Consellos para facer un bo ensilado de leguminosas

Resumo da ponencia de Sonia Pereira Crespo na xornada técnica do CIAM "Novas leguminosas anuais nas rotacións forraxeiras para a produción de leite: Aspectos Agronómicos e nutricionais"

Consellos para facer un bo ensilado de leguminosas

Cun bo presecado da herba e utilizando inoculantes é posible facer un bo silo de trevos e raigrás.

Como facer un bó silo de leguminosas anuais? Esta foi a pregunta á que respondeu a investigadora Sonia Pereira Crespo durante as xornada “Novas leguminosas anuais nas rotacións forraxeiras para a produción de leite: Aspectos Agronómicos e nutricionais”, celebrada o pasado 19 de decembro no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM).

Aspectos básicos:

Sonia Pereira iniciou a súa ponencia explicando algúns aspectos básicos para entender a súa investigación:

1. A ensilaxe é unha técnica natural, trátase dunha acidificación natural pola fermentación dos azucres presentes na forraxe en ausencia de osíxeno, e realizada por bacterias lácticas.

2. Os principios básicos da conservación mediante ensilado son: conseguir condicións de anaerobiose (ausencia de osíxeno) na forraxe o antes posible, e diminuir o pH de maneira rápida ata un valor ideal de 4, co obxectivo de limitar a degradación proteica e impedir o desenvolvemento da flora butírica, os Clostrídios.

3. Á maior ou menor facilidade dunha forraxe para conservarse (fermentar) ben chamámoslle ensilabilidade, existen 3 aspectos fundamentais que caracterizan a ensilabilidade dunha forraxe:

  • 3a. O contido de carbohidratos solubles en auga, os azucres solubles, substrato para a fermentación láctica. A ensilabilidade depende da dispoñibilidade do substrato para a fermentación láctica.
  • 3b. O contido en materia seca da forraxe, importante tamén pola produción de efluente que ocasionaría importantes perdas de materia seca e un grave risco medioambiental.
  • 3c. A capacidade tampón, que se define como a resistencia que presenta a forraxe ás variacións de pH. Canto maior sexa a capacidade tampón dunha forraxe máis ácido láctico será necesario que se forme no ensilado para poder acadar o pH óptimo de 4.

A dificultade de facer bos silos de leguminosas

Neste sentido, recoñeceu que as leguminosas presentan nunha menor ensilabilidade que o millo ou o raigrás polo seu menor contido en azúcares e materia seca e a maior capacidade tampón, tal e como se recolle neste cadro:

SONIA_SILO_LEGUMINOSAS_03_STANDAR

Polo tanto, cómpre estudar estratexias para asegurar unha boa conservación destas forraxes ensiladas, co fin de preservar o seu alto valor nutricional. Partindo destas premisas, Sonia Pereira realizou un estudo sobre o efecto do presecado e uso de inoculante na calidade fermentativa dos ensilados de leguminosas anuais.

O estudo realizouno durante os anos 2010 e 2011, con dous períodos de presecado, un de 24 e outro de 48 horas, e tamén se avaliou o efecto da aplicación dun inoculante a base de bacterias lácticas homofermentativas.
As catro leguminosas anuais que se estudaron foron o trevo migueliano, o trevo encarnado, a serradela e o trevo persa resupinatum.

Fixeron 5 repeticións e un total de 160 silos de laboratorio para determinar cales son as mellores estratexias para asegurar un correcto ensilado das leguminosas anuais.

Importancia de facer un correcto presecado para reducir a humidade

E estes foron os resultados:

SONIA_SILO_LEGUMINOSAS_09_STANDAR

 

⦁ MS=Materia Seca; CSA= Carbohidratos; CF= Coeficiente de Fermentabilidade (menor de 35 baixa ensilabilidade, maior de 45 alta ensilabilidade).

No referente aos contidos en MS foron superiores os valores acadados no ano 2010, chegando a contidos de MS do 32% para o periodo de presecado de 48h. Estas diferenzas entre os dous anos nas perdas de humidade, cuns períodos de presecado de igual duración débense as diferentes condicións metereolóxicas durante o presecado.

No ano 2011, as perdas de humidade durante o presecado foron moito menores, chegando únicamente a valores do 25% cun presecado de 48h. No ano 2010 as condicións son máis favorables para que se leve a cabo un correcto presecado da forraxe, no ano 2011 a pesar que é unha data máis avanzada e con maiores temperaturas, a velocidade do vento foi menor, a humidade relativa maior e a insolación foi menor, polo que se as condicións non son boas non compensa presecar a forraxe.

No ano 2010 cun periodo de presecado de 48h, consecuencia das condicións óptimas para o correcto presecado, os coeficientes de fermentabilidade presentan valores cercanos ou superiores a 45, umbral a partir do cal se considera que a forraxe presenta unha ensilabilidade alta.

SONIA_SILO_LEGUMINOSAS_10_STANDAR

Por isto compre planificar adecuadamente as tarefas de ensilado, prestando especial atención as condicións climáticas.

Uso de inoculante

Unha vez comprobada a importancia de facer un bó presecado de 48 horas para acadar unha porcentaxe de materia seca dun mínimo de entre o 25 e o 30%, o seguinte paso da investigación de Sonia Pereira foi determinar o efecto do uso de inoculante sobre a calidade fermentativa de ensilados de leguminosas.

Para iso utilizou un inoculante comercial de bacterias lácticas homofermentativas sobre legumisosas con distintos presecados: 24 e 48 horas, e tamén un tratamento sen inoculante.

E os resultados foron os seguintes:

SONIA_SILO_LEGUMINOSAS_07_STANDARSONIA_SILO_LEGUMINOSAS_11_STANDAR

Como se observa, a calidade fermentativa dos ensilados melloran co uso do inoculante, sempre e cando a porcentaxe de materia seca sexa superior ao 25%. Polo tanto o uso de inoculante, por si só, non é suficiente para asegurar unha boa calidade de conservación.

Conclusións:

⦁ As leguminosas anuais estudadas presentan unha baixa ensilabilidade.
⦁ É posible obter ensilados ben conservados, se conseguimos elevar o contido en materia seca da forraxe até as proximidades do 25-30%, o cal foi conseguido mediante un presecado no campo de 48 h, con bo tempo.
⦁ Compre planificar adecuadamente as tarefas de ensilado, prestando especial atención as condicións climáticas.
⦁ O uso de inoculante é inefectivo con niveis altos de humidade.

Podes ver a ponencia completa de Sonia Pereira nesta ligazón. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información