Consellos para o coidado das abellas nesta época

Javier Seijo Muras e María Dolores Torres Pérez, da Agrupación Apícola de Galicia, explican neste artigo os principais traballos de coidado da colmeas durante a primavera. As choivas e o tempo frío están a provocar que o inicio da campaña apícola este ano en Galicia vaia moi atrasado

Consellos para o coidado das abellas nesta época

Apicultor comprobando o estado do enxamio

Este ano hai que destacar un outono anormalmente cálido e seco, que dou paso a un inverno cunhas temperaturas que non son as habituais e, sobre todo, que fixeron que as abellas nas zonas costeiras non chegaran a facer unha parada de posta adecuada e no interior propiciaron que as colmeas estiveran moi activas ata tarde, sen ter moito onde ir libar e en cambio consumindo reservas.

A todo isto temos que engadir, dende xa fai uns anos na costa á nova inimiga para as abellas, a Vespa velutina, que ataca ata ben entrado decembro e nalgúns lares ata xaneiro, este ano tamén debido ás temperaturas anormalmente altas mantivéronse moito máis tempo asediando as colmeas e non deixándoas coller as reservas e poboación suficientes para despois pasar a invernada.

A pesar de todo isto, para os traballos apícolas de primavera hai que ter en conta sempre que durante o inverno xa temos que facer previsión deses traballos, realizando todo o traballo previo no almacén para así estar preparados para a saída ó campo. É dicir: a preparación das novas colmeas, o aramado dos cadros, a posta de novas láminas de cera nos cadros, a limpeza e fundido das ceras vellas ou inservibles…. Pois ben, despois de todo isto comezan os traballos de campo, que van ter que seguir o progreso das condicións meteorolóxicas e as floracións predominantes en cada zona.

Coa aparición das primeiras flores as colmeas van espertando do seu letargo invernal. Nisto as distintas rexións que topamos en Galiza van ao seu ritmo, seguindo as súas floracións e cada apicultor/a ten que coñecer moi ben a súa zona para estar preparado para elo.

Na apicultura de Galicia hai que diferenciar por unha banda as zonas costeiras: cun clima atlántico e con influencia mariña onde a presenza e floración do eucalipto, sobre todo a variedade globulus, vai marcar o arranque da tempada; e pola outra o interior cun clima continental e incluso nas rexións máis interiores cun clima de montaña e alta montaña, onde as ericas son as que marcarán as pautas florais de principios de ano.

As colmeas nas zonas costeiras

Para as zonas costeiras, os anos cunha boa floración do eucalipto esta dálle o primeiro néctar para o inicio do seu desenvolvemento, e cando as temperaturas comezan a subir dos 12⁰C, as raíñas comezan a espreguizarse. Nese intre é cando se lle pode dar un impulso con alimentación estimulante con complementos vitamínicos, xa que en xeral nas zonas costeiras, existe unha carencia de pole almacenado, e mentres o eucalipto ten unha alta produción en néctar, o seu pole é algo pobre como alimento para as larvas. Neste momento debemos iniciar a revisión das colmeas nas horas centrais do día, aquelas nas que as condicións de temperatura e sol o permitan, comprobando o seu arranque.

Que facer na primeira revisión?

Nesta primeira revisión, compróbase se teñen postura, o estado sanitario e as reservas que teñen. E nela podemos atopar distintas cousas:

-Nos casos que atopamos colmeas zanganeiras, (son aquelas que quedaron sen raíña e non lles deu tempo a crear outra, entón algunha abella obreira tomou as rendas da colmea e créese raíña poñendo ovos, pero a súa capacidade de postura é só para poñer ovos sen fecundar dos que nacerán abázcaros, posto que non os poden fecundar xa que non teñen espermatozoides para facelo) a mellor estratexia é unila a outra para non perder o gando que hai nela. Isto é moi importante non facelo despois de revisadas, senón que é mellor esperar a cando estean tranquilas, para evitar que haxa pelexas entre elas. O xeito de unilas é poñendo unha soa folla de papel sobre a cámara de cría da colmea que ten postura e raíña, e enriba, sen o fondo, a colmea zanganeira. Isto tamén se poderá facer no caso de colmeas febles ou con pouca poboación, pero que estean sas.

Abella parasitada por varroa.

Abella parasitada por varroa.

-Nos casos que atopamos colmeas con varroa, é interesante neste momento aplicarlle un tratamento autorizado, sexa ecolóxico ou convencional, sempre previo ao desenvolvemento total da colmea, xa que ao dispor dunha baixa cantidade de cría e poboación a efectividade é moito máis elevada. Ademais, hai que ter en conta que a medida que avance a tempada a carga de varroa vai ir aumentando de xeito exponencial, e despois ao mellor temos que parar a recollida por ter a carga de varroa moi alta e ter dificultades a colmea para chegar a finais de tempada.

Como indicaban os mestres abelleiros máis vellos hai unha época clave nas colmeas que é a chegada da floración do salgueiros. Con ela as colmeas inician o seu desenvolvemento máis importante debido a que ofrecen ás abellas un néctar abundante e rico, pero sobre todo un pole cunhas características óptimas para a cría. A floración destas árbores, soe acontecer cando as temperaturas xa son máis agradables e o tempo é algo máis estable, as horas de luz son maiores, todo isto permítelles ás nosas amigas ter máis tempo aproveitable para recoller o prezado pole e néctar.

Nestes intres, comézanse a ver os primeiros abázcaros saír das colmeas. Estes precisan uns 16 días para alcanzar a súa madurez sexual, dándonos os indicios para programar a multiplicación do noso apiario e a posible saída de enxames, xa que as abellas, que levan miles de anos de evolución, esperan por natureza a que os machos estean maduros para a cría das novas raíñas, o que non impide que coas variedades introducidas non suceda antes da madurez dos abázcaros, pero ese é outro tema que se iso trataremos noutra ocasión….

 “A floración do salgueiro é clave para as abellas”

Tamén hai outro momento importante para as colmeas na primavera, o inicio das floracións dos prados e as primeiras árbores froiteiras: cerdeiras, maceiras,etc… é o momento de facer os traballos de revisións e posta en marcha das colmeas, aproveitando os días solleiros e calmos, con temperaturas por enriba dos 12⁰C, toca revisar a fondo as colmeas.

Comprobando a evolución das mesmas, facendo limpeza de fondos… será tamén cando nos atopamos con colmeas pedindo oco, dicíndonos que teñen moita poboación e que as caixas que lles ofrecemos non son suficientes. Este é o indicativo do momento de renovar ceras, sacando da zona de cría cadros vellos, con mel vella, non produtivos, sen cría, ou roídos polo acceso indesexable de ratos cando a colmea estaba pasando o inverno. Substituirémolos por cadros con cera nova, sen estirar ou tamén denominada estampada. Débense colocar preto da cría, pero sen romper a súa harmonía interior e interrompendo o mínimo que poidamos a postura da raíña.

Colocación de alzas e de medias alzas

Neste espertar das nosas colmeas, cando xa teñen a súa casa chea de cría nova, é momento de darlle espazo coa colocación das caixas de recolección de mel, sexan alzas ou medias alzas; e no caso dos trobos , que aínda moitos abelleiros conservan, é momento para a captura dos novos enxames que saen, para deixar espazo no seu interior, renovando o sangue real.

Unha vez que as nosas abellas sitas en colmeas mobilistas, xa comezan a desenvolverse nas novas caixas que pomos enriba (alzas ou medias alzas), e cando xa vemos que o seu desenvolvemento é grande debido a que xa teñen máis que para o seu mantemento, é momento de pensar en nuclealas ou sacarlle un enxame, antes que elas por natureza decidan reproducirse libremente. Este traballo, que é coñecido polos nosos abelleiros, ten moitas formas de facerse, pero todas cunha base que non debemos esquecer, que son as abellas as que marcan o ritmo e non somos nós. Pero o xeito de nuclear ou dividilas xa o tocaremos noutro artigo, senón este faise moi longo.

No interior de Galicia o desenvolvemento das colmeas é máis tranquilo, marcado polas floracións. Así ao non ter unha floración de tan cedo coma o eucalipto, teñen un ritmo máis pausado e progresivo. Pero ao igual que nas zonas costeiras é o inicio da floración dos prados a que marca o inicio de desenvolvemento das colmeas e, nos lugares con salgueiro en abundancia, será éste o que indique o inicio da campaña, mentres noutras o será o breixo, cando as condición son as adecuadas e florece.

As colmeas no interior teñen a sorte de dispor dunhas boas reservas de pole, o que favorece que para a súa estimulación artificial, os alimentos líquidos e sen complementos funcionen sen problemas, de forma que poidamos adiantar a evolución das nosas colmeas e dividilas ou sacarlle algún enxame antes de que inicie a gran melada, e poidan ter no verán o seu máximo de abellas pecoreadoras para que a maiores do néctar que recollen para as súas reservas, recollan mel para que o poidamos esmelgar nós.

“As abellas fan a gran recolección na costa en primavera, e no interior no verán”

Debido á inmensa variedade de paisaxe, floracións e incluso climatoloxía dentro de Galicia e diferenzas entre a costa e o interior de Galicia, soe acontecer que polo menos hai 1 mes de retraso entre unhas colmeas e outras, ou máis ben entre unhas floracións e outras. E aínda diríamos máis: incluso hai diferenza dun mes dende Ourense capital e arredores e as zonas máis preto de Castela.

Así, temos que ter en conta que a gran época de recolección para as abellas no interior é no verán, mentres que na costa é na primavera. Isto danos marxe para poder facer transhumancia e aproveitar a floración da costa e despois levar as colmeas a aproveitar a do interior, manexo só aproveitado por algúns apicultores e co que duplican e mesmo triplican a súa produción, iso sí con moito traballo e dedicación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información