:

– Sacharemos as plantas sementadas no mes anterior, como patacas, chícharos, fabas lobas, leitugas ou brásicas (repolo, brócoli, coles…). Sempre debemos facelo con tempo soleado e seco.

– Quitaremos da terra os últimos cultivos de inverno, especialmente os porros, que durante este mes tenderán a grelar.

– Realizaremos unha sacha de cultivos plantados nos meses de inverno, allos e cebolas. A calor e a humidade favorecerán a aparición de mildeu ou rolla, polo que é recomendable facerlles un tratamento antifúnxico sulfatando con cobre e, no caso dos allos, engadirémoslle un pouco de xofre.

– No caso das patacas de cedo, se xa están nadas tamén é recomendable facerlles un tratamento con sulfato de cobre para previr a aparición de enfermidades.

– Neste mes, tamén podemos empezar a plantar as patacas de tarde. Para os que sigan o calendario lunar, preferentemente en lúa minguante.

– En canto ás sementeiras, podemos facer en exterior alcouves de leituga, porro, acelgas, remolacha…etc.

– Dende finais de abril e até principios de maio é o momento tamén de plantar en exterior todo tipo de cucurbitáceas. É dicir, cabaciña, cogombro, cabaza, melón, sandía..etc.

– Tamén podemos plantar en exterior cara fin de mes xudía, tanto baixa como de enrame, acelga e leitugas que, se todo vai ben, podemos colleitar a finais de xuño.

– É un bó momento tamén para plantar cenouras, preferentemente en lúa minguante. Se as asociamos con porros, mellor, porque o porro libera substancias que combaten pragas da cenoura, como a mosca branca.

– Polo demáis, e a partir de mediados ou finais de mes -dependendo da zona-, poderemos empezar a trasplantar ao exterior pementos, tomates e berenxenas. Algúns horteláns colócanlles botellas de plástico invertidas, co tapón desenroscado, a modo de miniinvernadoiro para protexelas do frío.

Lóxicamente, as condicións climáticas de Galicia varían moito dunha comarca a outra, polo que estes consellos haberá que adaptalos, atrasando as épocas de transplante en exterior se o clima é máis frío.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información